O Instituto Galego de Consumo (IGC) ven de activar un novo operativo especial para reforzar a atención aos afectados por unha mala comercialización de preferentes e subordinadas.
Neste sentido, 40 persoas reforzan as oficinas do IGC nas sete grandes cidades galegas centrándose de maneira exclusiva na axilización dos trámites da arbitraxe, na achega de información sobre as posibilidades da vía xudicial, así como na resolución de dúbidas sobre os procesos de canxe, quita ou liquidez.
O operativo facilitará información, en horario de mañá e tarde de 9 a 14 horas e de 16 a 19 horas-, sobre as posibilidades da vía xudicial, que permitirá atender as demandas dos que foron vítimas dunha mala comercialización e non se están a beneficiar da arbitraxe. Para iso refórzase a atención aos afectados informándoselles sobre o o procedemento xudicial a seguir e as opcións de xustiza gratuíta nos supostos que contempla a lei.
Ademais, estase a facilitar información sobre os Servizos de Orientación Gratuíta dos sete colexios de avogados de Galicia coa fin de que os afectados poidan complementar toda a información recibida.
A Xunta continúa co seu apoio aos afectados que sufriron unha mala comercialización e segue a defender a vía da arbitraxe como a mellor forma posible para que o 100% dos aforradores recuperen o 100% dos seus aforros.
O Goberno galego ten postos todos os medios para activar a arbitraxe, unha vía a través da cal se conseguiu que 2 de cada 3 afectados que acudiron á esta recuperasen ou estean a piques de recuperar a totalidade dos seus aforros.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.