Notas de prensa

Silvia Pérez Cruz ofrece un concerto en Compostela o 8 de xuño na Cidade da Cultura

A gañadora dun Goya á mellor canción pola película “Blancanieves” actúa o sábado 8 de xuño ás 21:00 horas en compañía de Javier Colina Trío no Museo Centro Gaiás, no ciclo Pel de Galiña que continúa ata xullo con Gabriela Montero, Uxía e Gregory Porter.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria converte o sábado 8 de xuño o Museo Centro Gaiás nun grande escenario para acoller o concerto de Silvia Pérez Cruz, artista revelación do 2012 e recente gañadora dun premio Goya á mellor canción pola película Blancanieves.

A voz luminosa, cálida e versátil de Silvia Pérez Cruz estará acompañada na Cidade da Cultura por Javier Colina, un dos mellores e máis celebrados contrabaixistas actuais. Xuntos presentarán En la imaginación, traballo no que revisan clásicos da música cubana seleccionados e arranxados polo músico navarro. Ao feliz encontro de ambos os dous talentos súmanse Albert Sanz ao piano e Marc Miralta á batería, completando a formación jazzística.

O concerto de Silvia Pérez Cruz & Javier Colina Trío terá lugar o sábado, 8 de xuño, a partir das 21:00 horas e as entradas xa están á venda no Punto On da Cidade da Cultura ou a través de www.servinova.com a partir de 10 euros.

Música que emociona

Tras o éxito de Noa & Solis String Quartet, o de Silvia Pérez Cruz será o segundo concerto de Pel de Galiña, ciclo co que a Cidade da Cultura busca ofrecer cinco noites abertas á fusión, aos ritmos suxerentes, ás voces poderosas e cálidas e aos sons únicos.

O seguinte concerto do ciclo terá lugar o 21 de xuño, cando o Gaiás celebre o Día da Música ao son da pianista venezolana Gabriela Montero e as súas prodixiosas improvisacións. Xullo comezará da man de Uxía, unha das nosas grandes voces, que estará no Gaiás o día 12 acompañada de Sérgio Tannus, Xoan Porto, Paulo Silva e o fadista António Zambujo. A clausura deste ciclo terá lugar o 26 de xullo e estará protagonizada polo norteamericano Gregory Porter, considerado como unha das voces máis brillantes e persoais do jazz actual.

Todos eles compoñen un cartel marcado pola diversidade de estilos pero unido por un denominado común: ofrecer música que emociona. Con este ciclo, a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa afondando na configuración dunha programación para o Gaiás aberta a todos os públicos e ás máis diferentes disciplinas artísticas. Un programa cultural que non sería posible sen as aportacións da Fundación privada Gaiás, que financia as actividades que teñen lugar na Cidade da Cultura.

Entradas a partir de 10 euros

Os prezos para todos os concertos do ciclo Pel de galiña oscilan entre os 10 euros na Zona B e os 12 na Zona A, prezo ao que haberá que sumarlle os gastos de xestión no caso de que se adquiran no portal ou no teléfono de Servinova. As entradas tamén poderán adquirirse o mesmo día do concerto desde as 19:00 horas na billeteira do Museo Centro Gaiás a un prezo de 12 euros na Zona B e de 15 euros na Zona A.

A Cidade da Cultura tamén pon a disposición do público o pack3, polo que ao mercar dous billetes, o terceiro sae a un euro, é dicir, un total de 21 euros na Zona B e 27 euros na Zona A. Este pack3 só está dispoñible en venda anticipada a través do teléfono de Servinova 902 504 500 e consumible nun único concerto.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-06-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES