O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, presentou na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, o volume XXV dos Cadernos Ramón Piñeiro, co que o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), dependente da do departamento dirixido polo conselleiro Xesús Vázquez, lle rende tributo ao escritor homenaxeado con motivo das Letras Galegas 2013.
Durante o acto, García gabouse de que o CRPIH se sumase á celebración das Letras cun traballo de tanto interese e calidade. Referiuse ademais a Roberto Vidal Bolaño como un autor comprometido coa lingua do país e coa construción dun teatro profesional galego a quen se lle rende xusta homenaxe co XXV volume dos Cadernos.
Na presentación, o secretario xeral estivo acompañado polo profesor e crítico teatral, ademais de familiar de Roberto Vidal Bolaño, Manuel Quintáns Suárez; polo director científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Manuel González González e polos dous investigadores e codirectores dos Cadernos Ramón Piñeiro Luís Alonso Girgado e Xosé Luís Cochón Touriño.
Reflexións sobre o teatro
A publicación Roberto Vidal Bolaño. Escritos sobre teatro recolle reflexións do dramaturgo compostelán homenaxeado con motivo das Letras Galegas 2013 relativas á arte teatral, ora como espectador da escrita escénica doutros, ora como autor, director ou personaxe da súa propia montaxe. O caderno complétase con traballos de Luís Alonso Girgado, Manuel Quintáns, Xosé Luís Cochón e Gustavo Luca de Tena.
Os Cadernos Ramón Piñeiro
A colección dos Cadernos Ramón Piñeiro encádrase no proxecto de investigación homónimo que a Xunta de Galicia botou a andar no ano 2003. Dende esta data, os profesores Luís Alonso Girgado e Xosé Luís Cochón, co-directores dos Cadernos, levan dado a lume un total de 25 volumes centrados no pensamento e na cultura galegas e, nomeadamente, en escritores relevantes da nosa literatura. Entre eles están aqueles a quen se lles dedica cada ano o 17 de maio, cuxos textos inéditos ou correspondencia ven a luz nos Cadernos acompañados de breves pero valiosos estudos sobre a súa obra.
O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
O CPRIH, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, ten a finalidade de promover, desenvolver e darlles difusión a proxectos galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos. Na actualidade, centra as súas liñas de investigación en lingüística con aplicacións informáticas, en prosa e poesía medieval, na recuperación e análise de publicacións literarias e en proxectos de antropoloxía referidos á identidade colectiva.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.