Notas de prensa

Os incentivos fincais da Lei do Emprendemento aplicaranse retroactivamente

O presidente da Xunta di que esta decisión afectará á deducción do 20% do IRPF para os que invistan ou financien novas empresas, á reducción do 95% do imposto de sucesións e doazóns de diñeiro para emprender e á bonificación do 75% do imposto de patrimonio.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a aplicación das medidas fiscais previstas na Lei do emprendemento e de competitividade económica de Galicia con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro deste 2013. Segundo dixo, esta decisión ratifica a vontade do Goberno galego de non ser unha traba ou unha molestia para quen decide emprender, senón “un facilitador”.

O titular da Xunta, quen presidiu a xornada organizada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) con motivo do Día do Emprendendor, detallou as medidas fiscais contempladas na Lei que se aplicarán con carácter retroactivo: a dedución do 20% do IRFP, xa establecida na Lei de Orzamentos desde ano, para os que invistan en accións ou participacións de novas empresas ou as financien con créditos; a redución do 95% no imposto sobre sucesións e doazóns de diñeiro ou outros bens para a constitución dunha nova empresa sen límite de idade; a bonificación do 75% na cota do imposto sobre patrimonio por creación de empresa ou ampliación de actividade, que se amplía aos investimentos para adquisición de participacións en novas entidades ou para préstamos que xeren dereito a dedución no IRPF; a dedución nos actos xurídicos documentados para a adquisición de locais de negocios ou para a constitución de préstamos e hipotecas; e a extensión destas medidas ás cooperativas e ás sociedades laborais.

Alberto Núñez Feijóo asegurou que todas estas iniciativas son a proba de que “a Xunta aspira a converterse en socio institucional dos emprendedores galegos”, e o fai “axilizando trámites, simplificando a burocracia, suprimindo con carácter xeral as licencias de obra, de apertura, de funcionamento e de actividade, reducindo ao mínimo as cargas impositivas ou aprobando novos incentivos fiscais; é dicir, unha baixada selectiva de 4 impostos que animen a quen teña unha idea para que a converta en realidade”.

A Administración, ao carón dos emprendedores

“Emprender non pode ser unha carreira de obstáculos administrativos”, remarcou o presidente da Xunta, e engadiu que “a Administración non pode estar enfronte senón ao lado dos galegos que dan un paso adiante”. De aí, indicou, a decisión de “eliminar con carácter xeral as licencias” e que para a posta en marcha dunha nova actividade empresarial “abonde a comunicación previa á administración municipal.

Nese marco, Feijóo destacou a importancia da creación da “Unidade Galicia Emprende” para “avaliar os novos proxectos en menos de trinta días”, mentres que os “puntos de activación empresarial permitirán que a constitución dunha nova empresa se poida facer en 24 horas”.

Así mesmo, resaltou a activación dun fondo de capital risco específico e a habilitación de microcréditos para emprendedores co obxectivo de mobilizar entre ambas as dúas ferramentas 15 millóns de euros.

En sintonía coa nova lexislación estatal

Na súa intervención, o titular da Xunta enfatizou que a cooperación “pioneira” entre emprendedores e Administración está plasmada nunha “revisión normativa que cambia radicalmente a posición dos poderes públicos, tanto a nivel autonómico coa Lei do emprendemento, como a nivel nacional co proxecto lexislativo que o pasado venres presentou o Goberno.

A ese respecto, puxo en valor a sintonía da norma galega coa estatal, que prevé a creación da figura do emprendedor con responsabilidade limitada, a creación da figura da sociedade limitada de formación sucesiva, ou a decisión de que as pemes e os autónomos non paguen o IVE das facturas ata que non o cobren.

Segundo dixo, ambas as normas nacen da convicción compartida de que “un país non consiste soamente en vivir xuntos, senón en facer cousas xuntos, en loitar xuntos, en soñar xuntos e en constituír xuntos realidades”.

Día do Emprendedor

No Día Emprendedor, organizado polo Igape, están a participar máis de mil emprendedores, empresarios, estudantes e especialistas. A xornada inclúe varios itinerarios para mostrar exemplos de emprendemento con éxito, para promover novas oportunidades de creación de empresas ou para amosar as diferentes vías de acceso ao financiamento. Tamén se adestra a novos emprendedores nas habilidades necesarias para poñer en marcha novas empresas, e inclúense actividades centradas na importancia e as posibilidades da cooperación no eido do emprendemento.

O encontro contou cun relatorio de Pilar Jericó, especialista en estratexia e organización de empresas, profesora en escolas de negocio no Instituto de Empresa, ESADE e Universidade Carlos III, e autora de textos de referencia no ámbito da xestión empresarial e, especialmente, no referido á xestión do talento.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-05-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES