
Galicia Calidade está presente unha vez máis no Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade de Ourense Vinis Terrae, que se celebra no recinto feiral Expourense. Así, os asistentes ao evento poderán coñecer os viños das nove adegas amparadas na actualidade polo selo de calidade. O evento foi inaugurado hoxe polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.
En concreto trátase de Adega dos Eidos, Bodegas Nairoa, Adegas Tollodouro, Bodegas Ruchel, Gargalo, Bodegas Pazos de Villarei, Regina Viarum, Vilarvín e Castro Baroña. Con esta, o Salón de Viños e Licores de Calidade de Ourense cumpre a súa quinta edición, apostando firmemente pola profesionalización da feira e polo seu carácter netamente exportador.
Por unha banda, os caldos das nove adegas amparadas estarán presentes no Túnel do viño, onde os asistentes poderán degustar os produtos de todas as empresas expositoras e onde os viños que contan co selo Galicia Calidade terán un lugar reseñado. Por outro lado, da man do organización do evento, os asistentes tamén poderán gozar, na zona de degustación, dunha selección dos produtos alimentarios amparados pola marca de garantía. Desde os queixos, pasando polas conservas, os produtos de panadería ou os lácteos, entre outros, así como os licores amparados pola empresa Customdrinks, do grupo Hijos de Rivera, e que comercializados coa marca QUENZA.
Carácter exportador
O perfil do expositor de Vinis Terrae vai desde as adegas, as cooperativas ou mesmo as embotelladoras de licores ou oruxos con denominacións de calidade. O perfil do visitante deste salón, dado o seu carácter profesional, son os importadores e distribuidores, tanto nacionais como internacionais, de máis de 15 países así como a prensa especializada, que desexe coñecer os mellores viños galegos de calidade.
A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade está a apostar decididamente pola calidade dos produtos galegos, e en concreto, polo sector agroalimentario. Hai que reseñar que boa parte dos produtos amparados, máis do 90%, pertence a este sector. Na actualidade a marca de garantía conta con máis de 250 produtos amparados dun total de 48 empresas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.