O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, Valentín García, presentou Rosalía Pequeniña, unha nova acción das cinco que integran este ano o programa de dinamización lingüística FalaRedes 2013. Fíxoo acompañado por Xulio Amigo, representante da empresa encargada da xestión da actividade, a editorial Galaxia, e mais por Uxía Senlle, compositora e intérprete das cancións que compoñen o espectáculo.
Valentín García expresou a súa satisfacción polo feito de que a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) se sume con esta iniciativa á conmemoración do 150.º aniversario da publicación de Cantares gallegos, obra fundacional do Rexurdimento da lingua propia de Galicia a partir do século XIX. Con Rosalía pequeniña, afirmou, miramos cara ao pasado, pero tamén cara ao presente e cara ao futuro, pois cumprimos o dobre obxectivo de honrarmos unha das nosas máis grandes figuras literarias e mais o de transmitírmoslles aos nenos e nenas unha imaxe positiva e actual da lingua galega. Neste sentido, o secretario xeral de Política Lingüística quixo destacar que Rosalía pequeniña está pensada para que os cativos canten en familia, durante e despois do concerto, textos en galego interpretados a ritmo de muiñeira, pero tamén de rock, de balada ou de blues.
Música para transmitir o galego en familia
Rosalía pequeniña consta de corenta concertos nos que a coñecida cantante Uxía Senlle, acompañada polo músico Sérgio Tannus, interpretará para nenos e nenas diversos textos rosalianos musicados con melodías pegadizas, variadas e actuais. Os cativos gozarán dunha actividade agradable en familia que se desenvolverá en lingua galega e poderán continuar cantando no noso idioma unha vez que baixe o pano. Deste xeito, dáselles aos pais e nais unha nova ferramenta musical para usaren, aprenderen e transmitiren a lingua galega ás novas xeracións.
Os 40 concertos con entrada libre programados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolveranse a partir desta fin de semana nas seguintes localidades da RDL: na provincia da Coruña, A Baña, Betanzos, Brión, Cariño, Carnota, Dodro, Dumbría, Fene, Ferrol, Laxe, Lousame, Miño, Neda, Ponteceso, Sobrado dos Monxes, Teo, Toques e Val do Dubra; na provincia de Lugo, Carballedo, Palas de Rei, A Pobra de Brollón, A Pontenova, O Vicedo e Xove; en Ourense, Melón, Pontedeva e Xunqueira de Espadanedo e, en Pontevedra, Baiona, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo, Cuntis, Forcarei, A Lama, Marín, Mondariz-Balneario, Mos, Ponteareas, Pontecesures e Tui.
Esta fin de semana terá lugar o primeiro concerto en Pontecesures, ás 18:00 horas no Centro Social (Camiño de San Xulián, 4).
Rede de Dinamización Lingüística
A RDL é un espazo de colaboración a prol da lingua galega no ámbito local impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Son xa máis de 150 as entidades que a integran, nomeadamente concellos das catro provincias galegas, pero tamén deputacións, fundacións ou organismos coma o Consello da Cultura Galega.
O seu obxectivo último é favorecer a visibilidade social, o prestixio e o uso da lingua galega grazas a un marco estable de cooperación entre as administracións local e autonómica para a promoción planificada do noso idioma. A RDL programa accións conxuntas e, polo tanto, máis amplas e eficaces, ademais de constituírse nun espazo para compartir experiencias, materiais e información.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.