Notas de prensa

Manquiña e Resonet homenaxean a Vidal Bolaño e Rosalía polas Letras Galegas

Manquiña recordará a figura de Roberto Vidal Bolaño coa lectura do manifesto "Teatro do aquí" e a interpretación dunha pasaxe de "Días sen gloria". O grupo de música antiga Resonet interpreta varios poemas de "Cantares gallegos" de Rosalía.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a todos os galegos e galegas a celebrar do Día das Letras Galegas no monte Gaiás da man de Manquiña e do grupo Resonet. Será unha dobre homenaxe ao escritor e autor teatral Roberto Vidal Bolaño e á poetisa Rosalía de Castro nunha xornada que arrancará ás 12,00 horas e que incluirá unha actividade paralela para os máis pequenos. A actividade é totalmente de balde previa inscrición en www.cidadedacultura.org.

O evento Goza das Letras comezará ás 12,00 horas na Biblioteca e Arquivo de Galicia cun saúdo de benvida de Manuel Manquiña, que será o encargado de recordar a figura do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas coa lectura do manifesto de Roberto Vidal Bolaño ‘Teatro do aquí’. Do mesmo xeito, Manquiña interpretará na Cidade da Cultura unha pasaxe da obra ‘Días sen gloria’ de Vidal Bolaño, estreada neste mes de abril no Salón Teatro baixo a dirección de Fefa Noia.

Banda sonora de Rosalía

Tras o teatro, o grupo de música antiga Resonet poralle banda sonora á xornada a través dunha homenaxe a unha das nosas poetisas máis universais: Rosalía de Castro. Con motivo do 150 aniversario da obra ‘Cantares Gallegos’, Resonet ofreceralle ao público do Gaiás a interpretación de varias destas cantigas populares publicadas en Vigo o 17 de maio de 1863.

Nesta proposta, Resonet toma dos cancioneiros musicais populares as melodías e ritmos das cantigas nas que se inspirou Rosalía e, dun modo subxectivo, poranlle música a algunhas das poesías máis representativas dos ‘Cantares Gallegos’ como Has de Cantar, Campanas de Bastabales, Adios ríos, adios fontes ou Airiños, airiños aires.

Sesión infantil: de 6 a 12 anos

De forma paralela a esta dobre actuación, os máis pequenos poderán gozar do Día das Letras dunha forma lúdica e didáctica. Será a través do ‘Xogo do Touporroutou’, un proxecto interactivo no que nenos de 7 a 12 anos se aproximarán á figura de Roberto Vidal Bolaño na súa faceta profesional, literaria e vital a través de xogos nos que desenvolver a memoria e a resolución dun divertido quebracabezas literario.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-04-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
Foto de la tercera plana (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES