
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva o 7 de xuño ao Gaiás o espectáculo teatral do ano: Nuncabunga, unha obra cómica e poética sen palabras da compañía Elefante Elegante para os máis pequenos da casa.
Tras o éxito obtido polo Concerto didáctico de Paulo Lameiro, celebrado onte no Centro de Innovación Cultural (CINC), o ciclo Brinca Gaiás -co que a Cidade da Cultura pretende achegarlle aos máis pequenos da casa a paixón pola música, a ópera ou a danza a través do xogo e a diversión- aposta o vindeiro 7 de xuño polo teatro.
Será coa obra Nuncabunga, da compañía Elefante Elegante, que vén de ser recoñecida nos Premios María Casares de Teatro como o mellor espectáculo do ano, un galardón pioneiro tras conseguir ser a primeira obra infantil nominada como mellor obra aos galardóns escénicos galegos.
Nuncabunga é un espectáculo cómico e poético sen palabras dirixido ao público familiar e infantil a partir dos tres anos de idade. A acción desenvólvese nun espazo próximo ao mar, onde vive unha persoa que construíu o seu fogar nun recuncho. Un día de tempestade aparece un estrano entalado nunhas redes, coma un refugallo máis, daqueles que o mar bota fóra. Non ten casa nin comida mais está decidido a quedar naquel lugar. Serán eles capaces de chegar a un acordo?
Entradas xa á venda
O Centro de Innovación Cultural (CINC) será o escenario deste espectáculo pensado para nenos a partir de 3 anos en dúas quendas de 12 e 17 horas. As entradas xa están á venda en www.servinova.com a un prezo de 5 euros máis gastos de xestión ou a 5 euros no Espazo On da Cidade da Cultura. A entrada o mesmo día do concerto poderá adquirirse a 6 euros na billeteira do CINC.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.