Notas de prensa

O Plan de Dinamización Demográfica busca aumentar a natalidade en Galicia

Benestar subliña que o Plan de Dinamización Demográfica conta con máis de 70 medidas transversais para impulsar a natalidade en Galicia. Entre as medidas contempladas no documento destacan a mellora dos beneficios fiscais, casas neno e axuda no fogar e no acceso a vivenda.

A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, indicou que o Plan de Dinamización Demográfica de Galicia, aprobado polo Parlamento, inclúe máis de 70 medidas para impulsar a natalidade e facer fronte a un “problema real e estrutural” de Galicia, que se sitúa como a segunda autonomía cun maior índice de envellecemento.

González participou xunto coa delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, nun café-coloquio organizado pola Asociación Galega de Centros de Menores (Agaceme). Na súa intervención, González indicou que o Goberno galego propuxo unha estratexia con perspectiva de futuro, que inclúe tamén as achegas da Comisión non permanente de Estudo que traballou durante o 2011 no Parlamento galego para a elaboración deste plan.

Dentro do total das medidas que veñen no Plan, González destacou varias actuacións novidosas: a mellora dos beneficios fiscais; casas niño; servizos de axuda no fogar para a infancia; axudas ao acceso á vivenda; e transporte público. Estas cinco medidas contan cun orzamento de 90 millóns de euros na lexislatura e prevese que poidan chegar a 70.000 familias galegas ao ano.

Nos recursos de apoio á conciliación, a directora xeral fixo fincapé na posta en marcha das casas niño, que se empezarán a regular este mesmo ano para poñer en marcha as primeiras en 2014 e 2015; e o servizo de axuda no fogar para a infancia, que será un servizo público, especializado e terá un sistema de prezos en función da renda. A primeira das actuacións estará máis vinculada ao rural, mentres que a segunda, ao urbano.

Pola súa parte, Arias fixo fincapé na importancia da “cooperación” entre as distintas institucións, especialmente en todo aquilo que atinxe directamente ás persoas. “O obxectivo ten que ser resolver os problemas dos cidadáns, evitar duplicidades e poñer en común os recursos existentes para conseguir a máxima eficiencia”, explicou a delegada territorial.

Un bo exemplo de colaboración, destacou Arias, é o convenio asinado entre o Poder Xudicial, a Xunta e FEGAMP, que permitirá ós servizos sociais autonómicos e municipais “actuar con anticipación ante os desafiuzamentos das persoas máis vulnerables”. A delegada subliñou que Galicia é a primeira comunidade autónoma en poñer en marcha un convenio deste tipo, que nos próximos días agárdase que estea asinado xa por tódolos Concellos.

Doutra banda, Amparo González lembrou que o apoio ás persoas máis vulnerables ou en risco de exclusión social é “unha prioridade” para o Goberno galego, á que se está a destinar a “máxima dedicación”.

Este esforzo reflíctese nos orzamentos para 2013, nos que o investimento na RISGA increméntase nun 38 por cento ata chegar aos 32,7 millóns de euros. Isto é, 9 millóns de euros máis que o orzamento inicial de 2012. Ademais, esta partida volverá ser ampliable e incrementarase cando sexa necesario, tal e como se fixo en 2012. Pola súa banda, a partida para as Axudas de Emerxencia Social (AES) medra este ano nun 50 por cento, e alcanza os 4,5 millóns de euros.

Lei de Inclusión de Galicia

Nesta liña, a directora xeral referiuse á nova Lei de Inclusión de Galicia que xa iniciou a súa tramitación parlamentaria despois de que o Consello da Xunta dera hoxe o visto e prace ao anteproxecto desta normativa que xa foi ratificada como un acordo do diálogo social.

O novo texto substituirá á Lei 9/1991 de medidas básicas para a inserción social e situarase á vangarda das novas directrices europeas. Así, o seu obxectivo é crear unha política de inclusión verdadeiramente integradora e acorde coa estratexia europea 2020.

Así mesmo, Amparo González informou aos asistentes de que o departamento autonómico conta na actualidade con competencias en materia de inmigración. Ao respecto afirmou que un dos obxectivos máis importantes para este colectivo é a súa inserción laboral.

Por último, a responsable de Familia deu conta do convenio de desafiuzamentos recentemente asinado entre o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), o Goberno galego e a federación de municipios. Explicou que grazas a este convenio poderase traballar con antelación e actuar con eficacia cando se produza unha situación de especial vulnerabilidade, xa que os xuíces os xuíces comunicarán á Xunta cando se produza unha situación de estas características que, automaticamente se porá en contacto cos servizos sociais dos concellos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-04-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée d’Art Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023).
Foto de la tercera plana (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.

Notas

Desde o ano 2022 e financiado polo International Space Science Institute, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. O equipo acaba de realizar unha xuntanza na sede do ISSI en Berna (Suíza).
As chuvias que recibimos no oeste da Península Ibérica dependen en boa medida do que sucede no Atlántico Norte. Un novo estudo liderado pola investigadora do CICA da UDC Uxía Fernández-Pérez reconstrúe como cambiaron as precipitacións nesta rexión durante os últimos 11.000 anos e permite comprender mellor os mecanismos oceánicos e atmosféricos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES