Notas de prensa

Feijóo di que o resultado da súa viaxe a México é claramente esperanzador

Feijóo asegura que “aproveitamos a oportunidade” de Pemex ao confirmar a construción dos dous floteis e a base loxística no Porto da Coruña, e ao abrirse a vía para a renovación da súa flota menor e a entrada no capital dun estaleiro da ría de Vigo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou de “claramente esperanzador” o resultado da súa viaxe a México porque permitiu “afianzar e ampliar” a alianza estratéxica no sector naval e estender a colaboración a outros sectores da economía galega, como o lácteo, o eólico ou as infraestruturas. Así o manifestou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que hoxe fixo balance dos avances para a internacionalización da economía galega acadados nos encontros cos empresarios mexicanos, así como co presidente do país, Enrique Peña Nieto, tres ministros do seu goberno e as autoridades do Estado de Iucatán.

Feijóo puxo o acento no carácter estratéxico que ten México na aposta pola internacionalización empresarial que promove o Goberno galego, xa que se trata, xunto con Brasil, do gran mercado hispanoamericano e da terceira economía de América neste momento. “México foi e segue sendo, cos datos de hoxe, o país máis importante para Galicia desde o punto de vista económico e desde o punto de vista de internacionalización da súa economía”, afirmou, lembrando que a está a rexistrar taxas de crecemento superiores ao 5% do PIB, que goza dunha importante estabilidade macroeconómica e está a facer “grandes apostas para mellorar a competitividade da súa economía e grandes apostas en materia de infraestruturas”.

Referiuse así ao ‘Pacto por México’ anunciado por Peña Nieto na súa toma de posesión como presidente do país e que prevé un investimento anual de 40.000 millóns de dólares, como unha gran oportunidade para a economía galega, máis aínda cando dese total 25.000 millóns se corresponden a investimentos de Pemex.

Aval presidencial á alianza estratéxica co naval galego

O presidente galego afirmou que nos últimos días “temos aproveitado esa oportunidade”, de maneira sobranceira no sector naval, afianzando e ampliando a “alianza estratéxica” establecida con Pemex no ano 2012. Concretou que a viaxe serviu para confirmar “co aval do novo presidente de México” o compromiso acadado coa anterior Administración para a construción de dous floteis no estaleiro público Navantia e no estaleiro privado Barreras. Do mesmo xeito que, engadiu, permitiu confirmar “o acordo para que Pemex prosiga a tramitación da súa base loxística no Porto Exterior da Coruña”.

Ademais, resaltou que fixo posible “ampliar a colaboración para que o naval galego poida participar e ser o adxudicatario definitivo do contrato de 240 millóns de euros de flota menor para Pemex”. E serviu para abrir “a posibilidade real de que Pemex participe co seu capital nun estaleiro galego”. A este respecto, sinalou que “neste momento se están ampliando as posibilidades de colaboración entre a petroleira mexicana e ese estaleiro galego situado na ría de Vigo”.

“Estamos afondando na nosa estratexia no sector naval e estamos ampliando esa estratexia”, subliñou Feijóo, quen remarcou que “nestes últimos días fixemos un impulso importante para que Galicia faga barcos para México e para que México invista en estaleiros galegos. Pemex e Galicia imos seguir traballando e iso espero que se traduza en maior carga de traballo para o sector naval galego”.

Oportunidade de exportación para o lácteo galego

O titular da Xunta salientou, así mesmo, que os contactos establecidos en México serviron para abrir “novas vías de colaboración” en campos como o sector naval, ao presentarse a posibilidade “por primeira vez”, de exportar produtos lácteos de Galicia ao país hispanoamericano. Sinalou que México importa anualmente 44.000 toneladas de leite e que na viaxe se acadou suscitar “o interese do Goberno mexicano por coñecer as instalacións galegas”. Así, avanzou que no mes de maio o director da empresa pública encargada de desenvolver o programa de acción social “visitará as empresas galegas e verá a posibilidade de exportar leite galego se cumpre os compromisos de calidade -que me consta que os cumpre-, e se cumpre os compromisos de prezo, dado que este país está comprando onde o prezo e a calidade son os mellores”.

Para Alberto Núñez Feijóo esta noticia é “un estímulo a nivel interno” para os produtores lácteos, polo que expresou a súa confianza en que a visita sexa “frutífera para un novo sector que abre a vía de exportación”.

Na súa comparecencia ante os medios, o xefe do Goberno galego referiuse tamén ás posibilidades de negocio abertas durante a viaxe en materia de infraestruturas e novas tecnoloxías, destacando a oportunidade que se presenta para as consultas e enxeñerías galegas co Pacto por México. Destacou que entre esta semana e a próxima a Xunta se porá en contacto con todas as empresas de consultaría en Galicia para que “presenten as súas ofertas ás distintas licitacións de estradas, hospitais, ferrocarrís e investimentos en materia de administración hidráulica que, ano a ano, vai sacar o Goberno federal mexicano”.

Na mesma liña puxo en valor as vías de colaboración abertas no eido das enerxías renovables, apuntando que México ten un “excepcional plan de implementación de enerxía eólica” sobre o que a industria galega do sector terá “información puntual”. E, ademais, referiuse aos contactos establecidos en materia de téxtil, de viño e de agroindustria.

En definitiva, Feijóo subliñou que na súa viaxe “se ten conseguido que Galicia siga sendo un aliado de México, como explicitou o presidente Peña Nieto na reunión que mantivemos por espazo de 40 minutos na sede da Presidencia dos EEUU de México”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-04-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260605-xunta.jpg) A artesá especializada en cestería e téxtil Idoia Cuesta (Outeiro de Rei) foi recoñecida como mellor artesá de vangarda na quinta edición dos Premios Maestro Artesano do Círculo Fortuny, nun acto celebrado en Madrid. O galardón foille concedido pola súa cestería 'aberta a todas as posibilidades pola súa formación de bióloga, a súa inmensa creatividade e a súa mestría cesteira', tal e como sinalou a presidenta do Círculo Fortuny, Xandra Falcó, durante a cerimonia. 'Calquera téxtil, coiro ou material vexetal tecido con mil combinacións e de mil novas formas é posible neste taller impregnado de maxia e do campo galego', engadiu.
Foto de la tercera plana (rural-pac.jpg) A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou que o Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2022, que tivo aplicación ata 2025, mobilizou máis de 1.600 millóns de euros de investimento público e acadou unha execución do 99,3 %, por riba da media española e europea. Foi no acto de peche formal do PDR, que tivo lugar en Santiago de Compostela e no que a conselleira estivo acompañada dos altos cargos do seu departamento.

Notas

A investigadora e catedrática da UVigo Ãfrica González reuniu en Santiago çalgunhas das figuras máis destacadas da investigación internacional en terapias celulares avanzadas e inmunoterapia. O encontro científico, organizado polo consorcio Terav+ Galicia que dirixe desde a UVigo a través do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, converteu a capital galega nun foro de debate sobre os principais avances e retos deste ámbito.
O Arquivo Histórico Universitario da USC celebra do 8 ao 14 de xuño a Semana Internacional dos Arquivos cunha exposición temporal e unha xornada científica o martes 9 en colaboración co Grupo de Investigación do Departamento de Historia Moderna da USC que leva por título 'Galicia e Portugal: vínculos históricos e fontes documentais para o seu estudo'.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES