Notas de prensa

Feijóo explora vías de intercambio económico con emprendedores de México

Inicia contactos co Goberno de México para estudar a posibilidade de exportar produtos lácteos galegos a este país e busca emprendedores que se comprometan con Galicia como socio prioritario. O director de LICONSA ten previsto visitar Galicia en breve.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo un encontro con algúns dos principais emprendedores de México, cos que explorou posibles vías de intercambio económico e que lle manifestaron o seu interese en contar con Galicia como “socio prioritario” de cara ao futuro.

Na reunión, á que tamén asistiu por parte da Xunta o conselleiro de Economía, Francisco Conde, Feijóo tivo a oportunidade de avaliar fórmulas de cooperación con algúns dos principais empresarios do país mexicano, encabezados polo presidente do Consello Empresarial Mexicano de Comercio Exterior, Inversión e Tecnoloxía , Vicente Díez Morodo. Ademais, tamén participaron no encontro, entre outros, Lino De Prado, presidente do Consello de Administración de Inditex-México; Andrés Conesa, director xeral de Aeroméxico; José Andrés Oteyza, presidente OHL México; Luis Vázquez, grupo DIAVAZ; Víctor Gavito, director xeral de ALPURA. Durante o tempo en que se prolongaron as conversas, coincidiron en que cómpre seguir reforzando a relación de mutua confianza establecida nos últimos anos entre Galicia e México.

Dende o punto de vista mexicano, os emprendedores constataron que Galicia é unha excelente porta de entrada ao mercado europeo, non só pola súa situación estratéxica, senón porque é unha Comunidade na que se pode confiar grazas á política económica responsable e rigorosa que ven practicando nos últimos anos. Nese senso, mostraron a Feijóo o seu interese en contar cos sectores produtivos galegos como “aliado estratéxico” para as súas necesidades de futuro.

Dende o punto de vista galego, Feijóo puxo de manifesto que o país americano ofrece moitas posibilidades de negocio aos emprendedores e investidores galegos, xa que ten en marcha un plan de modernización en sectores nos que Galicia conta con experiencia e capacidades acreditadas. Entre eles, recordou as posibilidades de intercambio económico no eido das infraestruturas, unha das apostas máis firmes do Goberno mexicano; así como nos sectores do téxtil, do turismo, da enerxía eólica ou da aeronáutica.

Como cuarto país produtor de automóbiles, o titular da Xunta lembrou que Galicia conta cunha industria auxiliar do automóbil importante; así como cunha serie de boas empresas en materia de consultoría e de enxeñaría; “e, neste senso –precisou- quedamos en contactar empresas de infraestruturas que operan en México e empresas de consultoría galegas para establecer posibilidades de contratación”.

“Estamos falando de intercambio de contactos e de presentar as nosas empresas de enxeñaría ás empresas de infraestruturas que operan en México”, aseverou Feijóo, ao que engadiu que a partir de agora se abre a recta final para pasar dos contactos aos feitos e aos contratos.

Así mesmo, Feijóo explicou que tamén abordaron a cooperación en turismo, e en infraestruturas hidráulicas, portuarias, viarias e ferroviarias. “Tivemos unha xuntanza que agradezo moito aos empresarios españois-mexicanos ante a posibilidade de iniciar vías de comunicación en distintos sectores –incidiu- como a automoción, tecnoloxía, enxeñaría civil e arquitectura. Iniciamos unha senda de posibles contactos para incrementar a presenza de empresas galegas en México e tamén para incrementar a facturación desas empresas galegas con empresas mexicanas”.

En opinión do presidente da Xunta, afondar a relación económica entre Galicia e México nestes eidos é o compromiso alcanzado no encontro de hoxe, xa que permitiría abrir novas portas de colaboración que se engadirían á cooperación xa materializada ao longo dos últimos anos no ámbito naval e portuario.

Encontro coa ministra de Desarrollo Social

A internacionalización do sector lácteo en México tamén foi abordada durante o encontro, ao que precisamente asistiu o presidente de Alpura, unha das principais empresas do sector. Igualmente, este foi o asunto que centrou o posterior encontro que Feijóo mantivo coa ministra de Desarrollo Social de México, Rosario Robles. Esta reunión serviu para abrir os contactos co Goberno Mexicano de cara a avaliar a posibilidade de exportar produtos lácteos galegos a este país.

Núñez Feijóo constatou a oportunidade que supón para o sector lácteo galego o Programa público de acción social (LICONSA) posto en marcha polo goberno mexicano para mellorar os niveis de nutrición dos cidadáns deste país, e considerou que Galicia debe estudar esta opción para incrementar o rendemento da súa produción láctea. Neste senso, recordou que outros países como Nova Zelanda, Estados Unidos, Irlanda, Uruguai e Arxentina xa abastecen ao mercado mexicano.

De xeito máis concreto, o presidente galego explicou que as necesidades plantexadas pola ministra de Desarrollo Social durante a reunión -na que tamén estivo presente o director de LICONSA-, refírense fundamentalmente a produtos lácteos transformados. Segundo expuxo, Galicia conta con varias fábricas que teñen estas capacidades, polo que podería aspirar a esta posibilidade de internacionalización nun futuro próximo.

Por último, e tralo encontro coa ministra, o director de LICONSA, trasladoulle ao presidente da Xunta a súa intención de viaxar a Galicia o próximo mes de maio para visitar as explotacións e as industrias da comunidade.

Vantaxes para o sector lácteo

“O mercado de leite líquida está moi atomizado e calquera transformación que supoña valor engadido sería positivo para o sector galego”, afirmou Feijóo, e explicou que ao seu regreso a Galicia dará traslado ao sector lácteo desta oportunidade, que ao seu entender inclúe varias vantaxes para os produtores galegos.

Neste senso, asegurou que suporía un valor engadido para as explotacións galegas e que, ademais, podería ser un elemento de estímulo a nivel interno, xa que o aumento da demanda repercutiría previsiblemente nun incremento dos prezos en orixe. Tamén considerou que podería ser unha oportunidade de negocio para as Organizacións Produtoras de Leite que xa están recoñecidas ou en fase de recoñecemento.

O presidente da Xunta puxo de manifesto durante a reunión o carácter estratéxico do sector lácteo galego, que achega ao conxunto de España case o 40 por cento da produción total; e insistiu na calidade como un dos seus principais sinais de identidade, acreditado pola marca Galega 100 %. Ao respecto, a ministra mexicana trasladou a Feijóo as boas referencias coas que conta o sector lácteo galego e a súa disposición a contar con el para as necesidades de futuro do mercado do país.

Axenda de Feijóo

A ministra de Desarrollo Social é o terceiro membro do Goberno Federal co que o titular da Xunta tivo a oportunidade de reunirse durante a súa estancia en México, xa que previamente mantivo sendos encontros co ministro de Economía e co de Desarrollo Agrario, Rural y Urbano.

A axenda institucional de Feijóo incluirá ademais nas próximas horas unha cita co Presidente de México, Enrique Peña Nieto, co que tamén analizará a continuidade da “relación privilexiada” que ambos países manteñen desde os últimos anos.

Aínda que afondarán en posibles vías de colaboración de distintos sectores de común interese, dar continuidade á alianza referida ao sector naval centrará as conversas. De feito, ao encontro acudirá o director de Pemex, co que Feijóo xa tivo unha reunión preparatoria nos últimos días.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-04-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-abanea-2025.jpg) O Festival Abanea celebrará entre o 16 e o 20 de xullo a súa cuarta edición cun programa de danza contemporánea de distintos estilos que distribuirá 15 funcións de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, estenderá así a súa actividade de exhibición e dinamización ás catro provincias. A bailarina Andrea Castro presentou a primeira fase do espectáculo Lola y los lamentos, como artista seleccionada para o acompañamento bienal 2025–2026 co que o festival apoia procesos de creación de artistas emerxentes e que nesta edición terá como resultado a estrea de 'A mona de seda'.
Foto de la tercera plana (festival-hercules-brass.jpg) As diversas actividades do festival terán lugar do 28 de xullo ao 1 de agosto no claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova. A actuación que inaugurará a cita será a da Banda de Música de Celanova con James Morrison, un concerto único en España que terá lugar ás 20,30 horas. Ademais deste, subirán ao escenario a Boston Brass de Estados Unidos, Abraham Cupeiro coa Orquestra Gaos e pechará a edición o Hércules Brass Ensemble dirixido por Isabel Rubio e coa Boston Brass e Adam rapa como solistas. Así, os concertos complementaranse con cinco días de actividades formativas para un centenar de estudantes procedentes de distintas comunidades autónomas. Clases de alto nivel da man dalgúns dos participantes nas actuacións e un seguimento continuo e individualizado que garante un acompañamento pedagóxico para o alumnado que xa leva participado en varias edicións consecutivas do festival.

Notas

A Universidade de Santiago de Compostela dá acubillo, un ano máis, ao XII Encontro da Mocidade Investigadora (XII EMI) que ten lugar os días 9 e 10 de xullo na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Este evento desenvólvese dende o ano 2012 co propósito de favorecer as dinámicas de colaboración, debate e difusión do coñecemento xerado entre estudantes de doutoramento.
O aumento do coñecemento arredor do cancro evidenciou que non se trata dunha enfermidade única, pois engloba a múltiples doenzas e subtipos con características moleculares propias. Un dos avances máis relevantes en oncoloxía ten sido o descubrimento destas características moleculares (mutacións) e o conseguinte desenvolvemento de terapias dirixidas contra estas mutacións denominadas driver, como a mutación BRAFV600E, presente en máis do 60 % dos casos de melanoma e en determinados cancros de colon, pulmón ou mama.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES