Notas de prensa

Búscase converter o Gaiás nun referente formativo para as industrias culturais

O Gaiás acolle o programa formativo Creación e consolidación de industrias culturais e creativas, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Cámara de Comercio de Santiago e que se desenvolve na Biblioteca e Arquivo de Galicia.

Arrancou no Gaiás o programa formativo Creación e consolidación de industrias culturais e creativas, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Cámara de Comercio de Santiago e que se desenvolverá na Biblioteca e Arquivo de Galicia ata o 31 de maio.

“Actividades formativas como a que arranca hoxe no Gaiás son unha mostra do noso apoio decidido cara ás industrias culturais e creativas de Galicia”, asegurou a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, que estivo acompañada na presentación polo presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey Carril, e o director xeral da Fundación Incyde, Javier Collado.

Deste xeito, tal e como apuntou González Loroño, co curso Creación e consolidación de industrias culturais e creativas, a Cidade da Cultura e a Cámara de Comercio de Santiago buscan satisfacer a crecente demanda das pequenas empresas culturais ante os novos retos. Cun enfoque altamente creativo, o curso aborda os modelos de financiamento e xestión máis anovadores e eficientes para os procesos de produción, distribución, exhibición e difusión dos produtos.

Apoio aos emprendedores

A directora xerente da Cidade da Cultura enmarcou esta iniciativa na política de apoio a emprendedores que establece o proxecto estratéxico do complexo, o Plan Gaiás 2012-2018, que fixa como obxectivo prioritario analizar e potenciar as particularidades, necesidades e potencial dos proxectos empresariais do eido cultural e creativo.

Beatriz González Loroño puxo como exemplo desta política de apoio ás industrias culturais o espazo de coworking “Emprende Cultura Gaiás” co que se busca non só facilitarlle un lugar de traballo aos novos emprendedores, senón multiplicar as súas posibilidades de negocio.

Do mesmo xeito, recordou que a programación cultural do Gaiás apostou desde o principio por este sector coa celebración de eventos como o Encontro de Economía e Cultura, que puxo en contacto ao tecido cultural co empresarial para xerar sinerxías e lazos de futuro, ou as xornadas sobre Creatividade e Empresa que se repetirán ao longo deste 2013 co obxectivo de afondar nesta relación de futuro.

Clases presenciais e titorías

Cunha duración de 320 horas, o curso, totalmente de balde, contará coa participación dun máximo de 25 proxectos relacionados coas industrias culturais. Está dirixido fundamentalmente a empresarios e responsables de pequenas empresas culturais e creativas de diversos ámbitos como a arte, o teatro, a música, a danza, o audiovisual, o sector editorial, as novas tecnoloxías ou o deseño, e a emprendedores que conten cun proxecto cultural definido.

Cun 15% de clases presenciais e o 85% restante en titorías individuais, este curso formativo prolongarase durante oito semanas: do 8 de abril ao 31 de maio. A metodoloxía do programa centrarase no papel da cultura na nova sociedade, para o que todos os participantes elaborarán unha presentación do Plan de negocio para un proxecto empresarial.

Durante as oito semanas do curso, os titores expoñerán os contidos dos módulos formativos que versarán sobre administración da empresa cultural, marketing e comercialización, prevención de riscos laborais, calidade ambiental e igualdade de oportunidades, xestión financeira e económica e novas tecnoloxías da información e ferramentas informáticas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-04-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée d’Art Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023).
Foto de la tercera plana (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.

Notas

Desde o ano 2022 e financiado polo International Space Science Institute, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. O equipo acaba de realizar unha xuntanza na sede do ISSI en Berna (Suíza).
As chuvias que recibimos no oeste da Península Ibérica dependen en boa medida do que sucede no Atlántico Norte. Un novo estudo liderado pola investigadora do CICA da UDC Uxía Fernández-Pérez reconstrúe como cambiaron as precipitacións nesta rexión durante os últimos 11.000 anos e permite comprender mellor os mecanismos oceánicos e atmosféricos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES