Notas de prensa

A calidade da bolsa amarela recibida en Sogama mellora en preto de 3 puntos porcentuais

A Consellería de Medio Ambiente e Sogama confían en que as iniciativas de concienciación social despregadas nos últimos tempos comecen a dar os seus froitos e que o nivel de colaboración cidadá vaia mellorando, tal e como o fixo no último ano.

A calidade da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks) recibida no complexo medioambiental de Sogama en Cerceda mellorou o pasado ano en 2,74 puntos porcentuais. Isto foi posible grazas ao maior interese e colaboración da cidadanía, e tamén á maior eficiencia da planta de clasificación de envases lixeiros, onde os materiais son separados por tipoloxías para propiciar o seu posterior reciclado.

Se ben houbo unha lixeira caída nas cantidades recibidas, pasando das 21.063 toneladas procesadas durante o 2011 ás 20.701 do 2012, o certo é que este extremo tamén é resultado da mellor selección, xa que os residuos que acolle esta fracción caracterízanse polo seu gran volume, pero tamén polo seu baixo peso.

Mentres que dos totais recepcionados no 2011 conseguiu recuperarse o 49,51 por cento (10.428 toneladas), correspondendo a porcentaxe restante a refugallos “impropios” (é dicir, restos que non deberían depositarse no recipiente de cor amarela), esta cifra elevouse o pasado ano ata o 52,25 por cento (10.816 toneladas), dato que vén confirmar a maior implicación da poboación no proceso de selección dos materiais destinados a este contedor (envases de plástico, latas e briks), pero tamén a maior eficiencia industrial.

INFORMACIÓN, FORMACIÓN E CONCIENCIACIÓN: AS CLAVES

A Consellería de Medio Ambiente e Sogama confían en que, pouco a pouco, as iniciativas de concienciación social despregadas durante os últimos tempos comecen a dar os seus froitos. Mostra disto é a campaña “Separemos ben, reciclaremos mellor”, que desde setembro de 2012 se atopa en circulación polos 66 municipios galegos que contan con porcentaxes de impropios nos contedores amarelos situados entre o 31 e o 40 por cento.

A fin de mellorar estas cifras, unha carpa itinerante atendida por monitores especializados explican aos veciños de cada localidade como deben comportarse no día a día para asumir a súa responsabilidade na xestión sostible dos desperdicios, á vez que resolven as súas dúbidas e corrixen os erros máis frecuentes. Os que así o desexen, tamén teñen a opción de someterse a probas de avaliación a través das cales poderán descubrir o seu nivel de coñecemento na materia. A iniciativa compleméntase con obradoiro, xogos e diverso material divulgativo adaptado a maiores e pequenos.

De forma paralela, os centros escolares destes municipios son obxecto de actividades educativas concretas, deseñadas para atender as demandas dos distintos ciclos académicos.

En todo caso, trátase dunha tarefa informativa e formativa que a Xunta de Galicia pretende intensificar de cara a cumprir coa normativa europea e estatal na materia, alcanzando os obxectivos contemplados no plan autonómico de xestión de residuos urbanos para o período 2010-2020, e que se traducen na redución da produción de refugallos nun 10 por cento, o incremento das taxas de reutilización e reciclado, pasando do 10 por cento actual ao 30 por cento, e a diminución do vertido, descendendo do 58 ao 24 por cento.

A protección ambiental e da saúde pública constitúe, por riba de todo, a principal razón de ser destas actuacións, sen esquecer o apartado económico, xa que as maltreitas arcas locais verán incrementados os seus ingresos se conseguen enviar á industria transformadora máis cantidade de materiais coa maior calidade posible; beneficio económico que aínda será maior si se minorase o peso do lixo depositado no contedor verde convencional, o que repercutirá nunha redución do importe das facturas que os concellos deben pagar a Sogama.

ACHÁNDASE O CAMIÑO DA RECICLAXE

A prevención, só posible a través dun consumo responsable, debe ser o cimento sobre o que se sustente a axeitada xestión dos residuos, seguida pola reutilización ou, o que é o mesmo, o alongamento da vida útil dos produtos, e a recollida segregada, depositando cada fracción no recipiente correspondente.

No caso da bolsa amarela, unha vez recollida e transportada á infraestrutura central de Sogama, procédese á separación mecánica dos distintos materiais que a integran, utilizando lectores ópticos para os envases e envoltorios de plástico, campás aspiradoras para o plástico fino, e electroimáns e correntes de Foucault para o aceiro e aluminio.

Tralo proceso de selección, os envases son prensados e embalados, remitíndose aos centros recicladores, onde se converten en novos produtos de utilidade (sacos, bolsas, mangueiras, tubos, forros polares, etc).

Non obstante, séguese a introducir incorrectamente no contedor amarelo refugallos que teñen as súas propias vías de recuperación. Referímonos á materia orgánica, vidro, papel/cartón e restos non reciclables (por exemplo, compresas, cueiros, panos de papel, etc). A confusión deriva tamén en moitos casos do concepto de plástico, xa que nos contedores amarelos só poden ser depositados os envases e envoltorios de plástico. Unha percha, un xoguete, un cepillo de dentes, malia estar fabricados con plástico, non se consideran envases, polo que o seu destino debe ser o contedor convencional, non o amarelo.

Estamos no camiño de corrixir as malas prácticas e cambiar a tendencia que abocaba a Galicia a estar por baixo da media estatal e europea no ámbito da reciclaxe. Interese, perseveranza e responsabilidade serán os ingredientes do éxito.

Gabinete de Comunicación de Sogama, 2013-02-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée d’Art Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023).
Foto de la tercera plana (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.

Notas

Desde o ano 2022 e financiado polo International Space Science Institute, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. O equipo acaba de realizar unha xuntanza na sede do ISSI en Berna (Suíza).
As chuvias que recibimos no oeste da Península Ibérica dependen en boa medida do que sucede no Atlántico Norte. Un novo estudo liderado pola investigadora do CICA da UDC Uxía Fernández-Pérez reconstrúe como cambiaron as precipitacións nesta rexión durante os últimos 11.000 anos e permite comprender mellor os mecanismos oceánicos e atmosféricos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES