Notas de prensa

Preséntase o diccionario de alimentación e restauración galego-castelán-inglés

Trátase dun novo recurso pensado para contribuír á normalización da terminoloxía gastronómica en lingua galega e facilitar a comunicación entre os profesionais do sector. Recolle aproximadamente 3000 conceptos, con 3600 denominacións galegas.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acudiu ao centro de formación da asociación Hostelería Compostela para presentar un novo recurso terminolóxico orientado a facilitar o uso do galego no sector da restauración. Trátase do Dicionario de alimentación e restauración galego-castelán-inglés, elaborado no seo do Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica Galega TERMIGAL e coordinado polo lingüista Manuel González González.

Durante a presentación, o conselleiro gabouse do modélico proceso de elaboración dun dicionario que é froito da colaboración entre os hostaleiros –“conscientes do valor do galego para singularizar e darlles valor aos produtos e servizos que ofrecen”-, os terminólogos e terminólogas -“que puxeron todo o seu saber ao servizo deste proxecto”- e da Xunta de Galicia, “que sostén o TERMIGAL en estreita colaboración coa Real Academia Galega” e que achegou os fondos necesarios para a execución da obra. Con este traballo, indicou Vázquez Abad, quérese contribuír a dotar o galego de recursos “que fagan del un idioma útil na totalidade dos múltiples e complexos ámbitos nos que se estrutura a vida moderna”.

Ao acto asistiu tamén a secretaria xeral para o Turismo, Nava Castro Domínguez, quen sinalou que “a formación constitúe unha das máis importantes ferramentas de competitividade para Galicia como destino turístico. A aposta pola formación, pola calidade e pola diferenciación tamén ten que ir acompañada por unha xestión eficaz e pola posta en marcha de iniciativas tendentes a mellorar non só cuantitativamente senón tamén cualitativamente”. E engadiu que “por isto, nacementos como o que hoxe presenciamos, dunha nova obra que nos axudará a enriquecer a nosa propia lingua, a utilizala con propiedade e a internacionalizar a nosa gastronomía, conforman iniciativas de formación, investigación e xeración de know-how que Turismo de Galicia debe apoiar e poñer en valor”.

O conselleiro Vázquez Abad e mais a secretaria xeral Castro Domínguez estiveron acompañados polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; Manuel González, director do Termigal e coordinador do dicionario; Xosé Manuel Otero, presidente da asociacion Hostelería Compostela; Xosé González, presidente do Foro Enrique Peinador; e mais o xefe territorial da Consellería na provincia da Coruña, Indalecio Cabana.

Unha obra para os restauradores

O traballo que hoxe se presentou é un dicionario monolingüe en galego que, ademais das definicións dos vocábulos, mostra equivalencias en castelán e en inglés. Inclúe aproximadamente 3000 conceptos, con 3600 denominacións en galego, 3700 equivalencias en castelán e 3500 en inglés, ademais de 320 nomes científicos.

Os termos recollidos van dende as voces especializadas utilizadas polos profesionais do ramo ata palabras do léxico común que non poden faltar nun dicionario da alimentación. Pertencen aos ámbitos do material de cociña, enxoval, persoal e locais, alimentos, despezamento, condimentos, pratos e preparacións, procedementos culinarios, bebidas, nutrición e vocabulario xeral relacionado coa alimentación.

O dicionario creouse coa vontade de facilitar que os especialistas desenvolvan a súa actividade en galego e, ao mesmo tempo, coa de axudar os restauradores a ofrecer os produtos do país en inglés, tendo en conta que esta é a lingua en que se comunican maioritariamente en Galicia os turistas con idiomas maternos distantes. Así pois, foi deseñado dende o punto de vista dos profesionais da restauración, pero seralle tamén de utilidade a públicos máis amplos, coma outras persoas ligadas ao ámbito da hostalaría, os profesionais da tradución, os lingüistas ou os xornalistas.

Termigal

TERMIGAL (Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica en Lingua Galega), organismo no que participan a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, é un servizo imprescindible para a resolución de dúbidas terminolóxicas puntuais e mais para a elaboración e difusión de vocabularios de especialidade que posibilitan a extensión da lingua galega a novos ámbitos de uso.

A maioría das consultas recibidas por TERMIGAL dende a súa creación en 1996 pertencen ao ámbito da cociña e da gastronomía, o que lles fixo ver aos responsables deste servizo a necesidade de publicar o Dicionario de alimentación e restauración e, asemade, constituíu un importante traballo previo sobre o que elaboralo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-02-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (morris-antonioduran.jpeg) A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas acordou conceder o Premio Xiria ao Labor Teatral 2026 ao actor Antonio Durán ‘Morris’ (Vigo, 1959). A organización da Mostra outorga este galardón en recoñecemento á súa dilatada traxectoria profesional, tanto no eido da comedia como do drama, 'cunha capacidade creativa excepcional que lle permite interpretar personaxes complexos ou populares e conmover aos públicos máis diversos'. O actor recibe cunha 'alegría tremenda' este galardón, 'sobre todo vindo de xente que comparte o camiño que eu recorrín'.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) A débeda pública de Galicia representa só 3,52 % do total da débeda do conxunto das comunidades, o mellor dato de toda a serie histórica, que comeza no ano 1994. Ademais, a ratio de débeda PIB galega sitúase no 13,9 %, fronte ao 20,2 % da media autonómica e por baixo das previsións iniciais contidas nos Orzamentos 2025, que eran do 14,1 %. Tamén desde o ano 2020 Galicia formaliza unha parte cada vez máis significativa do seu endebedamento en formato sustentable, a través de préstamos e emisións de bonos.

Notas

Especialistas de dez países, desde Canadá ata Xapón, pasando por Francia, Bélxica ou Noruega, participarán o 24 e 25 de abril en Vigo no congreso internacional Escrituras potenciais: o ordinario e o infraordinario, unha cita coorganizada entre as universidades de Vigo e Sorbonne Nouvelle polos profesores e destacados especialistas Hermes Salceda e Alain Schaffner, figuras claves no estudo da narrativa contemporánea francesa.
A Universidade da Coruña celebrou hoxe a constitución do seu novo Consello de Goberno, logo da súa renovación para adaptalo aos Estatutos da UDC e en liña co marcado pola LOSU. Logo de rematados os diversos procesos electorais desenvolvidos nas semanas anteriores, este Consello de Goberno queda conformado por un total de 63 membros, 34 homes e 29 mulleres.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES