
No caso de O método Grönholm, Xúlio Lago encargouse de dirixir a versión da coñecida obra do autor catalán Jordi Galcerán, coa que ademais o grupo de Cee conmemora o vixésimo quinto aniversario do inicio da súa traxectoria. Esta corrosiva reflexión sobre a deshumanización do capitalismo salvaxe, que ten sido representada en máis de 50 países e foi levada ao cine polo realizador arxentino Marcelo Piñeyro, preséntase agora nunha adaptación ao galego asinada por Artur Trillo, quen tamén forma parte do elenco xunto a Toño Casais, María Ordóñez e Dani Trillo.
Manipulación emocional
Trátase dunha peza cargada de cinismo, que desenvolve unha dura crítica respecto dos excesos do neoliberalismo a través dun xogo entre verdades e mentiras, da manipulación das emocións e os sentimentos dos seus personaxes.
O método Grönholm representarase no Salón Teatro a partir de mañá, ofrecendo un total de seis funcións, catro delas para público xeral (xoves, venres e sábado, ás 20.30 horas, e domingo, ás 18.00 h) e dúas concertadas con centros de ensino (mañá e o venres, ás 11.00 horas).
A vindeira semana será a quenda de Pelos na lingua, comedia estruturada en sketches que tal e como explica a propia compañía aborda os usos e abusos que sofre a lingua galega. A sede do Centro Dramático Galego acollerá un total de 12 pases desta montaxe, dos que nove terán lugar en sesión matinal para escolares: do luns 4 ao xoves 7 de febreiro ás 11.00 e ás 12.00 horas e o venres 8 ás 12.00 h. As tres funcións para público xeral celebraranse o venres e o sábado, ás 20.30 horas, e o domingo, ás 18.00 horas.
Pelos na lingua podería considerarse a segunda parte de Bicos con lingua, a anterior propostas de Talía sobre o mesmo tema, aínda que non se trata dunha continuación da liña argumental porque se parte dun enfoque distinto. Avelino González foi o encargado da dirección escénica, mentres que as interpretacións corren a cargo de Toño Casais, Artur Trillo e María Ordóñez.
Estes dous últimos nomes, xunto co propio Avelino González e Séchi Sende, figuran tamén como autores dos textos que conforman a peza, a través da que se ofrece unha reflexión sobre diferentes aspectos relacionados coa lingua, ao tempo que se facilita unha útil ferramenta didáctica para que os profesores traballen cos alumnos contidos relacionados coa sociolingüística.
Venda de entradas
A venda anticipada de entradas para as funcións de tarde de ambos espectáculos está xa dispoñible a través da billeteira electrónica da web de Novagalicia Banco (http://entradas.novagaliciabanco.es). Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro, que estará aberto ao público desde dúas horas antes do comezo de cada unha destas representacións.
O prezo das localidades é de 10 euros de xoves a sábado (cun desconto do 40% para xubilados, usuarios do carné xoven, estudantes, persoas en situación de desemprego e determinados colectivos profesionais) e de 5 euros o domingo, día do espectador.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.