
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, comprometeu o apoio da Xunta para mellorar a calidade, a comercialización e a internacionalización do sector primario e convertelo nunha oportunidade no camiño cara ao crecemento. Imos seguir apostando polo rural e polo sector primario e imos seguir traballando para converter aos produtores en emprendedores, en empresarios, en xente que se agrupa e que une a súa capacidade de produción á súa capacidade de emprendemento, aseverou.
Feijóo, que visitou esta mañá, en Bóveda, a empresa de produtos cárnicos Galcarnes S.L. e a empresa de produtos de apicultura Pazo de Lusío, salientou que a calidade, a comercialización e a internacionalización foron tres liñas de actuación polas que o Goberno galego apostou na pasada lexislatura, e vai seguir apostando nesta que acaba de comezar.
O titular da Xunta precisou que non basta con ter un bo produto, senón que para poder competir hai que esforzarse por que ese produto sexa excelente. E, nesa aposta pola calidade, afirmou que a Xunta sempre apoiará a aqueles produtores que aposten pola calidade dos seus produtos; sempre estaremos con eles, coas súas empresas e a súas iniciativas, porque a calidade é o maior investimento de futuro que pode facer o sector primario.
Así mesmo, animou aos produtores a buscar sempre a marca e apoiarse nas denominacións de orixe. A marca é o que diferenza un produto e por iso as denominacións seguen sendo, hoxe, unha das apostas do Goberno galego. Mel de Galicia referiuse, a modo de exemplo- é unha denominación de orixe que acredita a marca e a calidade do mel galego. A marca é a que nos une e a que nos fai máis fortes.
No tocante á comercialización, lembrou que reforzar o sector primario tamén significa seguir facendo esforzos por vender mellor os nosos produtos. E, con este obxectivo, avanzou que neste presuposto do ano 2013, e a pesar das dificultades, inclúese unha partida de máis de 15 millóns de euros para axudar á comercialización dos produtos galegos. Levamos nos presupostos incrementos do 70% e 80% das partidas relativas á comercialización dos produtos do sector primario e imos seguir apoiando a todos os que queiran comercializar e situar os seus produtos nos lugares da demanda.
En relación á internacionalización, Feijóo salientou a aposta decidida do Executivo galego por ampliar horizontes e abrir Galicia a novos mercados; pola internacionalización dos nosos produtos e por ser capaces de vender fóra de Galicia e de España. Con este obxectivo, o responsable autonómico destacou o incremento dun 10% dos orzamentos dedicados a este fin.
Unha Galicia unida, con capacidade de produción, de comercialización e de exportación
O presidente da Xunta concluíu reiterando a aposta polo rural e garantindo o compromiso por configurar unha Galicia unida, que ten capacidade de produción, de comercialización e de exportación. Galicia non pode estar dividida entre a Galicia da costa e a Galicia do interior; entre a Galicia urbana e a rural. Galicia é única.
Así mesmo, lembrou que ese compromiso co rural estase a concretar en accións: Empezamos pola Ribeira Sacra para estender internet a toda Galicia e o obxectivo este ano 2013 é que o 100% da poboación galega teña conexión. Seguimos apostando polo medio rural cando facemos infraestruturas e, a pesar da crise, o corredor que une as terras de Lemos con Sarria e con Monforte ten que executarse e finalizarse nesta lexislatura. Nos Presupostos Xerais do Estado, Galicia é a segunda comunidade con maior investimento por habitante de España. E apostar polo rural é apostar polos servizos sociais, polas escolas infantís e polas residencias da terceira idade.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.