Notas de prensa

Achado o testamento do mariscal Pardo de Cela, figura da historia galega

O testamento de Pardo de Cela achado ofrece novos datos sobre unha personaxe esencial da Historia de Galicia, da que actualmente existe unha visión entre o mito e a realidade da que foi a personalidade do mariscal Pardo de Cela.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou co investigador protagonista da descuberta, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés –director do Instituto “Padre Sarmiento” e especialista na historia social da nobreza baixomedieval galega–, na rolda de prensa de presentación do testamento do Mariscal Pardo de Cela.

O acto realizouse na sede compostelá do Instituto de Estudios Galegos “Padre Sarmiento”, centro de titularidade compartida CSIC-Xunta de Galicia, do que o conselleiro sinalou “o infatigable labor que historicamente realiza a favor do mantemento da memoria de Galicia, da xestión do noso patrimonio e da difusión da nosa cultura.”

Pardo de Cela, mito e realidade.- Na rolda de prensa, o director do IEGPS contextualizou a vida e os feitos do Mariscal Pardo de Cela, baseándose na documentación localizada durante as últimas décadas, e deu conta polo miúdo do importante achado, avanzando algún dos aspectos máis significativos contidos no documento testamentario.

“A vida do Mariscal Pardo de Cela e o seu tráxico fin, sobre todo –dixo Pardo de Guevara–, están desdebuxadas polo peso da atractiva lenda forxada ao longo dos séculos. Isto unido á á escaseza de documentos, explica as notables dificultades para separar o mito da realidade, así como os intensos debates que suscitan as causas e circunstancias que rodearon o triste final desta célebre figura histórica.”

A continuación, Vázquez Abad trasladoulle os seus parabéns ao profesor de investigación do CSIC, Pardo de Guevara, “polo achado, que ofrece nova luz sobre unha personaxe esencial da Historia de Galicia, rescatando ademais do esquecemento unha importante peza documental e aumentando o caudal de certezas sobre o que construír o coñecemento histórico da figura de Pedro Pardo de Cela.”

“O Mariscal non é exclusivamente unha personaxe histórica; pero a dimensión histórica de Pardo de Cela –afirmou o conselleiro– é algo que resulta preciso estudar, discernindo os feitos, o contexto, os motivos e acontecementos desta gran figura da historia de nós, do mito e da personaxe literaria abordada por multitude de autores, algúns tan sinalados como Ramón Cabanillas ou Emilia Pardo Bazán.”

“Hoxe, coa presentación deste testamento, damos un paso máis para a mellor comprensión da personalidade do Mariscal”, concluíu o conselleiro.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-01-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
Foto de la tercera plana (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES