Notas de prensa

A Fundación Cidade da Cultura consume o 55.7% do gasto anual do Gaiás

Coa concentración nun mesmo contrato dos gastos da Amtega, do Centro de Proceso de Datos Integral, da Agadic e da Fundación Cidade da Cultura conséguese acceder a tarifas moi vantaxosas, debido a que coa compra dun maior volume os prezos son máis baixos.

O programa de aforro e optimización de recursos posto en marcha na Cidade da Cultura pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria permitiralle á Xunta de Galicia acadar unha redución importante de custos en enerxía, gas, limpeza, mantemento e vixilancia. Do gasto total previsto para este ano 2013 no complexo do Gaiás só o 55,77% corresponde a Fundación Cidade da Cultura. O 20,10% deste gasto procede da Amtega e o Centro de Proceso de Datos Integral, o 22,65% dos servizos de bibliotecas e arquivos da Secretaría Xeral de Cultura ubicados no Gaiás e un 1,48% da Agadic. Asemade, concretamente, a previsión de gasto de electricidade do Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI) da Amtega representa un 45% do gasto total en enerxía da Cidade da Cultura.

O traslado ao Gaiás en 2012 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e dos servizos da Fundación Cidade da Cultura, que estaban localizados aínda no Hospital de San Roque (Santiago de Compostela), está a favorecer unha concentración de contratos que permite á Xunta acceder a tarifas máis vantaxosas, posto que coa compra dun maior volume conséguense prezos máis baixos, así como un importante aforro en alugueiros. Deste xeito, estímase que o custe medio do total dos gastos correntes do Gaiás neste 2013 suporá unha rebaixa media dun 18% respecto ao ano anterior.

A Fundación da Cidade da Cultura de Galicia, cumprindo coa normativa de transparencia na contratación pública, vén de convocar os concursos para a licitación dos contratos dos servizos de limpeza, mantemento, subministro de gas natural, subministro de enerxía eléctrica e de vixilancia. Deste xeito, a previsión máxima do gasto medio anual do servizo de limpeza estímase en 443.747 euros (IVE incluído), a de mantemento en 845.475,40 euros, a de gas natural en 302.529 euros, a de enerxía eléctrica en 1.634.401 euros e a de vixilancia en 755.849 euros.

Estas cifras son estimativas, xa que se corresponden con importes de licitación, o que significan que o custo real será inferior xa que sufrirán rebaixas no concurso, diminucións que, segundo estimacións realizadas en base a concursos anteriores, poderán chegar ata un vinte por cento.

Modelo de xestión austero

A consolidación, grazas á aprobación do Plan Gaiás, dos usos dos catro edificios rematados da Cidade da Cultura fai posible unha xestión plurianual destes servizos, o que se traduce nunha redución dos custos, ao pasar de contratos dun ano de duración a dous anos, con posibilidade de prórroga por outros dous. Ademais, é necesario destacar que os importes mencionados anteriormente non son gastos novos para a Xunta de Galicia, senón gastos xa existentes en exercicios anteriores, pero que, co traslado destes organismos ao Gaiás, agora se canalizan a través de contratos xestionados pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia con fin de reducir custos.

Por exemplo, este é o caso do Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI) da Amtega, que se trasladou recentemente ao Gaiás e que concentra o chamado “corazón dixital” de Galicia, un total de 80 centros de proceso de datos repartidos noutras instalacións e que se están a trasladar á Cidade da Cultura. Estas instalacións, que funcionan 24 horas ao día, 365 días ao ano, dan servizo a 1.260 centros administrativos, 1.400 centros educativos, 600 centros sanitarios, 322 entidades xudiciais, 1.500 oficinas de farmacia e 91.190 empregados públicos.

Actualmente no Gaiás están a traballar a diario preto de trescentas persoas, empregados da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Axencia Galega de Industrias Culturais e persoal da Secretaría Xeral de Cultura que desenrolan diversas funcións na Biblioteca e no Arquivo de Galicia. A estes organismos sumarase proximamente o espazo de coworking ‘Emprende Cultura Gaiás’, un ente que ten como obxectivo principal a dinamización das industrias culturais galegas, tratando de favorecer a creación de novas empresas do sector cultural e a xeración de emprego.

Con estas medidas avánzase nun programa de control de gasto e xestión eficiente dos recursos na Cidade da Cultura para facer do complexo unha infraestrutura sostible. Con este mesmo obxectivo acordouse a suspensión das obras nos dous edificios pendentes: o Centro da Música e das Artes Escénicas e o Centro de Arte Internacional, suspensión que supuxo para o Goberno galego un aforro de 77 millóns de euros.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-01-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
Foto de la tercera plana (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES