O deputado do Grupo Popular, Agustín Baamonte, manifestou que os orzamentos da Compañía de Radio Televisión de Galicia para o 2013 deseñan unha compañía viable economicamente, rendible socialmente, con un claro compromiso de prestación de servizo público baixo os criterios de calidade e pluralidade e abren o camiño á aplicación da nova Lei de Medios Públicos de Comunicación de Galicia.
Baamonde sinalou que o proxecto de orzamentos presentado esta tarde polo director xeral da CRTVG na Comisión 3ª do Parlamento serve para adiviñar as liñas mestras que van permitir a adaptación desta corporación ás novas esixencias do audiovisual e reiterou a disposición do Grupo Popular para a través da nova Lei de Medios desenvolver o marco legal da radiotelevisión cos criterios de modernidade, independencia e pluralismo.
O portavoz popular salientou que estes orzamentos deixan claro a viabilidade da CRTVG e explicou que diminúe o montante total do orzamento como consecuencia da redución da achega da Xunta de Galicia, razoable no actual contexto de racionalización do gasto público das administracións; e como consecuencia dun cálculo realista do resto dos ingresos, como a diminución da publicidade como consecuencia de factores externos á xestión da radiotelevisión.
O compromiso da CRTVG, da Xunta e do Partido Popular é por unha televisión pública en defensa da identidade, da cultura e da lingua de Galicia, asegurou Baamento, que engadiu o compromiso ineludible cunha televisión que sexa economicamente viable, sostible e que responda aos criterios de racionalización do gasto.
Na súa intervención, o portavoz do Grupo Popular puxo de manifesto o cambio na situación económica experimentado na CRTVG desde a chegada no ano 2008 do actual equipo directivo, conseguindo un equilibrio orzamentario ano tras ano que chegou incluso a un superávit de 0,4 millóns de euros o pasado ano 2011. En concreto, sinalou que se pasou dun patrimonio neto de 30,2 millóns de euros ao actual de 46 millóns de euros; dun endebedamento neto de 25,6 millóns de euros a 12 millóns de euros; e dunha débeda con entidades de crédito de 32,3 millóns de euros a 3,7 millóns de euros, coa previsión de ser eliminada ao longo de este exercicio de 2013.
Agustín Baamonde destacou que se está a conseguir unha televisión con estabilidade económica, cun custo social razoable, fixado en 34 euros por habitante ao ano; e baixo parámetros de eficacia e eficiencia. Ademais, subliñou o apostamos por unha televisión de carácter público, baixo os criterios de pluralidade e en defensa da identidade de Galicia, que está claramente plasmado na nova lei.
Prado: "a TVG está ao servizo do Goberno e do Partido Popular e non respeta o pluralismo político"
A deputada do BNG, Montse Prado acusou á dirección da CRTVG de poñer a Televisión galega ao servizo do Goberno e do Partido Popular e non respectar o pluralismo político representado na Cámara galega.
Trala comparecencia do Director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo na Comisión de Economía na presentación dos orzamentos do 2013, a deputada asegurou que responden a un compromiso de gastos e non a un compromiso real coa cultura e lingua galega nin co pluralismo político.
Na súa interpelación a Sánchez Izquierdo, a parlamentaria salientou o importante papel da CRTVG como medio de comunicación de titularidade público cunha información veraz, plural e obxectiva e reclamou o dereito de medios de comunicación públicos en galego como instrumentos de impulso e proxección da cultura e lingua galega.
Os recortes na CRTVG tentan xustificar unha posible privatización
Para a deputada do BNG, os orzamentos da CRTVG son continuistas, inciden en máis recortes e utilizan a crise económica como escusa para xustificar a súa posterior privatización.
Neste sentido, preguntou se a CRTVG correrá a mesma sorte das televisións públicas de Madrid e Valencia incursas en procesos privatizadores, porque ao seu xuízo, a aplicación dun novo recorte do 7% da Xunta de Galiza sumado ao da anterior lexislatura, ( cun total de 34 millóns de euros), provocará recortes do servizo, máis recortes no emprego directo da CRTVG e restará apoio ao sector audiovisual.
Para a deputada, os orzamentos da CRTVG constitúen un factor máis de recesión en Galiza e o deterioro evidente dun servizo público que dende o BNG, dixo, xa cualificamos de máquina de propaganda do Goberno galego e do Partido popular.
Prado denunciou as presións, por parte das direccións da Radio e Televisión galega, sobre os traballadores e o incumprimento da Lei de creación da Compañía, a hora de defender a cultura e a lingua galega.
Alternativa Galega de Esquerda denuncia que o castelán cada vez ten máis presenza na programación da CRTVG
Para Alternativa Galega de Esquerda, a Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) é esencial para a vertebración do país, no ámbito cultural e no ámbito lingüístico. Porque os medios públicos, en palabras do parlamentario David Fernández Calviño en comisión parlamentaria, resultan un oasis nun mundo, o do audiovisual, onde todo está en castelán. É por estas razóns que AGE denuncia a cada vez maior presenza do castelán nas programacións da radio e da televisión de Galicia.
Isto acontece sobre todo nas tertulias, esas ateigadas do que Carlos Taibo denomina todólogos, explicou Fernández Calviño, busquen a outros, que os hai, que saben galego, e que seguro que din menos estupideces.
De acordo coa lei de creación da compañía, o deputado de Alternativa tamén esixiu que a CRTVG atenda con máis intensidade por fomentar a identidade da nación galega. Porque ás veces fala máis da inexistente nación española que, como expoñen os historiadores competentes, é un invento de finais do século XIX. Ao mesmo tempo, Fernández Calviño instou ao ente público a ampliar as capas da súa audiencia. Para nós é moi importante que a televisión e a radio galegas cheguen aos nenos e aos adolescentes, afirmou. Como tamén é fundamental que as cámaras e os micrófonos da compañía fagan máis caso do deporte de base e menos do fútbol profesional, da difusión cultural e artística e de grupos sociais non representados nos medios non comerciais.
O parlamentario de AGE continuou cunha defensa dos traballadores da compañía. Cremos que a CRTVG debe ser pública e independente, asegurou ante o director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, por iso os traballadores deben ter boas condicións laborais. E finalizou cunha pregunta dirixida ao Partido Popular: Son quen de garantir que non van privatizar a radio e a televisión pública nesta lexislatura?.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.