
Galicia celebra o centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego, unha das figuras de referencia para o desenvolvemento da cultura galega no século XX. Co obxectivo de poñer en valor o seu legado, a Xunta de Galicia apoiará esta efeméride a través da colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coa Fundación Penzol, da que Del Riego foi director desde a súa creación, en 1963, ata 2009. O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad tamén apoiará as actuacións programadas polo Concello de Lourenzá en 2013 para homenaxear o seu Fillo Predilecto.
No marco desta colaboración realizaranse diversas iniciativas arredor dos proxectos culturais, da vida e mais da obra do que fora presidente da Real Academia Galega entre os anos 1997 e 2001. Coa súa contribución á celebración desta efeméride, o Goberno galego, a través das secretaría xerais de Cultura e de Política Lingüística, busca alentar a difusión social e o recoñecemento do labor realizado por Fernández del Riego a prol da lingua e da cultura galegas.
No percorrido vital de Fernández del Riego salienta a súa capacidade para favorecer a implicación colectiva na realización de novos proxectos culturais, entre os que destacan as numerosas tarefas impulsadas no ámbito da creación e da edición literaria, coas que tamén contribuíu á promoción da lingua galega. Continuador do ideario do Grupo Nós, Fernández del Riego tamén foi impulsor do Día das Letras Galegas, celebración que en 2013 tamén cumpre medio século de vida e que se celebra cada 17 de maio, coincidindo coa data de publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.
O poemario, que marca o inicio do Rexurdimento literario galego, viu a luz en 1863, polo que este ano tamén se celebra o 150º aniversario da súa publicación, o que constitúe outras das efemérides literarias máis relevantes de 2013.
Efemérides literarias en 2013
Estas e outras efemérides están incluídas no Calendario do Libro e da Lectura 2013, unha iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Cultura para dar a coñecer entre a cidadanía as principais datas sinaladas que se conmemoran ao longo deste ano e para favorecer a participación social na súa celebración.
O calendario, que está accesible na rede a través de cultura.xunta.es, tamén recolle, entre outros, o 50º aniversario da Fundación Penzol, o 150º aniversario do nacemento de Manuel Lugrís Freire, o 50º aniversario do pasamento do poeta López Abente e días sinalados como o da poesía, o do libro infantil e xuvenil ou o da edición en Galicia.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.