O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Presidente da Fundación Campus Universitario de Lugo, Mario Outeiro, a Directora de Relacións Laborais, Mercedes Montes Rodríguez, e o responsable de formación da empresa E-scola, Guillermo Álvarez de Neira, asinaron este mércores un convenio de colaboración para a concesión de 12 becas, por un valor de 1.000 euros cada unha, co obxecto de cursar a oitava edición do Máster Paulo Fabio.
Trátase do curso de especialización que a escola universitaria de Relacións Laborais ofrece agora a traballadores da administración local de Lugo co fin de difundir o coñecemento das técnicas más avanzadas en xestión de persoal e das habilidades necesarias para o mellor desempeño profesional. O prezo do máster é de 2.850 euros polo que as becas que ofrecen ditas institucións cobren o 35% do seu custe.
O interesados nesta iniciativa deben acreditar, ademais da súa condición de empregado da Administración Local de Lugo, estar en posesión dun título universitario ou estar cursando o último ano dos seus estudos superiores.
O prazo de solicitude das becas está aberto ata o 31 de decembro na secretaria da escola de Relacións Laborales. Tamén se pode reservar unha praza de xeito on line en www.relacioneslaboraleslugo.com.
As clases arrincarán en xaneiro e prolongaranse ata decembro, ocupando un total de 700 horas lectivas, que se desenvolverán todos os venres dende as 16:00 ás 21:00 horas en Relacións Laborais.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.