Notas de prensa

Os orzamentos galegos para 2013 aprobaranse o 27 de decembro de 2012

O presidente da Xunta incide en que, en vez de subir os impostos aos que crean emprego, “aprobarase unha lei de emprendemento, subvencionarase a seguridade social aos autónomos e daranse microcréditos para aqueles que queiran investir en Galicia”.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, garantiu, no Parlamento, o apoio da Xunta aos emprendedores, cun incremento das axudas de investimento empresarial do 24%, 46 millóns de euros, e cunha Lei do emprendedor que se remitirá á Cámara neste período de sesións.

En resposta ás preguntas do Grupo socialista e de AGE, Feijóo garantiu que o Executivo galego seguirá traballando “con políticas cheas de rigor, controlando o déficit público para que Galicia sexa solvente, apostando pola innovación e pola internacionalización e pola mellora dos servizos públicos”. “Seguimos traballando no naval, e o tax lease que vostedes nos deixaron como problema, hoxe, é unha solución. Seguimos traballando no sector da automoción e, agora, chegaremos a 400.000 vehículos ao ano na factoría de PSA-Citroën en Vigo. E seguimos traballando en todos as frontes, incluído o sector lácteo e por iso temos unha proposta que espero que frutifique no mes de xaneiro coa industria e cos produtores”, engadiu.

O titular da Xunta incidiu en que, en vez de subir os impostos aos que crean emprego, “aprobarase unha lei de emprendemento, subvencionarase a seguridade social aos autónomos e daranse microcréditos para aqueles que queiran investir en Galicia”.

Así mesmo, avanzou a aprobación dos orzamentos 2013 o vindeiro 27 de decembro, polo que Galicia “converterase no primeiro goberno de España que aproba o presuposto no mesmo mes en que toma posesión”. E lembrou que Galicia foi a autonomía que mellor executou os seus investimentos, “521 millóns de euros executados, o 66% executado en outubro”; e é a primeira comunidade en investimento real por habitante, a primeira en investimento por PIB “e a primeira que paga, con 14 puntos máis que a media das comunidades autónomas”.

Ao longo da súa intervención, Feijóo aseverou que Galicia cumprirá o ano que vén o déficit público do 0,7%; “e para cumprir o déficit do 0,7% teremos que manter os compromisos que tivemos que asumir para cumprir o déficit do 1,5%. Se non arranxamos o pasado, que é a débeda e o déficit, nunca poderemos iniciar o futuro que é o crecemento”.

Co obxectivo de apoiar aos colectivos máis vulnerables, o responsable autonómico recordou que o Goberno galego incrementou o orzamento da RISGA nun 13% e un 29% o orzamento para comedores sociais, albergues e casas de acollida; “e traeremos ao Parlamento para a súa aprobación unha nova Lei de Inclusión Social, con máis modalidades de RISGA e facilitando a compatibilidade entre o emprego e a renda de integración social”, engadiu.

Amais de salientar que a Xunta porá 500 vivendas a disposición daquelas persoas que como consecuencia da falta de prestacións, perdan a súa vivenda; Feijóo subliñou que dentro do apoio aos desempregados, “hoxe mesmo aparece publicado no DOG un novo paquete de axudas en materia de formación; máis de 4 millóns de euros para máis de 1.900 traballadores, e que supón un incremento do 27% respecto ao pasado exercicio”.

Despois de lembrar que o Goberno galego propuxo 8 pactos, entre os que destacou o pacto polos fondos europeos, polo financiamento autonómico, polas fórmulas de crecemento, pola ordenación do territorio, polo sistema financeiro e pola blindaxe dos servizos públicos; Feijóo lamentou que o PSdeG e AGE prefiran o modelo catalán, “que supón pedir para chegar a fin de mes máis de 5.000 millóns de euros ao Estado do que queren separarse”; ou o modelo andaluz, “cun 35% de desemprego e 5.000 millóns de euros do Fondo de Liquidez”.

O presidente da Xunta reclamou seriedade a ambos os dous partidos “para falar de política económica de verdade, para falar de acordos de verdade e para sacar a Galicia como a primeira comunidade autónoma que abandone a crise económica e financeira que creou o Partido Socialista Obreiro español en oito anos de goberno”. E, neste senso, concluíu a súa intervención, pedindo apoio e respecto para as iniciativas que xeren emprego en Galicia; “iniciativas como a mina de Corcoesto, que dará traballo durante 10 anos e creará 1.400 empregos”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-12-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES