
O presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou na rolda de prensa do Consello que, unha vez encamiñado o futuro do tax lease, o compromiso do Goberno galego é seguir traballando, por un lado, co Goberno central, para que efectúe todos os trámites necesarios para a entrada en vigor deste sistema; e para que Bruxelas se manifeste con axilidade sobre a non retroactividade das axudas percibidas polo sector, en base á confianza lexítima dos armadores e en base á confianza lexítima dos estaleiros. Os estaleiros e os armadores cumpriron a normativa española e, en consecuencia, ese principio de confianza lexítima de cumprir a lei ten que prevalecer sobre calquera outra continxencia. Esperamos e desexamos que ese principio de confianza lexítima teña por parte das autoridades de Bruxelas o alcance e contido que debe ter en dereito.
Feijóo afirmou que coa aprobación do tax lease pola Unión Europea, temos dado un paso sen o cal o sector naval galego non tiña ningún futuro. Ábrese dixo- unha fiestra de esperanza para o sector naval sen a cal non era posible competir en termos de eficiencia nos prezos finais dos buques construídos na comunidade autónoma galega.
O presidente do Goberno galego reiterou o agradecemento ao sector e ao Goberno central. Ao sector porque estivemos traballando xuntos e tivemos perseveranza e determinación para atopar unha solución legal e que satisfixese as necesidade económicas dunha competitividade en igualdade co resto dos estaleiros europeos. E, agradecemento ao Goberno central por aceptar a proposta que pactamos co Ministerio de Facenda e co Ministerios de Industria, coordinados pola vicepresidenta do Goberno, e hoxe, podemos dicir que ese espírito de colaboración e lealdade foi asumible por Europa.
Diante deste panorama, Feijóo avogou por que ese espírito de colaboración e lealdade siga inspirando ás distintas dificultades que vaiamos tendo nos sectores produtivos; lealdade e colaboración co Goberno central para atopar solucións e para atopar respostas.
Neste sentido, lembrou que nesta lexislatura que remata, non fomos capaces de sensibilizar ao Goberno socialista da importancia do sector naval. O problema do tax lease xurde en maio de ano 2011 e a lexislatura finaliza en decembro do ano 2011, con este asunto pendente e sen ningunha solución. Empezamos a traballar remitindo á UE un documento e empezamos a traballar, por suposto, consensuando ese documento co novo Goberno de España. E o resultado foi que, hoxe, temos unha solución legal europea para poder competir co resto dos estaleiros de Europa.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.