Notas de prensa

Feijóo di que a reunión Rajoy-Rousseff é unha oportunidade para os intereses de Galicia

Di que este encontro entre o presidente do Goberno español e a presidenta de Brasil permitirá introducir na axenda bilateral os intereses de Galicia na industria naval e no sistema portuario galego. Feijóo di que na súa visita a Brasil detectou catro oportunidades para Galicia.

O presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse á reunión entre Rajoy e Rousseff, que se celebra o luns 19 de novembro, como “unha oportunidade” para introducir na axenda bilateral entre España e Brasil os intereses de Galicia na industria naval e no sistema portuario galego. “Consideramos que a próxima visita da presidenta de Brasil é un momento excepcional para poñer en valor o resultado da viaxe que acabamos de facer a este país. E, do mesmo xeito que o presidente Rajoy participou de forma directa na consecución dunha alianza estratéxica coa empresa de Petróleos Mexicanos Pemex, pensamos que hai unha oportunidade para introducir na axenda bilateral entre España e Brasil os intereses de Galicia na industria naval e, tamén, no sistema portuario galego”, aseverou.

Logo de que o Consello da Xunta coñecese, hoxe, o informe sobre o balance da recente viaxe oficial do presidente autonómico a Brasil, e na que se puido constatar a oportunidade de negocio real no sector naval e no eido portuario galego con ese país; Feijóo precisou que o Goberno galego remitirá dito informe de forma inmediata á Moncloa, con tres puntos fundamentais: unha relación con vocación de continuidade entre Brasil e a industria naval de Galicia, para explorar construción e reparación de barcos, formación de persoal dos estaleiros brasileiros e transferencia de tecnoloxía de estaleiros galegos á industria naval de Brasil; a posible implantación de empresas brasileiras en portos de Galicia, “nos cinco portos de interese xeral de Galicia”; e organizar conxuntamente unha misión comercial, co visto e prace do Goberno de España, de estaleiros brasileiros, “de armadores brasileiros para coñecer a industria naval de Galicia, tanto a privada como a pública”.

“Vamos a promover un informe que remitimos de forma inmediata á Presidencia do Goberno para buscar un acordo estable no eido naval; unha posible implantación nos portos de Galicia e para organizar conxuntamente unha misión comercial desde Brasil a Galicia, no que se refire á industria naval”, explicou a modo de resumo.

Ao longo da súa intervención, Feijóo resaltou que, durante a súa viaxe a Brasil, “detectáronse 4 necesidades obxectivas e, polo tanto, 4 oportunidades para Galicia”: construción de novos buques off-shore, buques de alto contido tecnolóxico, “detectamos –dixo- unha oportunidade de ata 500 barcos de apoio loxístico ás plataformas petrolíferas e ás plataformas sonda; 500 barcos entre os anos 2013-2016, horizonte 2020”; posibilidade de reparación de buques; transferencia de tecnoloxía; e procesos de formación a miles de persoas, “xa que Brasil está construíndo novos estaleiros para facer as súas plataformas petrolíferas e as súas plataformas de sonda de exploración”.

Feijóo lembrou que a empresa dos Petróleos Brasileiros Petrobras é unha multinacional con presenza en 28 países; a quinta empresa máis importante do mundo do sector da enerxía; e cuxo valor da marca Petrobras ascende a máis de 10.000 millóns de dólares. Así mesmo, subliñou que co descubrimento do xacemento petrolífero de pre-sal, cunha superficie aproximada de 149.000 quilómetros cadrados, Brasil poderase colocar entre os 5 países de maior produción petrolífera do mundo.

Diante deste panorama, afirmou que o obxectivo é que Brasil vexa en Galicia unha oportunidade para as súas necesidades, tanto no campo da construción como “unha oportunidade polos coñecementos tecnolóxicos e, tamén, pola posición xeoestratéxica de Galicia desde o punto de vista portuario”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-11-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES