O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, avaliou, co gobernador do Estado de Río de Janeiro, Sérgio Cabral, as posibilidades de que estaleiros galegos poidan participar no proceso de renovación da flota de Petrobras, a décima petroleira más importante do mundo.
Feijóo, que hoxe mantivo un almorzo co gobernador e co vicegobernador de dito Estado, destacou a gran oportunidade que é Brasil para o sector naval galego, tras o descubrimento do xacemento petrolífero pre-sal e a necesidade de embarcacións apropiadas para poder explotalo. E incidiu en que Galicia ten en Brasil unha nova porta para reactivar o naval e que este sector siga sendo un motor de inversión e de emprego para a nosa economía.
Neste sentido, o presidente do Goberno galego subliñou que Galicia conta coa mellor carta de presentación posible: a súa experiencia; posto que, asegurou, Brasil sabe que a capacidade tecnolóxica da nosa comunidade e o noso capital humano son idóneos para as súas necesidades. E, ademais, Galicia conta co aval de que a cuarta petroleira do mundo, Pemex, confiou nela para os seus proxectos de futuro.
Diante deste panorama, afirmou que Galicia pode ter fundadas esperanzas de materializar unha alianza estable e de colaboración entre os estaleiros galegos e brasileiros.
Durante a xuntanza, o titular da Xunta e o gobernador do Estado de Río de Janeiro analizaron outros sectores, nos que Galicia ten ampla experiencia e coñecemento e nos que é posible, tamén, establecer canles de cooperación para o desenvolvemento de proxectos conxuntos, entre os que destacan: as infraestruturas, tendo en conta que o Goberno brasileiro continuará investindo con intensidade en infraestruturas de transporte así como en mellorar a súa rede de portos e aeroportos; a agroindustria; a construción; o turismo; ou a enerxía, xa que existen proxectos para converter Brasil nunha potencia en xeración enerxética a través de renovables.
Feijóo insistiu, en definitiva, en que o Goberno brasileiro está desenvolvendo unha política de reforzo en sectores nos que Galicia ten moito que achegar, como poden ser as enerxías renovables, a agroindustria, as infraestruturas e loxística, a construción, o turismo, ou o naval.
Así mesmo, resaltou que Brasil é unha potencia en auxe que Galicia non pode desaproveitar na súa estratexia de internacionalización. E, neste senso, lembrou que se trata dun gran mercado cun gran potencial, que conta con case 200 millóns de habitantes; que concentra o 34% do PIB de todo o continente americano; cunha grande estabilidade macroeconómica, a pesar da situación mundial; e que é a sexta maior economía do planeta.
Actualmente, Brasil xa é o primeiro destino de Latinoamérica de exportacións de produtos galegos e o segundo en todo o continente americano.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.