Notas de prensa

Lugo recupera a tradición celta do Samaín cunha procesión de ánimas polo adarve da Muralla

Unha ducia de actividades gratuítas celébranse o mércores 31 de outubro e o sábado 3 de novembro nas prazas da Soidade e Campo Castelo. Obradoiros de cabazas, contos de medo e unha procesión de ánimas pola Muralla para recuperar a tradición celta do Samaín na cidade de Lugo.

Por segundo ano Lugo celebrará o Samaín, a vella tradición de orixe celta. Cabazas, contos de medo e conxuros son algúns dos ingredientes que compoñen a programación deseñada pola Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua para celebrar o Samaín e que presentou esta mañá o tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, acompañado por representantes das asociacións culturais de recuperación castrexa que participan nesta iniciativa (Trebas Galaicas, Taranis e Federación de Reconstrución Histórica Lugh) e dos hostaleiros de Campo Castelo.

Bao explicou que a programación, que terá lugar o mércores 31 na Praza da Soidade e o sábado 3 en Campo Castelo, está pensada fundamentalmente para os máis pequenos “porque son os que máis desfrutan con estas actividades”. O responsable de Cultura explicou que o obxectivo é que os nenos e nenas galegos “manteñan vivo o facho da nosa tradición para legala cara ao futuro”. Por iso, o Concello de Lugo súmase por segundo ano á celebración do Samaín e organiza unha completa programación vinculada a esta tradición. Baixo o título de Samaín 2012. Defuntos vivos e mortos, a área que dirixe Antón Bao propón unha serie de actividades deseñadas en colaboración con tres asociacións culturais especializadas na reconstrución histórica do mundo castrexo. O tenente alcalde sinalou que “a través do cine e das modas chégannos festividades foráneas como o Halloween americano, que resulta que afondan as súas raíces na cultura celta, así que esta iniciativa de celebrar o Samaín supón algo tan sinxelo, pero fundamental, como recuperar os nosos ritos”.

O programa abrangue obradoiros de cabazas, pintado de facianas e recortables de papel destinados aos máis pequenos, contos de medo, lendas celtas e procesións de ánimas. Ademais, celebraranse vistosos rituais de vivos e mortos e, para peche da celebración, tanto na noite do luns 31, a noite propia do Samaín, como na do sábado 3, celebraráse o conxuro da queimada e o adarve da Muralla acollerá a uns sorprendentes transeúntes: unha procesión de ánimas que portarán cabazas iluminadas con velas e fachos que serán depositadas en distintos puntos da Muralla.

A tradición do Samaín

A tradición do Samaín, que comparten con Galiza outras nacións de orixe celta como Bretaña, Escocia, Gales ou Irlanda, significa a fin do verán e o comezo do ano celta e celebrábase para honrar a recollida da última colleita e o regreso dos rebaños aos cortellos. A esa transición cara o inverno, e que supoñía o regreso aos lares, tamén vinculaban o retorno dos mortos ao mundo dos vivos e, durante esa noite máxica, os dous mundos convivían a través dunha serie de rituais no que os celtas mesturaban gastronomía, lume e contos para lembrar aos defuntos.

Estes costumes, co paso do tempo, perduraron asociados á celebración do día dos defuntos a través de tradicións como os contos de mortos, a súa lembranza con visitas aos cemiterios ou os doces propios da festa, como os chamados “ósos de santos”. Ademais, a propia antropoloxía do ser galego determina unha especial relación coa morte, moi presente na nosa cultura a través da tradición literaria e artística, e da propia concepción da vida. Por iso, non é de estranar, que o Samaín non desaparecera en Galiza e que se conservase a súa tradición en lugares como Bretoña, a Mariña ou na zona de Quiroga. Fóra de Lugo, está a ser recuperada en zonas de Ourense, Cedeira ou Pontevedra.

Atraer turistas a Lugo na ponte

Outro dos obxectivos que persegue a Concellería de Cultura e Turismo con esta celebración é o de ofrecer un programa de actividades que resulte atractivo para o turismo. “Os turistas van a lugares onde pasan cousas, polo que é imprescindible dotar de contido as visitas dos turistas, non só co patrimonio histórico e gastronómico que temos, senon con actividades de lecer que acheguen a nosa cultura a todos os que nos visitan dun xeito activo e participativo”, indicou Antón Bao. Con ese obxectivo prográmase o Samaín para esta ponte de novembro.

Outro factor que destacou o tenente alcalde é que as actividades, que son gratuítas e abertas a todo o público, desenvolveranse en distintos puntos da cidade. Con esta iniciativa, ao igual que se fixo durante as festas do San Froilán, preténdese facer partícipes aos hostaleiros e comerciantes de distintas zonas da cidade das actividades culturais que se organizan. Bao destacou, neste caso, a colaboración dos hostaleiros de Campo Castelo e afirmou que “a espita aberta no pasado San Froilán comeza a dar os seus froitos”.

Enrique Flores, pola súa parte, en representación da Asociación de Hostaleiros de Campo Castelo, afirmou que “os hostaleiros e comerciantes témonos que ir concienciando en colaborar con todo o entramado de actos sociais, culturais e deportivos da cidade, entre outras cousas porque somos os principais beneficiados de que estes actos se celebren”, dixo.

SAMAÍN 2012
Defuntos vivos e mortos
____________________________________
Data: Mércores, 31 de outubro 2012
Actividade: SAMAÍN
Lugar: Praza da Soidade
Hora: A partir das 17:30
Programa:
Obradoiros de cabazas
Contacontos
Globoflexia
Procesión de ánimas pola muralla
Ritual Celta
Conxuro da queimada
Concurso de cabezas talladas
Organiza: Federación de Reconstrución Histórica Lugh
Patrocina: Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua

________________________________________
Data: Sábado 3 de novembro 2012
Actividade: SAMAÍN
Lugar: Praza do Campo Castelo
Programa de actos:
-Tarde a partir das 17:30. Samain dos nenos
Baleirado de cabazas
Exposición sobre "Guerreiros Galaicos"
Coloreado e recortado de cabazas e figuras
Pintado de facianas con pictos galaicos
Globoflexia (con Globeando)
Xogos Galaicos
Cabezudos Malux e Péximux
Merenda do Samaín: Gran Chocolatada gratuíta, ás 18.00
-Noite a partir das 21:00
Conxuro e queimada, ás 21:00
Desfile de pequenas ánimas pola muralla, ás 21:15
Conxuro e queimada, segunda quenda, ás 22:30
Desfile de fachos pola muralla e Praza do Campo Castelo
Amenizado polo grupo de gaitas e percusión de Trebas Galaicas
Organiza: Asociación Trebas Galaicas
Patrocina: Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua

Gabinete de Comunicación do Concello de Lugo, 2012-10-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée d’Art Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023).
Foto de la tercera plana (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.

Notas

Desde o ano 2022 e financiado polo International Space Science Institute, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. O equipo acaba de realizar unha xuntanza na sede do ISSI en Berna (Suíza).
As chuvias que recibimos no oeste da Península Ibérica dependen en boa medida do que sucede no Atlántico Norte. Un novo estudo liderado pola investigadora do CICA da UDC Uxía Fernández-Pérez reconstrúe como cambiaron as precipitacións nesta rexión durante os últimos 11.000 anos e permite comprender mellor os mecanismos oceánicos e atmosféricos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES