O director xeral de Relacións Exteriores e coa U.E, Jesús Gamallo, participou na reunión da Comisión de Política de Cohesión Territorial (COTER), do Comité das Rexións Europeo,onde defendeu unhas redes transeuropeas de transporte que aposten por mellorar a competitividade da economía e neste sentido recordou a importancia esencial das inversións ferroviarias en Galicia tanto no referente ao corredor atlántico como na súa conexión con Madrid.
Nesta reunión tamén participaron representantes da Comisión Europea e da Presidencia Chipriota do Consello ante os que Gamallo interveu para defender as peculiaridades propias de Galicia no deseño das futuras redes transeuropeas do transporte, da enerxía e das telecomunicacións. Neste contexto o director xeral manifestou que seguimos a defender a inclusión do porto de Vigo como nodal na rede principal de corredores identificados pola Comisión Europea.
A reunión mantida en Valencia, estivo dedicada en exclusiva ao debate sobre As repercusións e o efecto multiplicador na cohesión territorial do Mecanismo Conectar Europa" na que estiveron presentes o Presidente do Comité das Rexións,Ramón Luis Valcarcel, e o Presidente da Generalitat Valenciana, Alberto Fabra.
En outubro de 2011 a Comisión Europea presentou a proposta en infraestruturas para o próximo período de financiamento 2014-2020. Unha das novidades incluídas no proxecto foi o Regulamento sobre o Mecanismo Conectar Europa como principal instrumento financeiro para a aplicación da política de infraestruturas. Este instrumento estará destinado a cofinanciar as infraestruturas prioritarias de transporte, enerxía e banda ancha que deberían estar finalizadas en 2020. Os recursos destinados a este plan, segundo a proposta da Comisión, sumarían uns 50.000 millóns de euros, dos cales cerca de 30.000 millóns serían destinados ás redes de transporte.
A creación dunhas redes de transporte, enerxía e dixitais intelixentes, sostibles e plenamente interconectadas preséntanse como condición necesaria para ter unha zona económica integrada e uns niveis adecuados de cohesión social e territorial. Ademais, os investimentos en infraestruturas clave poden impulsar a competitividade da Unión nun contexto económico marcado polo lento crecemento e por uns orzamentos públicos restritivos.
Ante este escenario, os entes locais e rexionais están chamados a actuar como axentes de relevancia clave na aplicación e no financiamento destes proxectos de infraestruturas. Por esta razón é importante promover o papel destes actores co fin de maximizar o efecto multiplicador do investimento neste eido, garantindo que a súa implementación terá efectos positivos na cohesión territorial.
Esta reunión de COTER, patrocinada pola Generalitat Valenciana, inscríbese no marco de seguimento do ditame do CdR sobre o Mecanismo Conectar Europa (aprobado na sesión plenaria de xullo de 2012) e ten como obxectivo facilitar o debate sobre a súa gobernanza, a implicación noutras medidas dirixidas á cohesión territorial e o papel das entidades locais e rexionais na súa xestión.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.