Notas de prensa

Galicia lidera o ránking español de coñecemento e uso das ferramentas e aplicacións de e-sanidade por parte da cidadanía

Galicia é a comunidade española cun maior nivel de coñecemento das ferramentas e aplicacións da e-sanidade, segundo os resultados dun informe elaborado polo Observatorio Nacional das Telecomunicacións e a Sociedade da Información (ONTSI) e recentemente publicado.

Os datos por comunidades autónomas determinan que Galicia é a comunidade cun maior nivel de coñecemento da receita electrónica cun 82,9%, ocupando Baleares a segunda posición cun 73%. Os cidadáns galegos tamén sitúan co grao máis alto de coñecemento ao sistema de cita previa por internet co 75,3%, seguidos de Andalucía co 65,6%. Ademais, Galicia está entre as cinco comunidades autónomas nas que o coñecemento da historia clínica electrónica supera o 80% e da teleasistencia 70,6%.

O informe da ONTSI sobre Os cidadáns ante a e-Sanidade, realizouse a través de enquisas en 2011 e avaliou aspectos como o perfil dos internautas que buscan información sobre saúde na rede, o número de usuarios máis activos buscando esta información, o tipo de información buscada, ou o coñecemento e uso das ferramentas postas a disposición do usuario, entre outros.

Cita previa a través de internet

A petición de citas de Atención Primaria a través de Internet é o servizo máis consolidado e cada día son máis os cidadáns galegos que empregan esta ferramenta. En concreto, un total do 100% dos centros de Atención Primaria (é dicir, o 100% dos cidadáns galegos) dispoñen do servizos de citación por internet. Tamén máis do 87% dos centros de Atención Primaria poden citar telematicamente para Atención Especializada.

Case un millón e medio de citas médicas foron solicitadas a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) durante os sete primeiros meses deste ano (xaneiro a xullo incluídos).

Segundo as áreas sanitarias, son os cidadáns de Vigo os que máis empregan a páxina web para solicitar as citas con Atención Primaria, seguidos dos da Coruña e de Santiago. Os cidadáns de Ourense e Ferrol son os que menos citas solicitan a través de Internet.

A petición de cita previa médica para acudir ao centro de saúde iniciouse en novembro de 2001. Con esta iniciativa, pioneira en España, a Consellería de Sanidade perseguía o obxectivo de facilitar aos cidadáns as interacción e relacións coa Administración sanitaria. Este servizo compleméntase con outros servizos de acceso individualizado dos pacientes como consulta da súa situación persoal na lista de espera cirúrxica.

Do total de citas médicas solicitadas, o 9,47% son tramitadas a través da páxina web fronte a outras fórmulas como pode ser por medio do teléfono, ou dende o propio centro de saúde. Unha porcentaxe que crece cada ano, o que axiliza moito o traballo administrativo do propio centro de saúde e proporciona máis comodidade ao cidadán.

15 servizos públicos en liña

A Consellería de Sanidade, ademais da petición de cita previa por Internet, ten un total de 15 servizos públicos sanitarios en liña a disposición do cidadán.

Toda a información relacionada e relevante para os pacientes está agrupada no Espazo +Cidadanía, ubicado na páxina www.sergas.es, onde están dispoñibles para a súa realización os trámites mencionados anteriormente e tamén outros como a solicitude da tarxeta sanitaria a través de internet, así no que levamos de ano solicitáronse 200 tarxetas e realizáronse 278 cambios de médico.

Tamén se solicitaron un total de 430 tarxetas de doadores a través da web, recibíronse 637 peticións de subscrición ao servizo de alertas, tramitáronse durante o que levamos de ano un total de 4.566 reclamación e suxestións dos usuarios do Sistema Sanitario Galego, e constan un total de 2.100 documentos de instrucións previas inscritos no Rexistro Galego de Instrucións Previas.

Con respecto da Historia Clínica Electrónica, os cidadáns poden consultar os informes de alta de hospitalización e tamén o seu historial farmacoterapéutico, en concreto, o histórico de dispensacións, as follas de medicación activa, e o plan de dispensacións.

Ademais, a cidadanía ten a disposición outros servizos neste espazo como a solicitude de recordatorio de citas por SMS, a posibilidade de participar na Escola Galega de Saúde para cidadáns, ou acceso a información específica como os indicadores para a cidadanía así como buscadores e información de centros e infraestruturas hospitalarias.

Observatorio Nacional das Telecomunicacións e a Sociedade da Información (ONTSI), 2012-08-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Este órgano está formado por 12 expertos de recoñecido prestixio, tanto a nivel galego como internacional, nos ámbitos científico, tecnolóxico, empresarial e das políticas públicas. Na actualidade a Comunidade despunta en ámbitos como a biotecnoloxía, a intelixencia artificial ou a computación cuántica e acada numerosos fitos. O obxectivo deste consello asesor é apoiar e asesorar ao Executivo autonómico nas súas políticas públicas de I+D+i para seguir acadando éxitos e posicionando Galicia como un territorio de referencia nesta materia. As persoas que forman parte deste organismo, ademais do conselleiro, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, son cinco no eido da investigación, tres no das políticas públicas e catro no ámbito da innovación, empresa e emprendemento.
Foto de la tercera plana (medio_ambiente.jpg) Galicia consolida a súa posición como a comunidade española que máis logrou reducir en 2024 as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (GEI) con respecto a 1990, ano de referencia a nivel comunitario para as políticas en materia de clima. En concreto, a baixada rexistrada neste período foi do 68,5% fronte ao 12,8% no que se sitúa a media nacional. Os últimos datos oficiais dispoñibles volven situar a Galicia á cabeza da clasificación nacional en canto a redución de emisións netas. No período 1990-2024 Galicia logrou reducir en máis de dous terzos as súas emisións netas e tamén é a comunidade española que lidera a baixada de emisións GEI interanual, cun 9,8% menos que en 2023.

Notas

A Universidade de Vigo inaugurou a maior estación óptica terrea de España, consolidando así o seu liderado en comunicacións cuánticas vía satélite. Bautizada co nome de Antonia Ferrín, en homenaxe a quen foi a primeira astrónoma de Galicia, e situada na contorna da Facultade de Filoloxía e Tradución, 'o lugar máis idóneo de todo o campus para evitar turbulencias da canle atmosférica', o orzamento total para a posta en marcha desta nova infraestrutura situouse en torno aos 1,5 millóns de euros.
O proxecto de investigación RESCLIM@TIEMPO que lideran a USC e a Universidade de Granada, no marco da colaboración permanente entre os grupos SEPA-interea da Universidade de Santiago e Eva-EASI da Universidade andaluza, organizan esta semana no Campus compostelán o I Congreso Internacional sobre Respostas Educativas e Sociais á Emerxencia Climática e VI Seminario Internacional RESCLIMA ‘Estamos a tempo? De que estamos a tempo?’.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES