
A campaña orientarase principalmente cara ao alumnado da rede de centros de formación profesional, ocupacional e de formación secundaria. A escola estará en cada colexio ou instituto un mínimo dunha semana.
A iniciativa caracterízase por un labor didáctico deseñado a medida da mocidade e cunha estética que entronca cos seus gustos. Os alumnos reciben na escola móbil charlas sobre a alternativa que representa o cooperativismo como vía de acceso ao mercado laboral, impartidas por dous monitores especializados na materia que, mediante técnicas de aprendizaxe participativas e lúdicas, expoñen contidos didácticos deseñados expresamente para este proxecto.
Asemade os mozos realizan obradoiros a través dos cales van descubrindo as principais vantaxes do modelo cooperativo e teñen a oportunidade de realizar e desenvolver os seus propios proxectos cooperativos, guiados e asesorados polos monitores.
A metodoloxía das sesións é eminentemente práctica, coa finalidade de transmitir aos participantes, dun xeito ameno e atractivo, os valores do cooperativismo, as habilidades sociais cooperativas, os pasos necesarios para crear unha cooperativa e a análise de casos de cooperativas de éxito.
A campaña desenvolverase durante as xornadas lectivas cun horario ininterrompido de oito horas diarias. Completarase, ademais, coa elaboración de materia divulgativo, así como coa posta en marcha dun espazo web propio que cun enlace á web do Consello Galego de Cooperativas, www.cooperativasdegalicia.com, sexa un punto de encontro para a mocidade emprendedora.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.