Notas de prensa

Inaugurouse o albergue de peregrinos de Viladerrei, en Trasmiras

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo López, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; e o alcalde de Trasmiras, José Pazos Ojea, inaugurou hoxe neste municipio ourensán o albergue para peregrinos de Viladerrei, na Vía da Prata.

Esta nova instalación, vén incrementar en 30 o número de prazas de albergues para peregrinos da Vía da Prata, que agora xa conta con 376 nas 13 instalacións coas que conta esta vía de peregrinaxe no seu percorrido galego. Deste xeito, con esta incorporación os peregrinos disporán de 3.207 prazas na rede pública de albergues de Galicia. Neste ámbito, coa vindeira posta en servizo dos albergues de Castroverde (Lugo) e Betanzos (A Coruña), o número de prazas totais será de 3.278, o que supón un incremento de case 500 prazas entre os anos 2009 e 2012.

Na súa intervención, Carmen Pardo salientou a actuación da Xunta de Galicia na construción de albergues para peregrinos que no período 2009-2012 supuxo, “un investimento de máis de 5,6 millóns de euros”. Segundo manifestou a secretaria xeral para o Turismo, que tamén estivo acompañada neste acto polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o presidente da Asociación de amigos Vía de la Plata-Camino Mozárabe, José Luis Rodríguez, “isto pon de manifesto a importancia que a Xunta de Galicia lle da ao Camiño de Santiago, nun dos momentos nos que más axustes se están a producir nos orzamentos públicos”.

Vía da Prata

Por outra parte, a secretaria xeral para o Turismo salientou o pulo que está a acadar a Vía da Prata como ruta de peregrinaxe a Santiago de Compostela que, segundo manifestou, acolleu 14.197 peregrinos que obtiveron a Compostela no último Ano Santo de 2010.

Neste ámbito, nos últimos sete meses polo Camiño do Sueste chegaron a Santiago 5.023 peregrinos, mentres que no mesmo período do ano anterior fixérono 4.753, o que supón un incremento do 5,3%.

Carmen Pardo tamén se referiu ás pernoitas, nos albergues do Camiño do Sueste, sinalando que en 2011 producíronse 24.818, e no que vai de ano “levamos 13.681 pernoitas”.

Produto destacado

A secretaria xeral para o Turismo falou tamén da nova estratexia de promoción turística da Comunidade Galega, baixo o paraugas da marca Galicia, gárdasme o segredo? da que penden os dez produtos cabeceira: Camiño de Santiago, Mananciais de Galicia, Faros e praias salvaxes, Patrimonio oculto, Santuarios máxicos, a Ruta da camelia, Turismo mariñeiro, Bosques de Galicia, Paseando entre viñedos e Lugares únicos.

Neste sentido, salientou “a importancia que ten o Camiño de Santiago como un dos produtos turísticos máis importantes de Galicia, tanto no eido nacional como internacional”, e como proba referiuse a que no primeiro semestre do ano, o turismo internacional cara a Galicia medrou 1,5 puntos.

Albergue de Viladerrei

Este novo albergue de peregrinos de Viladerrei aséntase sobre unha edificación rehabilitada que ocupaba unha antiga farmacia e que conta con, semisoto, planta baixa e primeira planta, nunha edificación con muros de pedra, dentro dunha superficie total de 412,68 metros cadrados.

O acceso principal ao albergue realízase pola planta baixa mediante recibidor, a xeito de cortaventos para acceder ao salón onde se sitúa a cabina do albergueiro.

A planta alta conta cuns aseos, un distribuidor e dúas estancias para dormitorios. Tamén existe unha galería orientada ao sueste.

O albergue conta con dúas edificacións anexas nas que se atopan o comedor, un cuarto, vestiarios e un lavadeiro-tendedeiro, envorcados ao espazo interior a xeito de eira.

A edificación trata de crear un espazo de fácil comunicación e transición, e buscar unha amplitude de volumes acorde ás necesidades e un mellor aproveitamento da superficie.

Así, xurde un trazado lineal que permite a comunicación entre os diferentes volumes e unha axeitada conexión coa contorna natural envolvente. Os porches permiten unha transición pausada co exterior, conformados como espazos de estancia, paso e visualización.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-08-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (fiv-vilalba-2026.jpg) O FIV de Vilalba volverá reunir na localidade lucense unha programación destacada da escena independente e alternativa estatal, cun cartel no que figuran nomes como Carlos Ares, Alcalá Norte, La M.O.D.A. e Ãngel Stanich, xunto a outras propostas moi presentes no panorama actual como Repion, Puño Dragón, Celia Becks, Futuro Alcalde, Grande Osso e Rapariga DJ. A boa resposta do público nas últimas semanas confirma, ademais, a gran acollida desta edición, coa previsión de que Vilalba volva encherse de ambiente festivalero a próxima fin de semana. A programación do FIV de Vilalba desenvolverase entre o Escenario Vibra Mahou, o Escenario #Fiver by Lactalis e a Zona DJ, consolidando un formato que combina os grandes concertos nocturnos coa actividade diúrna do sábado.
Foto de la tercera plana (saude-medico.jpg) Galicia sitúase como a comunidade autónoma con menor porcentaxe de pacientes que agardan máis de 60 días por unha consulta co especialista. Así o referendan os datos publicados polo Ministerio de Sanidade sobre listas de espera no Sistema Nacional de Saúde a peche de 2025. Segundo os datos, en decembro de 2025 a comunidade galega situouse como a cuarta rexión española con mellores tempos medios de espera no ámbito das primeiras consultas. Neste eido, o Servizo Galego de Saúde rexistrou unha media de 63 días de espera, fronte aos 102 do Sistema Nacional de Saúde. Estas cifras reflicten que os galegos esperan 39 días menos para acceder a unha consulta co especialista que a media dos españois.

Notas

A Primavera Cultural da USC continúa agromando con múltiples propostas. Así, no Campus de Lugo, a danza, o teatro e a creación audiovisual protagonizan as citas máis inmediatas. Entre os días 19 e 23 de abril, regresa o Festival de Teatro Universidade a Lugo, na que será a súa trixésimo segunda edición. O certame de curtametraxes Findecurta mantén aberto o seu prazo de inscrición ata o 21 de abril. O día 24 realizarase a tradicional sesión informativa na Casa do Saber na que se lles explicará ás persoas participantes o reto desta edición do certame.
A Universidade de Vigo inaugurou a maior estación óptica terrea de España, consolidando así o seu liderado en comunicacións cuánticas vía satélite. Bautizada co nome de Antonia Ferrín, en homenaxe a quen foi a primeira astrónoma de Galicia, e situada na contorna da Facultade de Filoloxía e Tradución, 'o lugar máis idóneo de todo o campus para evitar turbulencias da canle atmosférica', o orzamento total para a posta en marcha desta nova infraestrutura situouse en torno aos 1,5 millóns de euros.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES