
Con esta achega, enmarcada no Plan Estratéxico de Subvencións xestionado polo INLUDES, o organismo lugués impulsa 25 certames encamiñados a xerar riqueza na provincia aproveitando os seus recursos agroalimentarios e artesanais, así como a actividade de tódalas confrarías mariñanas.
Trátase de impulsar sectores estratéxicos e produtos autóctonos para contribuír a reactivación da economía local e fixar poboación, destacou o Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, José Ramón Val, durante a presentación da 3ª Festa do Marisco, un acto que tivo lugar na mañá do xoves 2 de agosto no Concello de Foz. Precisamente, este evento gastronómico, que está gañando peso no calendario festivo da Mariña e do resto da provincia, indicou Val, é unha das citas que respalda a institución luguesa, ó igual que a 3ª Festa do Percebe de Celeiro, que se celebra o venres 3 de agosto na vila viveirense baixo a organización da Confraría de Pescadores Santiago Apóstol e na que participará a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, ou a feira de Produtos Artesanais e Ecolóxicos (PRODUART).
36.000 euros para A Mariña
Dos 100.000 euros contemplados no Plan Estratéxico de Subvencións do INLUDES para promocionar os produtos autóctonos, un total de 36.000 están destinados a certames organizados na Mariña, e á actividade e funcionamento das confrarías de pescadores. Deste xeito, xunto á Festa do Percebe de Celeiro ou PRODUART, o plan tamén beneficia a outras localidades mariñanas, ó apoiar eventos emblemáticos na comarca, e na maioría dos casos con sona non só na provincia, senón en toda Galicia, como son o Mercado Renacentista de Viveiro; a Festa do Berberecho de Foz; ou a feira de mobles e antigüidades da Pontenova. No resto da provincia, algunhas das convocatorias apoiadas son as feiras de artesanía de Castroverde e Guntín; Expogrelo de Abadín; a Festa da Verza Riza de Labrada, en Guitiriz; a Festa da Castaña de Folgoso do Courel; a Festa da Cereixa de Ribas de Sil ou a Xornada sobre a Exaltación dos Produtos do Mar na Montaña, en Becerreá.
3ª Festa do Marisco
A Festa do Marisco da Mariña conta co apoio da Deputación dende a súa primeira edición porque pon en valor a riqueza da costa mariñana, pero ademais, segundo destacou José Ramón Val, é un moi bo exemplo de que a colaboración entre o sector privado e as administracións públicas pode dar moi bos froitos. Xuntos somos máis fortes e xuntos podemos reiventarnos, sacando adiante proxectos que contribúan a xerar riqueza na provincia aproveitando a calidade dos produtos autóctonos.
Nesta ocasión, a cita gastronómica, respondendo o carácter rotatorio co que naceu, celebrarase o vindeiro 18 de agosto no Paseo da Ribeira de Foz, despois de ter lugar en Burela na súa primeira edición, e en Cervo, na segunda. A un prezo competitivo de 20 euros, ofrecerase, de 12:00 a 24:00 horas, un menú composto de nécoras, cigalas, percebes, mexilóns e berberechos. No caso de comprar de forma anticipada os tiques o prezo baixa a 18 euros.
Comercio electrónico
Outra das actuacións básicas que a institución provincial impulsou co mesmo fin de poñer en valor e mellorar a comercialización dos productos autóctonos foi a posta en marcha da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com á que xa están adheridas corenta empresas lucenses. Este primeiro centro comercial virtual da provincia, creado a través do programa europeo Innova-TE, conta cun apartado específico e destacado para os produtos autóctonos. A plataforma aumenta as posibilidades de incrementar o volume de beneficios das empresas ó abrirlles novos mercados e facilitar as vendas, pois os clientes poden comprar as 24 horas do día, os 365 días do ano. Este portal non ten límite de empresas, nin de oferta de produtos. A Deputación creou así mesmo a marca Lugo Sabe, coa que contan a día de hoxe 35 empresas agroalimentarias da provincia. Os seus produtos están á venda en tendas da cadea de supermercados Cemar, en Cafestore e La Palloza Gallega. A iniciativa tivo tan boa acollida que xa hai moitas firmas interesadas en recibir tamén este distintivo, polo que o organismo provincial ampliou o proxecto coa segunda fase do programa Lug02, para a que a Unión Europea lle concedeu 6,5 millóns de euros.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.