Notas de prensa

Empresarios mexicanos buscan alianzas tecnolóxicas na Comunidade galega

Os empresarios mexicanos buscan en Galicia transferencia de coñecemento para impulsar o desenvolvemento industrial na área de Celaya, especialmente no sector da automoción. O director xeral do Igape, Javier Aguilera, mantivo un encontro cunha delegación da zona de El Bajío, no centro do país, interesada en colaborar con centros tecnolóxicos galegos.

O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Javier Aguilera Navarro, recibiu en Santiago, en representación da Consellería de Economía e Industria, a membros dunha delegación de empresarios mexicanos da zona de El Bajío, situada no centro do país, no estado de Guanajato, interesados en avaliar posibles acordos e alianzas con centros tecnolóxicos galegos.

O director xeral do Igape recibiu a representantes da Cámara Nacional de la Industria de Transformación (Canacintra), e da axencia de desenvolvemento da cidade de Celaya, que acudiron a Galicia para manter encontros con representantes de centros tecnolóxicos como o CTAG (Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia) e Aimen, na procura de posibles alianzas empresariais ou acordos para a transferencia de tecnoloxía.

No encontro participaron o director xeral da axencia de desenvolvemento de Celaya, Carlos Pérez Chávez, e o presidente de Canacintra nesa cidade, Juan Carlos Rojas, así como representantes dos clusters galegos cos que as entidades que representan están interesadas en establecer posibles acordos para a transferencia de coñecemento, dado que a zona de El Bajío está en pleno proceso de industrialización, especialmente no ámbito sectorial da automoción.

Durante o encontro, Javier Aguilera salientou o interese da Xunta de Galicia e dos empresarios galegos polo mercado de México, tanto polo seu propio potencial como polas posibilidades do Estado como porta de acceso ao inmenso mercado norteamericano. Neste sentido, o director do Igape lembrou que Galicia dispón dunha plataforma empresarial da Rede Pexga en México para facilitar o labor dos empresarios galegos interesados nese mercado e para asistilos no proceso de busca de clientes ou aliados no país.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-07-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES