Notas de prensa

Feijóo destaca o investimento de 130 millóns na mellora da industria alimentaria galega

Na presentación do Plan Estratéxico do Clúster Alimentario de Galicia aposta por “unir esforzos” e aproveitar a puxanza deste sector para “xerar novas oportunidades de crecemento e emprego” na comunidade.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que, nestes tres últimos anos, a Xunta investiu máis de 130 millóns de euros para a mellora e a modernización da industria alimentaria galega e as súas instalacións. Así o manifestou no acto de presentación do Plan Estratéxico do Clúster Alimentario de Galicia 2011-2015, onde apostou por aproveitar a puxanza deste sector para “xerar novas oportunidades de crecemento e emprego” na comunidade.

Feijóo salientou que a industria alimentaria é un sector “fundamental” no noso tecido produtivo, do que en Galicia forman parte preto de 3.000 empresas capaces de xerar unha produción valorada en máis de 6.700 millóns de euros e de dar emprego a máis de 31.000 persoas. Ademais, apuntou que contribúe a fixar poboación en zonas rurais e costeiras, posto que o 60 por cento destas empresas, das que o 75 por cento son microempresas, se sitúan en municipios de menos de 10.000 habitantes.

O mandatario galego recoñeceu que esta industria, vinculada ao sector agrogandeiro e de transformados da pesca, confórmase como “un auténtico recurso endóxeno de primeira magnitude para Galicia” que, nas últimas décadas, se ten convertido “nunha industria transformadora, de aí o seu valor engadido, e que soubo situarse ao nivel das exixencias dos novos mercados”.

A colaboración e a unión de esforzos como fórmula de éxito

Na súa intervención, o presidente galego puxo de relevo o labor do Clúster Alimentario de Galicia que é, dixo, “unha oportunidade para a cooperación entre empresas e unha oportunidade para incrementar a súa calidade, a súa facturación, a súa presenza, o seu emprego e o seu crecemento sostido” grazas á innovación e ao prestixio das nosas materias primas.

Nesta liña, resaltou que a “unión de esforzos e a colaboración son as ferramentas que necesitamos en todos os sectores” e advertiu “que namentres non consigamos rematar ou diminuír co impacto do minifundismo necesitamos cooperar e colaborar, un dos motivos polo que se constitúe o Clúster”. “A Xunta está convencida dos bos resultados do traballo en equipo e, por iso, levamos tres anos incentivando, promovendo e apoiando a constitución de agrupacións de empresas para o desenvolvemento conxunto de iniciativas”, asegurou.

Sacar partido desta unión empresarial cara ao exterior

Feijóo defendeu a importancia do traballo conxunto, da unión de esforzos e da cooperación empresarial que representan os clústers; e, no caso concreto do sector alimentario, considerou fundamental “sacar partido da unión cara ao exterior baixo a marca Galicia, un selo de garantía e calidade”, dixo. “Quero chamar a atención sobre utilizar unha marca, utilizala de forma conveniente, nos produtos que estean autorizados para iso e utilizala dunha forma eficiente para gañar en calidade e en presenza nos mercados máis esixentes”, aduciu.

Na conclusión da súa intervención, Feijóo apuntou que “a industria transformadora galega dos produtos do campo e do mar acadou importantes cotas de competitividade no contexto español e europeo e soubo adaptarse ás novas esixencias dos consumidores”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-07-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES