Notas de prensa

Expertos en industrias culturais debaten o futuro do sector no II Foro Indcrea

O II Foro Indcrea 2012 posiciona no debate os retos das industrias culturais no actual contexto de crise. Expertos reúnense na Illa de San Simón para participar neste evento que se transmite en streaming en San Simón TV.

O II Foro Internacional INDCREA foi inaugurados en San Simón, a Illa do Pensamento, polo secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia. O encontro de máis de 50 especialistas internacionais desenvolvese ata o xoves 19 mediante distintas sesións de debate e reflexión sobre o emprendemento e a innovación nas industrias culturais. Organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Consello da Cultura Galega (CCG), INDCREA 2012 insírese como actividade do Laboratorio Permanente das Industrias Culturais.

O acto de apertura, no que estiveron presentes tamén o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé López; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos F. Fasero, e o director da Fundación Illa de San Simón, Francisco Javier Alonso, foi retransmitido en streaming a través da canle San Simón TV, na que se poderá seguir todo o evento.

Na súa intervención, o secretario xeral de Cultura asegurou que Galicia ten na súa cultura e no seu potencial creativo “unha oportunidade proveitosa para o seu crecemento económico e para o seu desenvolvemento social”. Reivindicou, neste sentido, que a aposta polo desenvolvemento do sector creativo como un camiño de futuro no contexto actual ten que ser unha aposta social colectiva, na que conflúan administracións públicas e iniciativa privada, “na que sexamos capaces de consolidar modelos de negocio rendibles, axeitados ás novas formas de relación e comunicación dos mercados, desde a innovación e a posta en valor da nosa achega cultural diferencial”, engadiu.

Referiuse, así mesmo, á celebración do II Foro INDCREA como “un paso máis alá na análise e na procura de novas fórmulas rigorosas para afrontar o futuro do sector, un sector, hoxe por hoxe, estratéxico para Galicia, polo seu potencial artístico e pola base produtiva que xa posúe”.

Xornadas pioneiras

Pola súa banda, o director da AGADIC destacou o carácter pioneiro das xornadas de INDCREA pola posibilidade de participación virtual global, desde calquera punto do mundo e desde calquera eido, desde o académico ata o profesional, grazas ás novas tecnoloxías. Tamén salientou o feito de que este tipo de iniciativas posibiliten a xeración de ideas nun momento moi importante para o desenvolvemento desta industria, posibilitando propostas exitosas, rendibles e pioneiras.

De feito, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén impulsando unha serie de espazos de encontro arredor do valor empresarial da cultura, tanto desde a perspectiva das industrias culturais e creativas como desde a perspectiva do valor da achega da creatividade ao conxunto dos sectores económicos. Nesta mesma liña, a Consellería promoveu no último semestre o foro Economía e Cultura, que serviu tamén como escaparate de experiencias innovadoras no ámbito da creación cultural, ou a xornada desenvolvida na Cidade da Cultura a principios de xullo Cultura e Responsabilidade Social Empresarial, coa que se encetou un discurso aínda pouco explorado sobre a incorporación da actividade de dinamización cultural e lingüística á RSE das empresas.

Xosé López, vicepresidente do Consello da Cultura Galega, refeiruse á necesidade de acadar novas fórmulas para xestionar a cultura, unha estratexia na que o emprendemento resulta fundamental no obxectivo de progresar nunha sociedade dixital.

Tradición emprendedora

Despois do acto inaugural desenvolveuse a primeira mesa, centrada na tradición emprendedora da cultura galega. Nela participaron, xunto con Juan Carlos F. Fasero, o editor e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Víctor Fernández Freixanes, así como o xornalista e tamén docente da USC Fernando Salgado. O seguinte relator foi Rafael Rodríguez Ponga, secretario xeral do Instituto Cervantes, que afondou na importancia económica cultural dos idiomas no contexto da globalización.

As sesións matinais concluiron coa intervención do escritor e profesor da escola de negocios EADA de Barcelona, Franc Ponti, e continúan pola tarde co profesor, editor e secretario da Asociación Portuguesa de Medios de Comunicación Social, Paulo Faustino, así como destacados profesionais como Carlos Jiménez Suárez, creador de novas aplicacións multimedia e un dos principais expertos españois en seguridade informática; Lara López, directora de Radio 3; Joaquín Martínez, director do grupo EsmerArte, e Javier Abreu, produtor musical e presidente da Asociación de Técnicos de Son de Galicia.

O encontro conta coa participación de máis de 50 expertos internacionais vinculados á industria cultural e creativa, tanto desde a perspectiva do investigador como do creador, o empresario, o profesional ou o promotor. Ademais dos expertos xa citados, figuran no programa Manuel Toharia, director científico da Cidade das Artes e das Ciencias de Valencia; Gonzalo López Campos, director do selo Movistar Música; Francisco Aguadero, investigador, comunicador e especialista en comunicación social; ou Juan Nouche, produtor multimedia de Otiiplanet.com, entre outros.

Do ámbito académico participan Neysi Palmero, catedrática da Facultade de Comunicación e Mercadotecnia da Universidade Autónoma de Guerrero (México), Francisco Rui Cadima, catedrático de Comunicación da Facultade de Ciencias Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa; Ana Cristina Correia Gil, profesora da Universidade Pública das Açores (Portugal); Rosario de Mateo, catedrática de Xornalismo da Universidade Autónoma de Barcelona; Juan Carlos Miguel de Bustos, catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade do País Vasco; José Ignacio Aguaded, catedrático de Medios e Novas Tecnoloxías da Comunicación aplicadas á Educación da Universidade de Huelva, e Antoni Serra Cantallop, profesor da Universidade das Illas Baleares.

As sesións están sendo retransmitidas en streaming pola canle San SimónTV, á que se pode acceder a través da páxina web da Fundación Illa de San Simón (www.illadesansimon.org). Tamén se está a realizar un completo seguimento en Twitter desde a conta @illasansimon e baixo a etiqueta #INDCREA2012.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-07-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (fiv-vilalba-2026.jpg) O FIV de Vilalba volverá reunir na localidade lucense unha programación destacada da escena independente e alternativa estatal, cun cartel no que figuran nomes como Carlos Ares, Alcalá Norte, La M.O.D.A. e Ãngel Stanich, xunto a outras propostas moi presentes no panorama actual como Repion, Puño Dragón, Celia Becks, Futuro Alcalde, Grande Osso e Rapariga DJ. A boa resposta do público nas últimas semanas confirma, ademais, a gran acollida desta edición, coa previsión de que Vilalba volva encherse de ambiente festivalero a próxima fin de semana. A programación do FIV de Vilalba desenvolverase entre o Escenario Vibra Mahou, o Escenario #Fiver by Lactalis e a Zona DJ, consolidando un formato que combina os grandes concertos nocturnos coa actividade diúrna do sábado.
Foto de la tercera plana (saude-medico.jpg) Galicia sitúase como a comunidade autónoma con menor porcentaxe de pacientes que agardan máis de 60 días por unha consulta co especialista. Así o referendan os datos publicados polo Ministerio de Sanidade sobre listas de espera no Sistema Nacional de Saúde a peche de 2025. Segundo os datos, en decembro de 2025 a comunidade galega situouse como a cuarta rexión española con mellores tempos medios de espera no ámbito das primeiras consultas. Neste eido, o Servizo Galego de Saúde rexistrou unha media de 63 días de espera, fronte aos 102 do Sistema Nacional de Saúde. Estas cifras reflicten que os galegos esperan 39 días menos para acceder a unha consulta co especialista que a media dos españois.

Notas

A Primavera Cultural da USC continúa agromando con múltiples propostas. Así, no Campus de Lugo, a danza, o teatro e a creación audiovisual protagonizan as citas máis inmediatas. Entre os días 19 e 23 de abril, regresa o Festival de Teatro Universidade a Lugo, na que será a súa trixésimo segunda edición. O certame de curtametraxes Findecurta mantén aberto o seu prazo de inscrición ata o 21 de abril. O día 24 realizarase a tradicional sesión informativa na Casa do Saber na que se lles explicará ás persoas participantes o reto desta edición do certame.
A Universidade de Vigo inaugurou a maior estación óptica terrea de España, consolidando así o seu liderado en comunicacións cuánticas vía satélite. Bautizada co nome de Antonia Ferrín, en homenaxe a quen foi a primeira astrónoma de Galicia, e situada na contorna da Facultade de Filoloxía e Tradución, 'o lugar máis idóneo de todo o campus para evitar turbulencias da canle atmosférica', o orzamento total para a posta en marcha desta nova infraestrutura situouse en torno aos 1,5 millóns de euros.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES