Notas de prensa

Turismo e Balnegal colaboran na difusión do termalismo e da investigación

O acordo, financiado con 94.000 euros bianuais, busca difundir o termalismo en mercados de proximidade e internacionais, así como para fomentar a investigación e o coñecemento da hidroterapia termal como remedio médico-terapéutico. O acordo inclúe a posta en marcha dunha central de reservas internacionais e redes sociais.

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e mais o presidente da Asociación Galega da Propiedade Balnearia–Balnegal, Rafael Luaña, asinaron no Hotel Balneario Laias Caldaria, en Cenlle, un convenio de colaboración cuxo obxectivo é a difusión do termalismo en mercados de proximidade e mais en mercados internacionais, así como o fomento da investigación e o coñecemento da hidroterapia termal como remedio médico-terapéutico. No acto estivo presente tamén o presidente de Segittur-a Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas-, Antonio López de Ávila; que pasará hoxe o día na provincia de Ourense visitando distintos establecementos termais e que resaltou que foi precisamente Segittur quen impulsou a AITEGAL, dada a importancia estratéxica do sector termal na provincia de Ourense e en toda Galicia.

A Asociación Galega da Propiedade Balnearia constitúese en 1985 e está conformada por 18 dos 21 balnearios galegos. Na provincia da Coruña inclúense os balnearios de Carballo e de Compostela, en Brión; na provincia de Pontevedra, os de Brea, Cuntis, Mondariz, Caldelas de Tui, A Toxa e os de Caldas de Reis; na provincia de Ourense os balnearios situados en Arnoia, Baños de Molgas, Caldas de Partovia, O Carballiño, Laias e Lobios; e en Lugo as Termas Romanas de Lugo e mais o de Guitiriz.

O convenio recolle accións encamiñadas á difusión do termalismo en mercados de proximidade e a posta en operatividade dunha central de reservas para visitantes internacionais, coa adaptación e tradución dos contidos. Tamén se inclúe a vehiculación da promoción a través das redes sociais e a difusión da oferta termal a través de viaxes de familiarización para prescriptores internacionais. Do mesmo xeito, con este acordo preténdese asociar o turismo e a hidroterapia termal como remedio médico-terapéutico mediante a Cátedra de Hidroloxía Médica para dar a coñecer a imaxe de marca dos Balnearios de Galicia e presentar a oferta termal galega vinculada ao turismo de saúde, fomentando a actividade económica do sector turístico termal e consolidando a imaxe de Galicia como destino termal de referencia en España.

Dentro da Cátedra de Hidroloxía Médica enmárcanse accións como a realización de cursos e seminarios, a promoción e organización de actividades académicas que contribúan a facilitar a reflexión e o debate entre profesores e médicos de balnearios, así como promover a investigación no campo da Hidroloxía Médica e fomentar a colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e o persoal sanitario.
O orzamento destinado ao convenio de colaboración ascende a 94.000 euros e executarase en dúas anualidades. A Secretaría Xeral para o Turismo aporta a este convenio o 84% do orzamento.

Galicia como destino termal

Nas súas declaracións aos medios de comunicación, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, recalcou que existe en Galicia unha “concentración espectacular de recursos termais porque temos máis de 300 mananciais, un por cada mil habitantes, e contamos coas augas máis quentes de Europa no tocante á temperatura máxima acadada”. Ademais explicou que Galicia conta cunha infraestrutura neste eido moderna e diversificada porque contamos con 21 establecementos balnearios, con 2.862 prazas, o 20% da oferta termal do Estado. O 52,3% dos establecementos termais de Galicia teñen 4 estrelas e o volume de negocio que xeran todos os balnearios achegase aos 60 millóns de euros e aos 14 mil empregos.

Segundo explicou Carmen Pardo, a secretaría xeral para o Turismo sacou neste 2012 unha orde de axudas de 1,7 millóns de euros para a creación e mellora de establecementos balnearios e talasos e no que vai de lexislatura lévase investido neste sector máis de 12 millóns de euros diversificados en 5 piares básicos: a innovación en materia termal –formación e calidade-; o plan de atracción de investimento privado; a promoción; a comercialización e a investigación.

Carmen Pardo falou tamén da futuras políticas termais nas que se traballa dende o seu departamento como a construción do primeiro Hotel Balneario-Escola da Península Ibérica, en Verín ou a Ruta da Auga Tranfronteiriza –ambos proxectos incluídos no POCTEP Eurorrexión Termal e da Auga-; o Museo Virtual da Auga –no POCTEP Aquaturnat-; o Plan Estratéxico de Termalismo de Ourense; o desenvolvemento do Produto Cabeceira de Marca Mananciais de Galicia; ou o apoio á internacionalización da Feira de Turismo Termal de Ourense-Termatalia, que este ano se celebrará na capital peruana en setembro.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-07-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES