Notas de prensa

Galicia presenta a súa experiencia de compromiso coa xestión eficiente dos servizos públicos

Feijóo presenta a experiencia galega como base para afirmar que “a España das autonomías é viable, fiable e necesaria” a través dun "modelo no que se fan ben as cousas, no que a autonomía non é un símbolo para alardear, senón un compromiso coa eficiente xestión dos servizos públicos”.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, baseouse na experiencia galega para afirmar que “a España das autonomías é viable, fiable e necesaria”, e sinalou que “a autonomía transformou Galicia”, producindo “unha revolución pacífica, na que os galegos despregan enerxías durmidas en todas as ordes”. Así o dixo o xefe do Goberno galego no curso de verán da Asociación de Periodistas Parlamentarios, organizado pola Universidade Rey Juan Carlos I en Aranxuez, onde que afirmou, ademais, que “a cuestión non está no modelo, senón noutros factores alleos, como a cultura de cooperación entre as forzas políticas”.

Na súa intervención, o titular do Executivo referiuse así á superación da Galicia agraria e atrasada, que deu paso ás multinacionais, e destacou tamén que o país recuperou a súa lingua e a súa cultura e fortaleceu “un galeguismo que non busca inimigos dentro nin fóra da comunidade, senón que agrupa en torno a ideais comúns”.

A autonomía foi tamén, explicou, unha ferramenta útil para facerlle fronte ás dificultades económicas, e Galicia soubo “reaccionar a tempo cando a crise aínda era negada tres veces polo Goberno central”. Nese sentido, subliñou que “Galicia foi pioneira en austeridade cando noutras autonomías e no propio Goberno central aínda era xeral a idea de que o gasto público tiña que ser maior e maior”.

Segundo destacou Feijóo, esa actitude permite que hoxe Galicia sexa “a comunidade con menor déficit orzamentario”, mentres que outras autonomías e o mesmo Goberno central se endebedaron “ata límites que agobiaron a Europa”. “Fixemos de formigas cando outros eran cigarras, e grazas a iso, as nosas medidas de axuste puideron ser moito máis suaves que noutras comunidades”, afirmou.

Apuntou que Galicia non ten que pagar o sobrecusto do 2,5% que pagan outras autonomías respecto a Galicia, non tivo que acudir ás medidas excepcionais habilitadas polo Goberno central para o pago a provedores, nin se veu obrigada a baixar os salarios dos empregados públicos ou a facer esforzos para non pechar hospitais e preservar o seu nivel de prestacións públicas.

Un Estado do Benestar máis completo que en tempos de bonanza
Lonxe diso, asegurou que “Galicia está a lograr que, en plena crise económica, o noso Estado do Benestar sexa máis completo que en tempos de bonanza”, con máis educación pública, “ao incorporar os nosos colexios máis ordenadores e máis idiomas”; con máis sanidade pública, “grazas ao impulso de sete grandes infraestruturas hospitalarias” e á redución á metade das listas de espera de pacientes graves; e con máis servizos sociais públicos, “ao crear no que vai de lexislatura máis de 5.500 novas prazas públicas de garderías, residencias e centros de día, máis de todo o que se fixo na anterior lexislatura autonómica”.

Feijóo resaltou que Galicia se anticipou coa súa estabilidade orzamentaria, co que “é a primeira no ránking dos obxectivos do déficit e practica desde hai tempo políticas de austeridade que despois foron inspiradoras para outras administracións”. “Representamos, en suma, un modelo no que se fan ben as cousas, no que a autonomía non é un símbolo para alardear, senón un compromiso coa eficiente xestión dos asuntos públicos”, defendeu.

O modelo autonómico, un ‘chivo expiatorio’.

No seu discurso, o presidente da Xunta observou que o modelo autonómico se está a converter “nun chivo expiatorio da situación española” e sinalou que “as solucións non poden cinguirse á estrutura autonómica”. Nese sentido, lembrou que os tres países intervidos pola UE teñen unha estrutura centralizada, mentres que “un dos principais socorristas da Unión Europea”, Alemaña, ten “unha administración moi complexa na que a toma de decisións obriga a complicados pactos territoriais”.

O xefe do Goberno galego resaltou que “nin o federalismo alemán é un obstáculo para a súa mellor situación, nin o centralismo dos nosos veciños portugueses lles garante a estabilidade e o crecemento”.

Avogou por diferenciar entre os dous modelos autonómicos que funcionan no Estado español, o “de chegada” e o “de partida”, e situou no primeiro á maioría das comunidades, para as cales “a autonomía é unha situación que colma as nosas aspiracións”, mentres que as dominadas pola cultura nacionalista ven nela “unha estación de tránsito”.

Advertiu de que o nacionalismo e as súas consecuencias non deixarían de existir “se borrásemos dun plumazo a estrutura autonómica” e sinalou que os que avogan por esa situación “deberían preguntarse ademais por qué o nacionalismo está de acordo con eles”.

“O nacionalismo busca o privilexio e o Estado das Autonomías equivale á igualdade”, abondou o presidente galego e, fronte a isto, apostou por un “autonomismo cooperativo” , como o edificado por Galicia nestes anos, en liña, dixo, “co que practican as rexións dos países federais europeos”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-07-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES