Unhas corenta persoas, entre xornalistas especializados, axentes e touroperadores, asistiron esta mañá en Madrid a presentación dos destinos Vigo-Rías Baixas e A Coruña-Rías Altas que se celebrou na capital no marco da campaña que nestes momentos está a desenvolver Turismo de Galicia e que inclúe accións destinadas á promoción dos aeroportos galegos nos mercados emisores nacionais e internacionais que contan con conexións directas a Peinador e Alvedro. A presentación de Madrid é a primeira presentación da campaña que ao longo dos vindeiros meses se trasladará tamén a Barcelona, Sevilla e Bilbao; no territorio nacional; e tamén á capital británica e mais á capital gala, no territorio internacional. As actuacións que conformarán a campaña de promoción turística están destinadas a potenciar os aeroportos de Peinador e Alvedro nos mercados emisores nacionais e internacionais que teñen conexión directa cos aeroportos galegos.
Na presentación participaron, ademais da xerente de Turgalicia, a xerente de Turismo da Coruña, Fernanda Arenas e mais a xerente do Patronato de Turismo Rías Baixas, Ruth González; así como o actor Luís Piedrahita, que fixo un monólogo sobre o placer de viaxar e describiu os destinos galegos como uns dos máis atractivos do mundo.
Carmen Pita incidiu na súa presentación nas facilidades de conexión a través dos voos directos de Madrid con Galicia, a menos de unha hora de voo. Na súa intervención, a xerente de Turgalicia, Carmen Pita, quixo resaltar os atributos do destino Galicia en xeral como o de ser un destino experiencial, evocador de emocións e sensacións. Pita comentou tamén a vinculación de Galicia coa auga e dixo que ademais de ter máis de 1.300 km de costa, 700 praias -126 con Bandeira Azul e 9 con Q de Calidade Turística- os cantís máis altos da península e as rías navegables os 365 días do ano; Galicia agocha o mar no seu interior porque ten a maior e mellor oferta balnearia do Estado e as augas minero-medicinais máis quentes de Europa.
Do mesmo xeito, Carmen Pita incidiu no potencial enogastronómico de Galicia e adentrouse nos exemplos dos Produtos Cabeceira da Marca Galicia que se poden experimentar nos destinos Vigo-Rías Baixas e A Coruña-Rías Altas.
Sobre A Coruña e As Rías Altas resaltou a posibilidade de disfrutar do seu turismo urbano visitando o faro romano máis antigo do mundo en funcionamento a Torre de Hércules- ou as súas rúas comerciais como a Rúa Real e Rego de Auga, así como a maxestuosa praza de María Pita, coa Casa Consistorial de estilo modernista; así como a cidade vella ou os museos de Arte Sacra ou o Castelo de San Antón, así como A Mariña e as súas afamadas galerías que lle outorgan á cidade herculina tamén o sobrenome de cidade de cristal. Pero ademais do turismo urbano e cultural, na Coruña e nas Rías Altas pódense vivir experiencias relacionadas cos Bosques de Galicia ou cos Faros e Praias Salvaxes, así como visitar tres dos Dez Lugares Únicos que conforman o produto Galicia Top Ten: a Torre de Hércules, o Ferrol da Ilustración e a Serra da Capelada.
No tocante a Vigo-Rías Baixas, a xerente de Turgalicia quixo resaltar durante o seu relatorio a vinculación da cidade co mar, o atractivo e pintoresco do barrio mariñeiro do Berbés; a autenticidade do seu mercado da Pedra ou os conxuntos históricos do Casatro e A Guía, así como as fermosas zonas verdes como o Parque de Castrelos ou os museos como o MARCO; o Museo do Mar ou o Museo municipal Quiñones de León. Carmen Pita convidou tamén neste caso, ademais de a disfrutar do turismo urbano, a descubrir os Faros e Praias Salvaxes das Rías Baixas galegas, o magnífico Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, coas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada; así como a pasear placidamente entre os viñedos da D.O. Rías Baixas e a percorrer os pazos e xardíns da Ruta da Camelia.
Para incentivar a participación do público final implicándoo nos destinos, Turismo de Galicia creou un microsite que inclúe a presentación audiovisual da Coruña-Rías Altas e Vigo-Rías Baixas co sorteo de 21 viaxes para dúas persoas dunha fin de semana con avión incluído a Vigo ou á Coruña.
As presentacións dos destinos galegos continuarán esta semana, mañá presentaranse en Barcelona, no Hotel Hesperia Presidente; o xoves a presentación trasládase a Sevilla, ao Hotel NH Puerta de Armas e o venres a Bilbao, no Hesperia Bilbao.
A campaña de promoción
A campaña ten tres dimensións: público final, intermediarios e compañías aéreas. Trátase dunha campaña 360 graos baseada nunha estratexia que integra e combina nunha soa acción todas as tipoloxías de medios de comunicación cos que o público obxectivo da mesma poida ter contacto para conseguir un maior impacto.
Empregaranse tanto medios de comunicación escritos como radiofónicos e dixitais e agárdase que esta acción chegue a un público de alomenos 6,4 millóns aos que cómpre engadir o impacto viral das accións nas redes sociais e novas canles de comunicación.
Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée dArt Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023).
O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.