Notas de prensa

Os excelentes resultados do programa piloto de illas de reciclaxe avalan a súa extensión a novos centros educativos

De cara ao próximo curso académico, Sogama prevé incorporar a esta iniciativa a outros dez colexios de primaria, facendo posible que estes interioricen as boas prácticas na axeitada segregación de residuos en orixe como garantía para facilitar o seu posterior reciclado.

Os magníficos resultados do programa piloto de illas de reciclaxe escolares instaurado por Sogama e a Consellería de Medio Ambiente durante o pasado curso académico en 10 centros educativos das catro provincias galegas, farán posible a súa extensión, para o período 2012-2013, a outros tantos colexios de primaria.

A experiencia foi cualificada como plenamente satisfactoria por todas as partes e desde todas as dimensións, constatando o elevado interese da comunidade educativa cara a unha temática tan sensible como é a protección do medio ambiente e, máis concretamente, a xestión e tratamento dos residuos urbanos.

Ademais de reforzar os coñecementos adquiridos, a experiencia permitiu aos colexios entender con maior precisión a importancia ambiental e económica da reciclaxe, só viable se existe un traballo previo por parte da cidadanía.

MARCO DE REFERENCIA

A idea partiu dos propios centros tralo lanzamento, por parte de Sogama, da campaña “Convírtete nun superheroe da reciclaxe”, a través da cal se proporcionaban as claves para levar a cabo unha axeitada segregación de refugallos en orixe. Se ben as escolas valoraron de forma positiva esta actuación, o certo é que un bo número de docentes manifestaron que era insuficiente, tendo en conta que os alumnos non podían levar á práctica escolar o aprendido, resultando un proceso ineficaz.

A empresa tomou boa nota e decidiu poñer en marcha, de forma experimental, un proxecto denominado “illas de reciclaxe” ao que finalmente se adscribiron os seguintes centros: pola provincia da Coruña, os Ceip Emilio Navasqüés de Outes, Areouta de Fisterra, Cristo Rei e San Xoán de Filgueira de Ferrol, e a EFAG Fonteboa de Coristanco; pola de Lugo, o colexio O Salvador de A Pastoriza e Cervantes de Lugo; pola de Pontevedra, os Ceip de Oca, na Estrada, e As Covas de Meaño; e pola provincia de Ourense, o Colexio Vila do Arenteiro de O Carballiño.

MEDIOS MATERIAIS

A fin de planificar e organizar as distintas accións a levar a cabo, nomeáronse coordinadores do proxecto en cada centro para que servisen en todo momento de fío condutor entre Sogama e a comunidade educativa, dando traslado dos coñecementos necesarios para que os bos hábitos adquiridos tivesen continuidade nos fogares.

A partir de aí deseñouse un plan de seguimento e avaliación continua no que se incluíron enquisas, entrevistas e reunións periódicas coas que realizar as correccións e axustes necesarios que permitisen alcanzar os obxectivos propostos.

A principios deste ano, os colexios recibiron os contedores ecolóxicos que conformarían as illas de reciclaxe. Un amarelo, para os envases de plástico, latas e briks; outro azul, para o papel e cartón; e un terceiro de cor verde, destinado a acoller os restos orgánicos e non reciclables.

Cunha capacidade para 120 litros e fabricados na súa integridade a partir de caña de azucre, permitindo desta forma diminuír a pegada ecolóxica que conlevaría a súa fabricación tradicional con plástico non biodegradable, os recipientes colocáronse na súa maior parte nos patios dos centros, dispoñendo en todos os casos de sistemas de anclaxe e seguridade cos que evitar o seu desprazamento polo vento. Ademais, aqueles que contaban con servizo de comedor, entregóuselles un composteiro para que puidesen fabricar compost a partir da materia orgánica xerada e utilizalo posteriormente como fertilizante natural nos seus xardíns e hortas.
Así mesmo, e coa intención de que a segregación de residuos estivese presente no transcurso das propias clases e fose visualizada como elemento común a todas as asignaturas, as aulas foron dotadas con lotes de bolsas reutilizables de cores.

FORMACIÓN E LOXÍSTICA

Tralo lanzamento oficial da iniciativa, os coordinadores dos distintos colexios recibiron un curso de formación no complexo medioambiental de Sogama en Cerceda, que se complementou coa edición de diverso material divulgativo, dándolles a oportunidade de realizar un percorrido guiado polas instalacións que o conforman.

Non obstante, a acción formativa por excelencia para os alumnos veu da man do xogo xigante dos residuos, soporte de gran proxección pedagóxica, toda vez que facilita, dunha forma lúdica e divertida, a aprendizaxe dos pormenores da xestión dos refugallos e o papel que a cidadanía debe desempeñar no proceso. Monitores especializados foron os encargados de explicar con detalle o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), así como o cometido de Sogama desde a dimensión industrial, corporativa e social.

Para resolver a loxística que implicaba o baleirado dos recipientes, os centros deseñaron o seu propio modus operandi. Nuns casos, eran os estudantes maiores os cales, baixo a supervisión dos seus profesores e despois de que os pequenos depositasen nas illas de reciclaxe o lixo procedente das bolsas de recollida selectiva, responsabilizábanse de descargar o material nos contedores habilitados na vía pública. Noutros casos, este labor recaía nos propios directores e profesores, ou ben nos conserxes e servizos de limpeza.

A PROBA DEFINITIVA

A avaliación final do proxecto chegou da man das caracterizacións dos diferentes contedores, determinando así a calidade do material depositado nos mesmos. A mostraxe dos recipientes amarelos desvelaba unha porcentaxe media de impropios do 7,86 por cento, que descendía ata o 7,46 por cento no caso do verde xenérico e ao 6,01 por cento no recipiente azul.

Todo un éxito tendo en conta que a media de impropios no contedor amarelo dos concellos da comunidade galega supera o 30 por cento, sendo o recipiente que orixina máis confusión debido á crenza arraigada de que no mesmo se introducen os plásticos en xeral, cando realmente só debe acoller os envases e envoltorios de plástico, as latas e os briks.

No caso do azul, a maior parte dos erros debíanse ao depósito de panos de papel usados, cando o seu destino debe ser o verde convencional.

Gabinete de Comunicación Sogama, 2012-07-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée d’Art Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023).
Foto de la tercera plana (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.

Notas

Desde o ano 2022 e financiado polo International Space Science Institute, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. O equipo acaba de realizar unha xuntanza na sede do ISSI en Berna (Suíza).
As chuvias que recibimos no oeste da Península Ibérica dependen en boa medida do que sucede no Atlántico Norte. Un novo estudo liderado pola investigadora do CICA da UDC Uxía Fernández-Pérez reconstrúe como cambiaron as precipitacións nesta rexión durante os últimos 11.000 anos e permite comprender mellor os mecanismos oceánicos e atmosféricos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES