Notas de prensa

As estratexias culturais na responsabilidade social empresarial, oportunidade para a creación de emprego

O conselleiro de Educación asegurou na xornada Cultura e Responsabilidade Social Empresarial quee entende as estratexias culturais enmarcadas nesta responsabilidade como unha oportunidade para a creación de emprego e o desenvolvemento social.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou as “dúas vertentes importantísimas ás que están atendendo as estratexias culturais dentro da responsabilidade social”: a que promove a produción cultural, e polo tano o emprego e a actividade creativa, e, ao mesmo tempo, a que fomenta o desenvolvemento social, a integración e a formación. Así o expresou na inauguración da xornada Cultura e Responsabilidade Social Empresarial, que reúne hoxe na Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia a profesionais e especialistas académicos da RSE. Así mesmo, participan neste encontro programadores culturais, técnicos de dinamización social e estudantes e persoas interesadas na análise dos vínculos entre ambos os eidos, a cultura e a RSE.

Vázquez Abad sinalou a necesidade de favorecer o debate arredor das potencialidade da cultura dentro das estratexias empresariais de actuación social sobre o contorno, un campo, o da RSE, ata o momento centrado en aspectos como o respecto polo medioambiente ou as accións sociais de integración. Neste sentido, o conselleiro explicou que a idea renovada das potencialidadades da cultura e da necesidade de integrala nas estratexias dos diferentes sectores sociais e económicos comeza a estar asentada nas políticas europeas. Unha “aposta polos sectores creativos como valor de mercado, na que estamos convencidos de que Galicia terá unha oportunidade única”, dixo.

Así mesmo, o conselleiro fixo fincapé no valor da xornada que hoxe se celebra no Gaiás para elaborar reflexións “sobre como favorecer a accesibilidade á cultura, estratexias posibles de contribucións á conservación e difusión do patrimonio cultural, a participación creativa, o coñecemento e a posta en valor das tradicións culturais”. “Nese sentido –salientou– temos a obriga de explorar vías novas de traballo e de posta en relación dos distintos sectores que contribúan ao desenvolvemento permanente do noso panorama cultural”.

Así mesmo, salientou a lingua como outro factor importante nas estratexias de responsabilidade co contorno. “Favorecer actuacións de promoción da lingua galega, - dixo- no noso caso, naqueles contextos nos que precisa un impulso que garanta usos fluídos, sen desigualdades, pode ser un enfoque perfectamente viable dentro das estratexias de responsabilidade social”.

No acto de inauguración estiveron tamén presentes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Relacións Laborais, Odilo Mariñá; a xerente da Cidade da Cultura, Beatriz G. Loroño; e Jorge Gómez, responsable de FalRSE.

Contidos da xornada

O programa desta xornada –dispoñible a través do sitio web http://www.cidadedacultura.org/cultural/seccion.aspx?Id=381– iníciase cun relatorio de apertura da docente e investigadora en RSE da Facultade de Economía e Empresa da UDC, María Dolores Sánchez Fernández, titulado “Cultura e responsabilidade social: un binomio estratéxico”.

A continuación, desenvolverase unha mesa redonda sobre “A integración das linguas dentro da estratexia de responsabilidade social das empresas”, na que participará a responsable de comunicación de R, Malú Bergantiños, o profesor do Departamento de Lingüística da Universidade de Vigo, Fernando Ramallo, e o director de N-Nova, Jorge Gómez, que presentarán iniciativas e experiencias na incorporación da lingua galega vinculada á RSE.

A seguir, haberá unha mesa de debate na que María Lemos, do Programa de participación social do Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa, Antonio Cortés, director de Márketing de Gadisa, Pablo Zunzunegui, director xerente de DMC Galicia, e Beatriz Lorenzo, directora editorial de FalaRSE, reflexionarán sobre o tema “Empresa e Cultura. O tecido empresarial como aliado dos proxectos culturais”.

A mañá complétase coa mesa redonda “A conservación do patrimonio: cara a un turismo responsable e sostible”, na que participarán Paula Remoaldo, da Universidade do Minho, Marta Arenas, da asociación de Executivas de Galicia, e Yolanda García, do proxecto Galicia Auténtica da Universidade de Santiago de Compostela.

Xa pola tarde, terán lugar dúas mesas de experiencias de actuacións no ámbito cultural desde a responsabilidade social das empresas, así como de iniciativas de inclusión social a través de manifestacións culturais, de mans de organizacións que traballan na integración de colectivos desfavorecidos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-07-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES