
A Xunta de Galicia acaba de elaborar a guía de boas prácticas O tratamento das persoas maiores nos medios de comunicación co obxectivo de fomentar unha cultura xornalística de compromiso co envellecemento activo e contribuír á plena integración deste colectivo na sociedade. A guía, elaborada pola Secretaría Xeral de Medios, en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, no marco do Plan Galego das Persoas Maiores, foi presentada esta mañá polo secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro.
O obxectivo da guía é dar a coñecer a realidade das persoas maiores, vai dirixida especialmente aos profesionais dos medios de comunicación e ínstaos a informar proxectando unha imaxe positiva deste colectivo e a adoptar compromisos para propiciar a súa integración e a súa incorporación nos procesos de participación dunha forma activa e dun xeito normalizado. Ademais, fai fincapé na necesidade de prestar unha singular atención no tratamento informativo ás pautas de estilo e á linguaxe empregada a cotío cando nos referimos ás persoas maiores.
A guía considera que os maiores, ao igual que o resto da sociedade, deben ser tratados sempre desde un enfoque positivo e desde unha autonomía persoal e pretende transmitirlle ao resto da cidadanía o valor e a relevancia que ten este colectivo na sociedade, xa que os maiores son un referente e un modelo de actuación que fomos incorporando nas nosas vidas, os únicos transmisores reais do pasado e os únicos interlocutores entre os seus antepasados e nós.
Debemos informar sobre as persoas maiores como homes e mulleres activos, reflectindo as súas relacións persoais e sociais, as súas actividades, pensamentos e sentimentos, deixando a un lado estereotipos negativos que afectan á súa imaxe e non se corresponden coa realidade actual, asegurou o secretario xeral de Medios durante a presentación da guía. Alfonso Cabaleiro remarcou, ademais, que unha sociedade integradora debe apostar por desenvolver , fomentar e difundir un concepto das persoas maiores axustado aos dereitos que lles corresponden como parte integrante da cidadanía, sen discriminación nin desigualdade de trato, por facilitar a súa participación activa en todos os ámbitos e a todos os niveis da sociedade e potenciar a solidariedade interxeracional.
O secretario xeral de Medios non quixo rematar a súa intervención sen lembrar que esta é unha tarefa de todos, por iso, dixo, penso que para conseguir estes obxectivos, as asociacións, federacións, universidades e demais entes implicados no mundo das persoas maiores, deben xuntar esforzos para traballar xuntos, utilizar os distintos medios de comunicación e participar activamente en todos os ámbitos socias de forma normalizada. Eu animo a todas estas persoas e entidades a que sigan traballando para abrirse ao seu contorno social e que participen en actividades conxuntas con outros colectivos cunha perspectiva interxeracional onde nenos, mozos, adultos e maiores nos fusionemos e camiñemos xuntos, concluíu, agradecendo a colaboración de todas as asociacións que participaron na elaboración da guía.
Pola súa banda, o catedrático de Enfermaría Xeriátrica e Xerontolóxica da Universidade de Santiago, José Manuel Mayán Santos, salientou a importancia e a influencia dos medios de comunicación á hora de crear e visualizar a realidade. De aí que destaque a necesidade dunha guía coma esta que sirva para concienciar ao cidadán a través dos medios de comunicación sobre a eliminación dos estereotipos das persoas maiores. Segundo o profesor Mayán, esta guía pretende contribuír a que os medios ofrezan unha imaxe máis realista dos noso maiores, e ofrecer unha información más real sobre o envellecemento. Respecto das persoas maiores, José Manuel Mayán subliñou que se trata dun colectivo moi sensible, pero, ao mesmo tempo, son un activo social, cultural e económico moi importante. Aportan valor ao traballo, substituíndo en moitas ocasións as carencias dun sistema social e económico, dixo o catedrático.
Recomendacións da guía
A guía presentada, O tratamento das persoas maiores nos medios de comunicación, recolle as seguintes recomendacións.
1.- Abordar a información desde un enfoque contexualizado e desde unha perspectiva integradora e interxeracional, abandonando os estereotipos e os tópicos xeneralizados que inducen a unha imaxe negativa, afastada da heteroxeneidade e pluralidade das persoas maiores.
2.- Aumentar a presenza das persoas maiores nos medios de comunicación como parte activa da sociedade, de cara a promover unha visión normalizada e unha nova cultura na que se facilite a colaboración interxeracional a través da súa participación nos medios.
3.- Ofrecer unha imaxe positiva, diversa e revalorizada das persoas maiores nos medios de comunicación, remarcando os seus valores e subliñando as súas capacidades para desempeñar roles útiles dentro da sociedade, fronte a unha imaxe negativa e degradada que mostra este colectivo como unha carga para a comunidade.
4.- Evitar unha linguaxe pexorativa, paternalista e discriminatoria que contribúe a reforzar os estereotipos sociais sobre as persoas maiores, unificando criterios e empregando unha terminoloxía adecuada, correcta e respectuosa con estas persoas.
5.- Informar transmitindo un envellecemento activo e darlles cabida ás persoas maiores en temas de interese social, potenciando as súas iniciativas e experiencias nas que este colectivo sexa actor principal, capaz de colaborar na construción dunha sociedade para todas as ideas.
6.- Na publicidade, os medios de comunicación promoverán a inclusión das persoas maiores como mulleres e homes con autonomía e activos, contextualizado adecuadamente as circunstancias da noticia sobre a persoa, evitando informacións que buscan o efecto dramático e reproducen tópicos negativos sobre o envellecemento (o envellecemento como irremediable perda de facultades, inevitable soidade, decrepitude, persoas incapaces de aprender, un colectivo improdutivo e inútil...)
7.- Poñer en valor a achega que as persoas maiores realizan no contorno familiar cultural, económico e social, destacar o seu peso como grupo social e estimular a súa participación e compromiso na vida política.
Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée dArt Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023).
O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.