Notas de prensa

Núñez Feijóo reitera que Galicia é a comunidade española máis solvente

“Galicia é a comunidade con menor déficit público das 17 comunidades, no ano 2011, e é a única de réxime xeral de financiamento que non acudiu ao rescate do Goberno de España para pagar aos provedores”, asegura o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, reiterou na rolda de prensa do Consello, que Galicia é a comunidade autónoma máis solvente de España e destacou unha porcentaxe de execución do presuposto no último trimestre do 27% do total anual, 2.500 millóns de euros.

“Galicia é a comunidade con menor déficit público das 17 comunidades autónomas, no ano 2011, e é a única de réxime xeral de financiamento que non acudiu ao rescate do Goberno de España para pagar aos provedores. “Nos últimos 5 meses, a Xunta de Galicia pagou 5.000 millóns de euros e no último trimestre, 2.500 millóns”, incidiu.

Diante destas cifras, o responsable autonómico afirmou que as declaracións feitas polo deputado do PSdeG, Pachi Vázquez, merecen unha explicación e unha rectificación “Merece unha rectificación dicir que a Xunta ten un déficit superior ao 1,6% ou dicir que agochamos o déficit público”, aseverou ao que engadiu que, “en Galicia se pagou máis no último trimestre, neste ano, que nos últimos trimestres do Goberno bipartito. E se executou máis presuposto no ano 2011 que nos dous últimos anos do Goberno bipartito”.

Así mesmo, comprendeu que este tipo de declaracións veñan de responsables políticos “que deixaron 2.700 millóns de euros de gasto comprometido sen financiamento”. “Entendo que é moito máis sinxelo colar mentiras que pagar facturas, porque as mentiras son gratis e as facturas hai que ter crédito adecuado e suficiente para poder financialas", dixo.

O canon da auga, o segundo máis barato de España

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou que o novo canon da auga que aprobou hoxe o Goberno autonómico se converte no segundo máis barato de España, permite que o 30% dos galegos paguen menos pola auga que consumen e fomenta o uso racional deste recurso.

Así o explicou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, no que se aprobou o novo decreto de regulamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais, tras incorporar “a práctica totalidade das observacións do Consello Consultivo”.

Feijóo incidiu en que este novo canon substituirá ao actual e se converterá “no segundo máis barato de España”, ademais, dixo, “de permitir que o 30% dos galegos paguen menos pola auga que consumen do que viñan pagando ata agora”.

Ademais, a nova fiscalidade autonómica da auga terá “un carácter finalista”, xa que o 100% da súa recadación irá destinado a políticas de auga, ben sexa de abastecemento, de saneamento ou explotación de depuradoras.

De igual xeito, segundo remarcou o presidente galego, permitirá establecer un sistema fiscal que incentivará o aforro da auga porque será “máis progresivo, máis equitativo e máis social”. Máis progresivo, argumentou, “porque a tarifa doméstica estrutúrase en distintos treitos segundo o consumo real e porque se terá en conta o número de persoas por vivenda”. Así, co novo canon, os usuarios pagarán só polo que realmente necesiten e consuman, eliminándose os mínimos que incentivan o consumo innecesario da auga e que moita xente pague máis do que realmente consume. Equitativo, proseguiu, “porque todos os cidadáns pagarán o mesmo, independentemente de onde vivan”, e “máis social” porque se aplican descontos. Deste xeito, aplicarase o 50% de desconto no canon ás familias numerosas; estarán exentas de pagalo aquelas familias en situación de exclusión social ou en risco de estalo, así como as entidades sen ánimo de lucro que atendan estas situacións. Ademais, tamén estarán exentos os titulares de pozos e traídas particulares. “Con esta medida, a Xunta quere recoñecer o esforzo dos propietarios que estiveron facendo as súas propias traídas”, asegurou Feijóo afirmando que “non ten neste momento sentido que paguen por un servizo que viñan prestando previamente”.

No caso de usos non domésticos, o canon da auga persegue un dobre obxectivo: que as entidades participen proporcionalmente ao seu impacto na mellora do ciclo da auga e na diminución da contaminación, incentivando as tarifas daquelas empresas que consigan depurar os vertidos antes de sometelos á rede xeral de saneamento.

No caso do coeficiente de vertedura Feijóo explicou que se trata “dunha taxa autonómica para tan só as depuradoras que son sostidas pola Xunta de Galicia, a explotación de estacións de depuración por parte da Xunta que ten que ser equivalente ao que xa pagan os concellos e os cidadáns dos concellos que lle pagan aos concellos por explotar as depuradoras”. Polo tanto, asegurou, “o que vén é a equilibrar en Galicia, xa sexan concellos, xa sexa Xunta de Galicia, que se pague o mesmo coeficiente de vertido; en consecuencia, é incompatible. Se se paga a un concello non se pagará á Xunta; á Xunta só se pagará no suposto de non pagarlle a un concello. A partir de aquí, a Xunta de Galicia poderase facer cargo das depuradoras que os concellos non queiran explotar”, incidiu.

En definitiva, concluíu o presidente da Xunta, “aprobamos un sistema que fomenta o uso racional da auga; aprobamos un sistema que nos sitúa como a segunda comunidade autónoma máis barata no que se refire ao canon da auga; suporá que o 30% da poboación galega pague menos do que viña pagando, o 50% de desconto nas familias numerosas e o 100% de gratuidade da auga das familias en risco de exclusión social; tamén a exclusión no canon da auga para a auga con fins agrogandeiros; e buscamos a maior protección do medio ambiente mantendo o principio de quen contamina máis paga”.

Novos programas de fomento do emprego con case 5 millóns de euros para case 3.000 persoas

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, tralo Consello da Xunta, a posta en marcha de catro programas para fomentar o emprego, destinados a 2.700 persoas e cun importe de 4,6 millóns de euros.

Nun primeiro termo, Feijóo destacou a renovación da aposta polo cooperativismo a través da sinatura dun convenio entre a Consellería de Traballo e Benestar, a Universidade de Santiago e as principais asociacións cooperativas de Galicia para formar a 36 alumnos, “para posteriormente ilos introducindo nas distintas cooperativas”.

O titular da Xunta subliñou que o Goberno galego investirá no cooperativismo, neste 2012, 6,5 millóns de euros e lembrou que, na actualidade, existen máis de 1.140 cooperativas, con 88.000 socios.

No tocante ao programa de formación de especialistas na mellora da produtividade das pequenas e medidas empresas, o responsable autonómico explicou que este programa, cunha inversión de 1 millón de euros, converterá a 100 titulados en especialistas neste eido. “Seleccionaremos 200 titulados aos que daremos formación e, 100 deles poderán traballar durante un ano nunha media de 4 empresas –rotando- e contar cun período de formación máis específico doutro ano”, precisou.

Feijóo destacou, tamén, o convenio coa Administración central, dotado con 1,6 millóns de euros, para formar a 500 traballadores que se atopen en expediente de regulación de emprego no ámbito do naval; “para traballadores do naval que teñan sido afectados por un ERE de suspensión e tamén estean desempregados”.

“Estamos a falar de cursos para adaptarse ás novas tecnoloxías e á evolución dos sistemas de produción no sector naval”, explicou ao que engadiu que a importancia deste convenio radica en que “é a primeira vez que asinamos un convenio destas características dedicado exclusivamente ao sector naval; e cumprimos un dos acordos do Diálogo Social que mantemos nas mesas con Unión Xeral de Traballadores de Galicia e Comisións Obreiras e a patronal”.

Por último, Feijóo referiuse á nova convocatoria de programas integrados de emprego para mellorar a inserción laboral de 2.000 desempregados. “Trátase de buscar un tratamento integral para combinar a orientación, a formación, a práctica laboral e a mobilidade xeográfica”, dixo, logo de resaltar que os beneficiarios serán concellos e entidades sen ánimo de lucro que acrediten experiencia en accións de inserción laboral.

Así mesmo, subliñou que terán prioridade os municipios nos que o paro, no ano 2011, sexa superior a 1.000 persoas ou que experimente un crecemento superior ao 35%. “A prioridade máxima será para os municipios que no ano 2011 contaran con máis de 2.000 desempregados e experimentando un crecemento superior no seu termo municipal do desemprego do 50%”.

Os obxectivos de inserción non poden ser inferiores ao 30-35 por cento das persoas atendidas no programa.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-05-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-abanea-2025.jpg) O Festival Abanea celebrará entre o 16 e o 20 de xullo a súa cuarta edición cun programa de danza contemporánea de distintos estilos que distribuirá 15 funcións de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, estenderá así a súa actividade de exhibición e dinamización ás catro provincias. A bailarina Andrea Castro presentou a primeira fase do espectáculo Lola y los lamentos, como artista seleccionada para o acompañamento bienal 2025–2026 co que o festival apoia procesos de creación de artistas emerxentes e que nesta edición terá como resultado a estrea de 'A mona de seda'.
Foto de la tercera plana (festival-hercules-brass.jpg) As diversas actividades do festival terán lugar do 28 de xullo ao 1 de agosto no claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova. A actuación que inaugurará a cita será a da Banda de Música de Celanova con James Morrison, un concerto único en España que terá lugar ás 20,30 horas. Ademais deste, subirán ao escenario a Boston Brass de Estados Unidos, Abraham Cupeiro coa Orquestra Gaos e pechará a edición o Hércules Brass Ensemble dirixido por Isabel Rubio e coa Boston Brass e Adam rapa como solistas. Así, os concertos complementaranse con cinco días de actividades formativas para un centenar de estudantes procedentes de distintas comunidades autónomas. Clases de alto nivel da man dalgúns dos participantes nas actuacións e un seguimento continuo e individualizado que garante un acompañamento pedagóxico para o alumnado.

Notas

O Campus Sur da USC será entre os días 19 e 21 de setembro o escenario do Festival Internacional Compostela Street, un dos encontros de cultura urbana e deportes extremos con maior impacto no Estado. O evento enmárcase na programación de benvida que a USC lle ofrece cada comezo de curso ao seu estudantado, e brinda os seus espazos para ser punto de encontro deportivo e cultural da mocidade, onde se xuntarán preto de 500 persoas.
230 investigadoras e investigadores noveis e experimentados participan estes xoves en venres no museo Marco de Vigo no 8º Annual Meeting do CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo. Baixo o lema 'Nanotechnology & Biomedicine: where science meets the future', o persoal investigador compartirá os seus coñecementos en ámbitos como a química, a física, nanotecnoloxía e saúde, co obxectivo de visibilizar as novas ferramentas para a medicina do futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES