
Directivos de Citic Group veñen de confirmarlle ao conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, a realización dun novo investimento de 40 millóns de euros na ampliación e modernización das instalacións da planta industrial que o grupo ten en Porriño, onde fabrica pezas de caldeirería pesada para sectores como o do cemento, a minería, a enerxía ou as torres eólicas.
Durante a visita ás instalacións da empresa en Luoyang, o conselleiro coñeceu detalles dos investimentos que Citic Heavy Industries unha empresas do grupo- impulsará en Galicia, para os que confirmou que contará cos máximos apoios posibles por parte da Xunta. Os directivos deste potente grupo multinacional tamén amosaron a súa favorable disposición a impulsar novos investimentos na comunidade, tanto na planta de Citic Censa como noutros sectores galegos do seu interese.
O proxecto de Citic Group que agora se confirma, comprende obra civil e adquisición de bens de equipo necesarios para que a planta industrial galega de Citic Censa poida construír pezas de ata 15 metros de diámetro, fronte ao máximo de 12 metros actuais. As innovacións incorporadas permitirán á empresa gañar competitividade e ofrecer as grandes pezas que demanda o mercado.
En concreto, e segundo os responsables da empresa, os novos investimentos permitiranlle a Citic Censa situarse, desde Galicia, á cabeza mundial do negocio de muíños para a minería, dado que non existe ningunha outra empresa, nin en España nin en Europa, con capacidade para traballar con pezas desa envergadura.
Entre os novos investimentos que incorporará a empresa figura un torno vertical con capacidade de mecanizado de 16 metros de diámetro e 7 de altura e cunha carga máxima sobre prato de 350 toneladas. Os investimentos impulsados por Citic Group na súa planta de Porriño inclúen tamén a potenciación dun departamento de I+D+i acorde coas necesidades actuais, para poder deseñar e desenvolver os propios produtos á medida das necesidades de cada cliente.
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, comezou en Luoyang unha viaxe, que corresponde a unha invitación de Citic Group e que ten entre os seus obxectivos o de avaliar as posibilidades de investimento e alianza estratéxica con Galicia desta multinacional pública. A viaxe tamén servirá para que o conselleiro, acompañado polo director xeral do Igape, Javier Aguilera, teña a oportunidade de amosar as vantaxes de Galicia para acoller e respaldar novos investimentos procedentes de China.
As visitas programadas posibilitarán os representantes de Xunta de Galicia coñecer as diferentes áreas de actividades do grupo chinés e avaliar as diferentes posibilidades de alianza, colaboración e investimento en diferentes sectores en Galicia, xa que Citic Group Corporation opera en sectores industriais como as telecomunicacións, construción, industria manufactureira, minería ou tecnoloxía, e dispón ademais dunha división financeira que inclúe banca comercial e de investimentos.
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, tamén manterá diferentes encontros institucionais, comezando pola recepción que lle será ofrecida hoxe polas autoridades da cidade de Luoyang.
Ademáis, durante esta viaxe o conselleiro coñecerá outras instalacións de Citic Group en Beijing e manterá un encontro co vicepresidente do grupo, que emprega a 140.000 persoas en todo o mundo e que obtivo en uns beneficios netos que superaron os 4.000 millóns de euros, no que presentará as vantaxes que ofrece a comunidade autónoma de Galicia para recibir investimentos empresariais ou para servir como plataforma loxística, grazas ao seu potencial portuario, para favorecer os negocios intercontinentais.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.