Notas de prensa

Homenaxes a Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreirono último volume dos Cadernos Ramón Piñeiro

Sae á luz o prelo "Cadernos Ramón Piñeiro XXII. Correspondencia de Xosé Neira Vilas con Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro", a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou no Museo do Mar de Galicia o novo volume da colección “Cadernos Ramón Piñeiro”. Trátase dunha publicación que amosa a abondosa correspondencia mantida entre o editor -o escritor Xosé Neira Vilas- e dous dos grandes autores da literatura galega do século XX, Celso Emilio Ferreiro e Valentín Paz-Andrade, aos que a lingua e a cultura galegas están a homenaxear neste 2012.

No acto de presentación, Vázquez Abad estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o responsable da edición, Xosé Neira Vilas; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; Alfonso Paz-Andrade, fillo de Valentín Paz-Andrade; Luís Ferreiro, fillo de Celso Emilio e Marta Lucio, directora do Museo do Mar de Galicia, quen actuou como mantedora do acto.

Durante a presentación, o cantautor Manoele de Felisa interpretou á guitarra varios poemas tirados das obras de Valentín Paz-Andrade, Celso Emilio Ferreiro e Xosé Neira Vilas.

Homes da lingua e da cultura galegas

Xesús Vázquez puxo de relevo durante a súa intervención que o novo volume “dá a luz correspondencia mantida entre tres homes da lingua e da cultura, tres creadores aos que o sistema literario galego lles debe algún dos seus logros máis acabados” e faino, en palabras do conselleiro, “por medio da forma máis íntima e máis sincera que existiu, ata hai ben pouco, para plasmar as relacións humanas desde a distancia: a carta”.

A través desta edición, a Consellería quere conmemorar dobremente as Letras Galegas, dedicadas pola Real Academia Galega a Valentín Paz-Andrade, e o Ano Celso Emilio Ferreiro, declarado polo Parlamento de Galicia. Con este motivo, segundo explicou o conselleiro, “conflúen na obra as figuras protagonistas das que son as conmemoracións máis importantes no ámbito da lingua neste ano”, no que “Galicia celebra o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, o medio século da publicación de Longa noite de Pedra, a dedicación do 17 de maio a Valentín Paz-Andrade no seu vixésimo quinto cabodano e tamén o 50º Día das Letras Galegas”.

Correspondencia de Neira Vilas con Paz-Andrade e con Celso Emilio
Os Cadernos Ramón Piñeiro XXII. Correspondencia de Xosé Neira Vilas con Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro amosan, a través dunha escolma de misivas enviadas por Neira Vilas a Paz-Andrade e a Celso Emilio (34 e 15, respectivamente) complementadas con outras moitas recibidas por Neira Vilas dos dous escritores (19 de Paz-Andrade e 15 de Celso Emilio) a estreita relación epistolar mantida por eles durante anos, que dá a ver a preocupación compartida pola lingua e cultura galegas e a vontade de facer país tendo como pano de fondo a Galicia como tarefa.

Os Cadernos Ramón Piñeiro

A colección dos Cadernos Ramón Piñeiro encádrase no proxecto de investigación homónimo que a Xunta puxo en marcha en 2003, ano desde o cal levan xa saído do prelo un total de 22 volumes centrados no pensamento e na cultura galegas e coordinados polo profesor e investigador do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), Luís Alonso Girgado.

Entre os seus focos de atención figuran autores relevantes en lingua galega, como aqueles aos que se lle dedica o Día das Letras, coa finalidade de afondar no seu coñecemento e proxección. Alén da publicación de textos inéditos e/ou correspondencia, tamén se leva a cabo unha análise en profundidade da súa contribución á lingua e á cultura de Galicia.

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
O CRPIH, dependente da Consellería, ten como fin promover, desenvolver e darlles difusión a proxectos e programas galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos. Na actualidade, centra as súas liñas de investigación en proxectos de lingüística con aplicacións informáticas, en estudos de prosa e poesía medieval, na recuperación e análise de publicacións literarias e en proxectos de antropoloxía referidos á identidade colectiva, entre outros.



Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-05-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES