A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aposta por aproveitar o potencial dos novos soportes electrónicos e do web 2.0 para promover desde as bibliotecas públicas a lectura dixital. Con este obxectivo, a Secretaría Xeral de Cultura programa un curso para dar a coñecer entre o persoal da Rede de Bibliotecas de Galicia novas ferramentas e experiencias prácticas de dinamización da lectura dixital.
A Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, acolle a realización desta iniciativa, na que o alumnado terá a posibilidade de coñecer os novos soportes de lectura, así como recursos e experiencias prácticas para impulsar a alfabetización dos usuarios e usuarias das bibliotecas na lectura dixital. A coordinadora da Área de Promoción da Lectura no Centro Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, Elisa Yuste, é a encargada de impartir este curso, no que tamén se analizan as necesidades de lectura entre as franxas poboación máis novas.
Novas ferramentas e experiencias prácticas
Os contidos do curso estrutúranse en catro grandes apartados. En primeiro lugar, abórdanse os novos soportes de lectura, tanto no referente aos dispositivos como aos contidos, e ofrécense pautas para a súa análise e selección. En segundo lugar, inclúense contidos sobre os ámbitos web na promoción da lectura, desde o punto de vista da información e da comunicación, así como da interacción e da creación de contidos. En terceiro lugar, presentaranse exemplos de iniciativas de interese arredor de webs de autores e obras, de clubs na nube e de xogos en liña. Finalmente, analizaranse as características e niveis de comprensión lectora do público infantil e xuvenil, así como a súa satisfacción e apropiación de dispositivos.
Mellora e modernización dos servizos bibliotecarios
O curso forma parte do Plan de Formación 2012 dirixido ao persoal técnico e auxiliar da Rede de Bibliotecas de Galicia que ten en marcha actualmente a Consellería de Cultura e Educación. No marco competencial de mellora e modernización da Rede de Bibliotecas de Galicia, a Secretaría Xeral de Cultura asume a función de formación dos profesionais que desempeñan as súas tarefas nos centros desta rede a través dun programa no que se inclúen diversos temas de interese tratados por recoñecidos expertos.
Ademais do curso sobre promoción da lectura dixital, actualmente está en marcha un curso de xestión dos fondos das coleccións bibliotecarias, para manter unha colección actualizada, adaptada ás necesidades dos usuarios e usuarias e, polo tanto, en bo estado para a súa utilización. Tamén están previstas ata finais de xuño accións de formación sobre o libro electrónico, o proceso lector e a atención ao usuario.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.