Notas de prensa

A Capela de Santa María acolle unha exposición que reúne por primeira vez obras de Laxeiro procedentes de coleccións particulares

Presentouse a mostra Laxeiro, Cosmoloxías, que exhibe por vez primeira no país 24 obras do pintor procedentes de coleccións particulares de España e Portugal.

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou a mostra Laxeiro, Cosmoloxías, unha nova exposición que o Centro de Artesanía e Deseño leva á Capela de Santa María e que recolle 24 obras do galego Laxeiro, un dos artistas máis destacados da arte contemporánea do país. Esta é a primeira vez na que se poderá admirar na mesma mostra unha serie de destacadas obras figurativas de Laxeiro, para o que foi necesaria unha ardua labor de rastreo por coleccións particulares de España e Portugal. Esta oportunidade única é posible grazas a un convenio asinado pola Deputación e a Fundación Laxeiro, o que constitúe un paso decisivo cara a consolidación do espazo expositivo da Capela de Santa María coma referencia dos circuítos artísticos galego e nacional.

Durante o acto de presentación, que contou coa presenza do director artístico da Fundación Laxeiro, Javier Pérez Buján, Polín subliñou que “non me canso de insitir na importancia que paso a paso está acadando a Capela de Santa María no circuito artístico nacional”. O feito de que este espazo sexa o escenario elixido para a estrea nacional de Laxeiro, Cosmoloxías, dá un paso máis cara o obxectivo marcado pola institución provincial para a Capela, o de facer dela o referente lucense dos espazos expositivos. “Este espazo ven de acoller a exposición colectiva 73x73x273. A irmá do sono, formada por obras de 27 destacados artistas galegos contemporáneos, que amosaron con diferentes técnicas as súas reflexións sobre a morte como leiv motiv. As máis de 1.200 persoas que se achegaron ata a Capela confirman a consecución deste obxectivo”, subliñou Polín.

Pola súa banda, Javier Pérez Buján, en súa calidade de comisario da exposición, agredeceu o interese da Deputación en achegar a obra de Laxeiro ós lucenses, e confiou en que a colaboración entre a institución provincial e a Fundación siga a dar froitos no futuro.

24 óleos sobre tea de Laxeiro

Esta mostra recolle 24 óleos sobre tea de Laxeiro, pertencentes a coleccións procedentes de diferentes recunchos de España e Portugal. Coleccións particulares de Lugo, Santiago, A Coruña e Vigo, así como fondos propios de galerías de arte ou de entidades bancarias son algunhas das orixes destas obras datadas entre os anos 50, 60 e 70. Durante estes anos, Laxeiro residiu en Buenos Aires e alí mantivo contacto coas correntes artísticas que se propoñían dende Francia (o “art brut”) e Centroeuropa (o chamado “grupo CoBrA”). Alonxado da pintura académica e volcado unha pintura máis espontánea, Laxeiro atopou inspiración no mundo da loucura, os nenos ou o primitivismo, temas que achegan a súa obra cara outros movementos artísticos da época, coma o expresionismo, o informalismo ou mesmo coa tradición negrista da pintura española (Goya, Ribera, Gutiérrez Solana, etc.). Membro destacado dos “Renovadores da Vangarda Histórica Galega”, Laxeiro contribuiu decisivamente a introducir a pintura galega na contemporaneidade, cunha obra de gran forza expresiva que foxe dos estereotipos que se importaban dende Madrid cara o resto de provincias españolas.

Son obras nas que o autor comeza a empregar cores primarias e a súa produción inclínase cara o horror vacui (medo ó vacío), deixando ver o anarquismo do seu autor, a súa rebeldía e a disconformidade e denuncia de todo o que el consideraba hipócrita, inxusto ou falso. O espazo singular da Capela de Santa María constitúe o marco perfecto para admirar obras como Crucifixión, O profeta, Martirio do boneco Ramón ou Muller crucificada, que son algunhas das 24 que poderán ser admirados no sala situada na Ronda da Muralla ata o vindeiro 20 de xullo.

Horarios da exposición

Toda esta obra poderá ser admirada na Capela de Santa María dende este xoves, ás 20:15 horas. Todos os que os desexen poderán achegarse ata a Capela de Santa María no seguinte horario: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas; sábados de 17:00 a 20:00 horas e domingos de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.

Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo, 2012-05-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES