A Fundación Cidade da Cultura de Galicia vén de asinar un convenio de colaboración coa Fundación Rogelio Groba para a conservación e difusión do fondo bibliográfico musical deste gran músico e compositor galego. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou con Rogelio Groba o convenio polo que se destinarán un total de 15.000 euros para a dixitalización das súas obras e a súa incorporación aos fondos da Biblioteca de Galicia para facilitar a súa difusión, estudo e consulta.
Vázquez Abad destacou, na sinatura deste convenio, a importancia para a cultura galega dos fondos musicais da Fundación Rogelio Groba, que definiu como un conxunto de obras de creación musical único e singular do patrimonio cultural galego, e destacou o papel que está a xogar dita institución na conservación e difusión da obra do mestre Rogelio Groba Groba. Do mesmo xeito, o titular de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria enmarcou este convenio na importancia de coordinar esforzos coas entidades do sector público para a súa defensa e difusión, acometendo á súa dixitalización conforme á dispoñibilidade económica e á necesidade de conservación e demanda pública das obras.
Dixitalización antes de final de ano
Coa sinatura deste convenio, queda plasmada a vontade da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e da Fundación Rogelio Groba de promover accións dirixidas a recuperar, conservar, facilitar o acceso e o estudo, e difundir entre a sociedade o patrimonio bibliográfico musical desta institución, a través da conversión a formato dixital de rexistros bibliográficos tan importantes como a Sinfonía nº 5 Máxica; Metaphoras; Concerto para viola e corda Epicúreo; Concerto para violín e orquestra Res, non verba; o poema sinfónico A lenda de Floralba e o peregrino; Nova Galicia; Cantigas do Miño; e un total de dez obras banda.
A Fundación Rogelio Groba achegaralle á Fundación Cidade da Cultura de Galicia esta lista de pezas antes de finais de ano para a súa dixitalización co obxectivo de favorecer a conservación, o estudio e a difusión deste patrimonio cultural. Pola súa banda, a Fundación Cidade da Cultura realizará a transformación dixital dos arquivos recibidos, as dixitalizacións complementarias que considere de interese e a creación dos metadatos dos rexistros de todas as obras musicais que conformen o catálogo das obras de Rogelio Groba Groba, para a súa integración e difusión a través da Biblioteca Dixital do Centro Superior Bibliográfico de Galicia dentro do proxecto de Biblioteca de Galicia.
Rogelio Groba
O mestre Rogelio Groba (Guláns-Pontevedra, 1930) entrou en contacto coa música dende moi neno a través da banda A Unión de Guláns, da que se fixo director con tan só 17 anos. Tras estudar no Real Conservatorio de Música de Madrid exerceu como director de banda de diversas localidades galegas e españolas antes de trasladarse a Suíza, onde dirixiu con éxito numerosas agrupacións musicais e a Editorial Musical Rauber. En 1967, de volta a Galicia, foi nomeado director da Banda-Orquestra Municipal da Coruña, cargo que exerceu durante 23 anos. Ao mesmo tempo fundou a orquestra do Conservatorio Superior de Música da Coruña e a Orquestra de Cámara Municipal. Foi profesor de Contrapunto e Fuga, de Harmonía e de Composición en dito Conservatorio, que tamén dirixiu durante 20 anos, ao tempo que fundou varios conservatorios dentro da xeografía galega.
Autor de ensaios e libros como 252 alalás, dende 1990 dedicouse en exclusiva á creatividade musical, campo no que foi recoñecido como O premio da Crítica Galega (1979), O Premio da Xunta de Galicia da Cultura (1992) ou a Medalla Castelao (1995). Ademais de ser Fillo Predilecto da súa vila natal, Rogelio Groba é membro do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, da Real Academia Galega de Belas Artes e da Real Academia de San Fernando, de Madrid.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.