Notas de prensa

A Xunta promove a figura de Paz-Andrade en 16 países de Europa e América

Os profesores lectores de galego organizan ao longo do mes de maio nos centros de estudos galegos das universidades diversas iniciativas para conmemorar as Letras Galegas 2012 sobre Paz-Andrade e difundir no exterior a lingua e a cultura galegas.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fai partícipes da conmemoración das Letras Galegas e da difusión da vida e da obra do homenaxeado deste ano, Valentín Paz Andrade, a 16 países de todo o mundo a través da difusión de dúas exposicións confeccionadas por alumnado e profesorado de dous centros de ensino de Galicia. O departamento que dirixe Vázquez Abad distribuíu as dúas coleccións de carteis gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2012 que versan arredor da figura do escritor pontevedrés en todos os centros de estudos galegos cos que este departamento da Xunta de Galicia conta actualmente e que chegaron a universidades de Europa e de América.

Así, través dos 38 centros de estudos galegos que coordina a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a obra e a vida de Paz Andrade difúndese con esta exposición en España, Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, Croacia, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido e Rusia.

As mostras sobre Valentín Paz Andrade que se están a exhibir nestes países son “Colleita de 1898” e “Valentín Paz-Andrade, galego de corazón” e son os traballos gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2012 da Secretaría Xeral de Política Lingüística, na que participaron numerosos centros educativos de Galicia. Os carteis desta exposición e mais os da premiada na categoría de educación infantil e primaria están tamén accesibles no web http://www.xunta.es/linguagalega/letras_galegas

Máis iniciativas para conmemorar no exterior as Letras Galegas
Ademais da exhibición desta mostra, os centros de estudos galegos están a organizar diversas iniciativas para celebrar o 17 de maio e, deste xeito, impulsar a proxección exterior e o recoñecemento internacional da lingua e da cultura galegas.

Dentro do territorio español, as universidades de Barcelona e de Alacant organizan cadansúa conferencia sobre o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas. A Universidade de Alacant ofrecerá a conferencia “Conexións entre as narrativas en linguas galega e castelá de Celso Emilio Ferreiro”, mentres que Miguel Anxo Seixas ofrecerá en Barcelona a conferencia “Valentín Paz Andrade. Galicia labra a súa imaxe”. Pola súa banda, a Universidade de Granada organiza unha conferencia con motivo do Día das Letras Galegas, que correrá a cargo do profesor Xaime Varela, sobre os recursos do Instituto da Lingua Galega que se poden atopar en internet para traballar co galego.

A Universidade de Cáceres programou diversas actividades para desenvolver ao longo do mes de maio: o día 2 de maio tivo lugar a conferencia-concerto de Bieito Romero, compoñente de Luar na Lubre; o 7 de maio proxectáronse filmes en galego; o 19 de maio terá lugar un concerto da banda galega Ülträqäns na sala El corral de las cigüeñas; e o 21 de maio os actos de celebración das Letras Galegas pecharán cunha conferencia do profesor Emilio Cambeiro López.

No País Vasco, o centro de estudos galegos da Universidade de Deusto organiza numerosas actividades para conmemorar as Letras Galegas, entre as que se encontran a presentación do libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez ou o obradoiro de banda deseñada en lingua galega a cargo de Miguel Cuba. A estas actividades, hai que engadir o recital poético-musical “Erguemos a esperanza. Celso Emilio Ferreiro en tres poetas actuais”, con Andrea Nunes, Mario Regueira e Lorena Souto; e a conferencia “Valentín Paz Andrade: galeguismo e modernidade” no Centro Galego de Bizkaia en Barakaldo. Pola súa banda, a Universidade do País Vasco levará a cabo un combate poético que leva por título “A hostia en verso: Valentín Paz Andrade vs. Celso Emilio Ferreiro”.

A Universidade Complutense de Madrid tamén se suma aos actos de conmemoración das Letras Galegas cunha serie de actividades organizadas polo Centro de Estudos Galegos desta universidade para a semana das letras, en colaboración coa UNED, o Espazo das Linguas Ibéricas e Aturuxo Tenda Galega. Os actos comezan o día 16 cunha xornada de conferencias, que terá lugar na Universidade Complutense. A primeira conferencia correrá a cargo de Tucho Calvo co título “Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX”; ás 12.00 h, o profesor Ricardo Pichel falará obre a “Semblanza de Isaac Díaz Pardo” e, ás 12.30 h, Ana Acuña conmemorará o ano de Celso Emilio Ferreiro co relatorio “Onde o mundo se chama Celso Emilio”. Pechará o programa de mañá un recital poético en homenaxe a Celso Emilio Ferreiro. Xa pola tarde, no Espazo das Linguas Ibéricas celebrarase unha homenaxe a Isaac Díaz Pardo. O programa completo de actividades pode consultarse no recén estreado blog do Centro de Estudos Galegos da Complutense http://galegomadrid.blogaliza.org

En Portugal, o centro de estudos galegos de Lisboa organizou un ciclo de conferencias para os meses de abril e maio. Amais, programou diversas actividades como a Feira do livro galego, a exposición fotográfica “Ordesa”, o obradoiro de música tradicional galega, representacións teatrais e encontros e recitais poéticos.

Tamén en Portugal, a Universidade do Minho programou para o 17 de maio a emisión dun programa especial na radio universitaria (www.rum.pt) dedicado a Valentín Paz Andrade. Mentres, o 22 de maio, celebrarán unha aula aberta “De Rosalía de Castro a Valentín Paz Andrade”.
Como mostra das actividades realizadas polos centros de estudos galegos nas universidades europeas, destacamos os cursos monográficos que a Universidade de París realizará no mes de maio sobre o Día das Letras Galegas e sobre Valentín Paz Andrade.

Outros exemplos das iniciativas no exterior promóveo o centro de estudos galegos da Universidade de Kiel, onde a escritora Inma López Silva falou sobre o que supón ser unha literata galega hoxe en día. O acto foi introducido polo profesor Gómez-Montero, quen realizou unha introdución na que presentou a figura de Valentín Paz Andrade.

O papel dos centros de estudos galegos

Na actualidade, a secretaría xeral posibilita que o galego sexa obxecto de estudo en 38 universidades de 16 países de Europa e de América. A maior parte delas contan con profesores lectores asentados en departamentos coñecidos como centros de estudos galegos, que imparten materias de lingua galega.

A actividade realizada nos centros de estudos galegos leva contribuído de maneira fundamental á difusión exterior do galego, á investigación lingüística desde perspectivas moi diversas e tamén ao prestixio da lingua entre os seus propios falantes, ao observar o interese e recoñecemento que posúe fóra.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-05-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (facela-fest-2026.jpg) O FaCeLa Fest reúne este ano a 18 bandas, encabezadas polos ingleses Temples, os galegos Triángulo de Amor Bizarro, os asturianos Australian Blonde e as madrileñas Shego. Completan o cartel o novo proxecto lucense The Foolans, Bernal, Axolotes Mexicanos, Los Palms, Pacífica, Ripship, Error 97, Sigilu, Filophóbicas, Toldos Verdes, Las Yhadys, Aeronave Adolescente, Fotocopia e Sapo Bufo. O escenario principal trasládase nesta edición á Sala Tebras pero haberá tamén concertos noutros espazos da cidade, como o Bar Facela, no barrio da Tinería.
Foto de la tercera plana (educacion-responsable.jpg) Galicia aposta por ampliar as melloras no ensino tamén ás etapas de ESO, Bacharelato e Formación Profesional con novas propostas en materia de ratios, atención á diversidade e horario docente, dentro da vía de diálogo aberta entre Xunta e sindicatos. As propostas, que se elevarán aos órganos pertinentes coa previsión de comezar a aplicalas desde o novo curso que arranca en setembro, abordan melloras nas ratios de estudantes por aula na ESO e no Bacharelato, na atención que se presta ao alumnado que máis o precisa e na configuración do horario do profesorado e das súas funcións.

Notas

O Espazo de intervención cultural NORMAL da UDC acollerá ata o 15 de setembro a exposición “A Coruña, porto negreiro”, unha mostra que propón unha revisión crítica da memoria colonial da cidade e ao seu papel no tráfico transatlántico de persoas escravizadas. Esta mostra expositiva fai un percorrido pola memoria colonial coruñesa e convida a recoñecer as pegadas que este legado deixou na arquitectura, na economía e no imaxinario urbano.
Seguir a 'tipsters' ou prognosticadores de xogos de apostas en redes sociais asóciase cunha maior intención de apostar entre adolescentes. Os menores que seguen a estas figuras amosan unha maior frecuencia de xogo e unha menor percepción do risco. Estas son algunhas da conclusións dun estudo realizado desde a Universidade de Vigo e a Universidad Miguel Hernández de Elche (UMH).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES