O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou a figura de Valentín Paz-Andrade, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012, como un exemplo para as xeracións futuras. Así o expresou na entrega do premio ao CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo), polo traballo presentado ao certame escolar para a elaboración dunha exposición multidisciplinar arredor da figura do homenaxeado. Unha serie de carteis nos que, tal e como explicou o conselleiro conseguistes sintetizar en imaxes e palabras a inmensa obra de Valentín Paz-Andrade; un autor, e cito un dos vosos carteis, polifacético e incansable cun único obxectivo: servir a Galicia.
Ademais de Valentín Paz-Andrade, galego de corazón, do CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao - que acadou o premio na modalidade dos centros de educación infantil e primaria- neste certame resultou galardoada na modalidade para os centros de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e FP- Colleita do 1989, do IES Xoán Montes (Lugo), ao que o conselleiro entregou o premio o pasado luns.
Vázquez Abad explicou que felicitou a todo o profesorado e a todo o alumnado do CEIP polo seu traballo. É un pracer ver como a colaboración entre docentes e estudantes de distintas aulas e niveis dá uns resultados tan positivos: uns carteis alegres coma a festa que celebramos, cheos de luz e cunha unidade que reflicte a perfecta coordinación e o traballo en equipo que estes materiais teñen detrás, dixo.
Semente dunha Galicia próspera
Respecto do exemplo de Paz-Andrade, o conselleiro salientou o seu traballo constante a prol de Galicia e da súa lingua, que debe animarvos a vós, rapaces e rapazas do CEIP Afonso Daniel Rodríguez Castelao, a formarvos para serdes no futuro, coma el, semente dunha Galicia cada vez máis próspera e tamén a esforzarvos sempre, dende hoxe e para sempre, por dignificar a lingua galega e abrirlle todas as portas do mañá. Paz-Andrade, ademais, comprendeu ben que o progreso material e económico da nosa comunidade non sería posible sen o paralelo progreso da súa cultura e da súa lingua propia, engadiu.
Vendo o voso traballo, rapaces e rapazas, estou seguro de que seredes capaces de aproveitar as oportunidades de aprender e de medrar nestes e noutros aspectos do saber que vos brinda o profesorado do CEIP Afonso Daniel Rodríguez Castelao, a quen aproveito para agradecer o seu labor e entrega, rematou.
Traballo pluridisciplinar
A través destes traballos, as alumnas e alumnos presentan a obra e a época do autor homenaxeado desde unha perspectiva pluridisciplinar, implicando a varios departamentos do centro educativo na tarefa. Así, a Consellería, impulsora do certame, contribúe a fomentar a colaboración interdepartamental nos colexios e institutos, así como a implicación activa do profesorado e o alumnado.
O certame, organizado no marco de actividades desenvolvidas pola Consellería na lembranza de Paz-Andrade este anos no que se lle dedica o 17 de maio, constitúe unha oportunidade para convidar ao estudantado a que reflexione sobre a situación sociolingüística da nosa lingua propia na época concreta do autor. Procúrase, ao tempo, a dignificación e normalización do galego, así como enriquecer a oferta de materiais existentes en lingua galega. De feito, as exposicións gañadoras imprímense para seren distribuídas en máis de 1.600 puntos de Galicia e o exterior, tales como centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, bibliotecas municipais e casas da cultura, entre outros.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.