Notas de prensa

Manifesto de CC.OO. polo Día das Letras Galegas 2012

Declaración da Comisión Executiva do sindicato CC.OO. Galicia con motivo da celebración do Día das Letras Galegas o 17 de maio.

O 17 de Maio celebramos o Día das Letras Galegas, este ano dedicado á figura do escritor, xurista, político e empresario Valentín Paz-Andrade. Desde o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia reafirmámonos no insubstituíble papel da lingua galega para a nosa sociedade, non só vehículo de comunicación e expresión cultural, senón tamén patrimonio irrenunciable de toda a cidadanía.

Ao ser o idioma parte do patrimonio dos galegos e as galegas, é o noso deber, como cidadanía responsable, coidalo, protexelo e difundilo. Para o Sindicato Nacional de CC OO de Galicia, o dereito a expresarse na lingua galega é irrenunciable, pero esta liberdade é limitada se non se garanten as fórmulas que permiten acadar competencias plenas no dominio da nosa lingua. Para logralo, e así garantir este dereito, cómpre promover o uso cotián do galego en todos os ámbitos, non só nos culturais e educativos, tamén nos administrativos, xudiciais e outros.

É por isto polo que levamos xa moito tempo a denunciar que a Consellería de Educación continúa tapando baixo unha imaxe de «plurilingüismo» o que realmente é o maior ataque á normalización lingüística na etapa democrática, rompendo ademais cos consensos previos. A lingua galega é de todas e de todos, así que, por definición, non pode ser patrimonio exclusivo de ninguén, nin tampouco materia para a confrontación política ou motivo de controversia.

Ao igual que os nosos servizos públicos, a lingua é tamén patrimonio de cada galego e galega. Non é de lei que en momentos como o actual se utilice a crise como pretexto para minguar sen xustificación os recursos destinados á promoción do idioma. Así, segundo os datos fornecidos polo propio secretario xeral de Política Lingüística no Parlamento, as actividades de promoción da nosa lingua ven o orzamento reducido case un 12%. Por outra parte, a Real Academia Galega, cun importantísimo papel recoñecido non só socialmente, senón tamén polo noso Estatuto de Autonomía, viu como o Goberno central lle rebaixaba inicialmente o orzamento un 62%, medida parcialmente corrixida, ficando o recorte en ‘só’ o 31,8% respecto do ano anterior.

Por todo isto, desde o Sindicato Nacional de CC OO de Galicia pedimos o compromiso dos poderes públicos na adopción das medidas necesarias, tanto económicas como normativas e programáticas, para garantir que a cidadanía galega poida exercer, con auténtica liberdade, o pleno gozo dos seus dereitos lingüísticos. Convidamos, así mesmo, a todas as galegas e galegos a participaren nos actos que se convoquen con motivo do día grande das nosas letras.

Xerardo Uz (Gabinete de Comunicación de CC.00. Galicia), 2012-05-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES