O Centro Galego de Arte Contemporánea, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, presentou unha nova edición do ciclo de concertos Música e arte. Correspondencias sonoras. Este ciclo, que trata de vincular a música contemporánea con cada unha das exposicións programadas no museo, foi presentado hoxe polo director do CGAC, Miguel von Hafe Pérez e polo responsable do ciclo, Pablo Coello.
Música e arte. Correspondencias sonoras tratará de relacionar a música e a arte e introducir as composicións de creadores de diferentes nacionalidades e culturas, onde terán cabida todas as expresións creativas actuais. O obxectivo é coñecer de primeira man as estéticas máis avanzadas, os compositores máis relevantes e as perspectivas de desenvolvemento máis interesantes da nova música. Estas obras serán interpretadas pola formación Vertixe Sonora Ensemble.
O ciclo iníciase o Día Internacional dos Museos, o vindeiro 18 de maio ás 22,45 horas, co concerto A inspiración da luz, que servirá de preámbulo aos outros catro concertos, os que contarán con trece estreas absolutas e diversas actividades paralelas. Entre estas estreas, destacan as obras de compositores como Dimitri Kourliandski, Nadir Vassena, Ramón Souto, Teresa Carrasco, Marco Marinoni, Oriol Saladrigues, Silvia Cohen, Alexander Khubeev, Esais Järnegard, ou Matthias Kranebitter.
O resto das citas deste ciclo espallaranse entre o verán e o outono, terán lugar no auditorio do CGAC ás 20, 30 horas e a entrada é de balde e limitada á capacidade da sala. Deste xeito, o 5 de xuño presentarase A colección, realizada entorno aos fondos mostra de Helga de Alvear. O 25 de setembro interpretarase En catro movementos: tempo infinito repetición presenza, entorno a obra de Esther Ferrer. Finalmente, haberá unha ollada dupla sobre a mostra de Fernando Casás con dous concertos: De paisaxes, paseos e arqueoloxías sonoras
, o 6 de novembro; e Efémero, o 27 de novembro.
Sen moverte do sofá
Doutra banda, o CGAC acollerá o vindeiro 27 de maio o proxecto Sen moverte do sofá, unha serie de talleres de arquitectura para nenos de entre 7 e 11 anos onde se mostrarán as características de diferentes cidades españolas a través das características particulares de cada urbe. A través de conexións virtuais, os aprendices de arquitectura, investigarán e intercambiarán información sobre os parecidos e as diferenzas entre as cidades; a súa historia, estrutura, modelos de crecemento e singularidades, que axudan a entender, de xeito global, os lugares que habitamos.
O rapaces crearán unha maqueta da cidade de destino (Palma de Mallorca, Madrid, Valencia, A Coruña), para despois construír a escala grande algún dos seus edificios máis emblemáticos. As construcións faranse a partir do Sistema Lupo (do arquitecto Fermín Blanco): unha serie de pezas modulares que permiten múliples posibilidades de combinacións, formas, proporcións, xogos de equilibrio e estratexias de acción.
Os talleres terán lugar o domingo 27 de maio en Santiago de Compostela, o sábado 9 de xuño en Palma de Mallorca e o sábado 23 de xuño en Madrid. As actividades son de balde e o prazo de inscrición comeza o vindeiro 21 de maio.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.